Sociolingüística galega: conflito, norma e uso
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 11,69 KB
I. Sociolingüística
Funcións sociais da lingua, conflito e diglosia, estereotipos e prexuízos lingüísticos
A función esencial dunha lingua é servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Cando algunha delas é desempeñada por outra lingua, falamos de lingua minorizada.
A convivencia lingüística é a situación máis habitual, dado que as aproximadamente 5000 linguas coñecidas repártense nuns 200 Estados existentes, mais raramente esta convivencia é pacífica:
- Nuns casos, o poder político e económico impón a súa lingua oficial, provocando a desaparición da lingua autóctona (o caso do latín en Gallaecia). É o que coñecemos como substitución lingüística.
- Noutros casos, as dúas linguas conviven, aínda que con usos distintos: unha convértese en hexemónica (tamén chamada lingua A, dominante ou lingua de cultura) e desenvolve as funcións socialmente relevantes (institucional, cultural, internacional); e a outra convértese en lingua minorizada (tamén chamada lingua B, dominada ou idioma cuberto), e o seu uso fica progresivamente restrinxido a ámbitos orais, coloquiais, etc. Neste caso, falamos de convivencia diglósica e prodúcese un conflito entre as dúas linguas. No caso da comunidade lingüística galega, a convivencia diglósica vénse producindo desde o século XV.
O conflito lingüístico non é máis que o reflexo das tensións sociolingüísticas que se producen entre as dúas linguas desde o momento en que a lingua dominada pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída pola dominante.
A resolución do conflito só pode ser a substitución lingüística da lingua B pola lingua A, ou a plena normalización lingüística, isto é, coa recuperación pola primeira dos ámbitos de uso que lle foron arrebatados pola segunda, para o que é necesaria a lealdade lingüística e o compromiso activo dos falantes, así como a implicación no proceso dos poderes públicos e das institucións culturais e económicas.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego, no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica: é propia do mundo rural, non serve para falar das ciencias, non serve fóra do territorio, o galego normativo é “inventado”, só a falan os de esquerdas, non vale para Internet...
Tamén hai quen supón que se pode dar un bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas, solución utópica que atenta contra o principio de economía lingüística e que acabaría, en realidade, conducindo á substitución.
No ámbito do ensino, nos últimos anos está entrando tamén o inglés, polo que o bilingüismo pasa a trilingüismo.
Historia da normativización: a construción da variedade estándar
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos para imitar.
A maioría das linguas románicas fixeron este labor durante a Idade Media. Cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
Neste proceso de normativización, podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do século XIX). Non existe realmente unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade). Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Galego enxebrizante (ata 1936). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal.
- Eliminación de castelanismos.
- O portugués é o seu modelo de lingua culta.
c) Galego protoestándar (ata fins dos 70). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase, sobre todo, pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e circunflexos).
d) Galego estándar (ata a actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores. En 1982, a RAG e o ILG aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003.
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:
- No plano fónico: redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
- No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (a ponte, o sangue), seguindo a norma castelá; confusión dos pronomes TE/CHE; uso de tempos verbais compostos.
- No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
- No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / grifo), substitución da forma galega pola castelá (arxila por arcilla, garfo por tenedor...).
Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).
Linguas minorizadas e minoritarias, o galego en vías de normalización
Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante.
O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria, que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística (o caso do galego), ou pode que non.
A complexidade da composición social da poboación en moitas áreas, así como os continuos movementos desta, fan imposible un acordo sobre o número de linguas que se falan no mundo, así como sobre o número de falantes de cada unha.
No caso europeo, case todos os Estados actuais son plurilingües (mesmo en Portugal é oficial o mirandés) e a coexistencia das diversas linguas dentro das comunidades pertencentes a eses Estados prodúcese no plano da diglosia (excepto en Suíza e Bélxica, pero só na teoría). Hai, polo tanto, gran cantidade de linguas minorizadas, pertencentes a comunidades que, en moitos casos, están divididas por fronteiras políticas, como o éuscaro ou o catalán, xa que non sempre os límites dunha comunidade lingüística ou dunha nacionalidade histórica coinciden cos dun Estado moderno.
O status e o nivel de uso das diversas linguas minorizadas, case todas minoritarias tamén, son moi distintos: o gaélico, lingua oficial de Irlanda, sobrevive como lingua case “ritual”. O bretón, o occitano ou o corso sofren historicamente, igual que o catalán e o éuscaro, os embates centralistas do Estado francés que, en certos momentos, chega mesmo a prohibir a súa fala. Consideración parecida merece o romanche na Suíza, e o sardo –lingua da illa de Sardeña- ou o friulano no Estado italiano.
É dentro do actual Estado español onde as linguas minorizadas (galego, catalán e éuscaro) gozan de maior status e son usadas en ámbitos impensables para as anteriores.
O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego...), xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo case todas as axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas...
A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais, a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.