Situación actual e futuro do galego

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,36 KB

Estado actual da lingua galega e grao de normalización

Competencia oral: Practicamente todos os galegos entenden a súa lingua e unha maioría pode falala.

  • Competencia escrita (lectura e escritura): É menor que a oral. Téñena, sobre todo, a xente máis nova e as clases media e media-alta, grupos nos que precisamente menos se fala galego. Porén, o seu dominio oral e escrito explícase pola escolarización en galego, ao seren as clases sociais máis escolarizadas.

  • Cal é a lingua inicial dos galegos? Aínda que entre as xeracións máis vellas do ámbito rural segue sendo o galego a lingua inicial maioritaria en Galicia, hai que ter en conta que está a retroceder como lingua inicial da maioría dos galegos, debido á perda de transmisión lingüística ás novas xeracións, que xa teñen como lingua inicial maioritaria o castelán.

  • Con respecto ao nivel de uso dunha ou outra lingua en Galicia, cómpre indicar que se ata hai pouco tempo había unha distribución clara entre galego (máis presente nas xeracións máis vellas, ámbito rural e clase social baixa) e castelán (nas xeracións novas, ámbito urbano e clase social media-alta), hoxe esta distribución é moito máis imprecisa, pois o castelán está cada vez máis presente en todas as clases sociais, hábitats e xeracións, ao mesmo tempo que o galego se recuperou nos ámbitos formais e públicos (administración, medios de comunicación, etc.), aínda que sexa dun xeito ritual ou protocolario.

Vemos así que, malia que o proceso normalizador comezou hai máis de 20 anos, aínda hoxe non se acadou o freo da castelanización. Posiblemente as causas haxa que procuralas no labor da anterior Dirección Xeral de Política Lingüística, que adicou os seus esforzos a cursos de formación, axudas e subvencións que non acadaron o seu obxectivo, o financiamento da RTVG e a normalización do ensino.

Diante desta situación, no ano 2004 o Parlamento de Galicia aprobou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A planificación céntrase en varios sectores da sociedade (administración, educación, familia e sociedade, medios de comunicación e industrias culturais, economía, sanidade, sociedade en sentido amplo, proxección exterior da lingua) a través de 445 medidas encamiñadas ao potenciamento do uso do galego en todos os niveis e funcións.

Os obxectivos que establece este plan céntranse en garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, conseguir máis funcións sociais e espazos de uso, introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego, promover unha visión moderna e útil da lingua e dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios. Todas estas propostas van encamiñadas a frear a perda de falantes e aumentar o seu uso en todos os ámbitos e en todas as xeracións.

O porvir da lingua galega

Perfís da situación lingüística actual

A pesar de que continúa o proceso castelanizador na nosa sociedade, temos unha situación diglósica distinta á de etapas anteriores: o galego deixou de ser exclusivo das clases baixas, comunicación oral e ámbito familiar, e compite co castelán na comunicación culta. Hoxe a sociedade galega, en xeral, ten a capacidade de expresarse só en galego no seu funcionamento normal (recorrendo a outros idiomas para comunicarse co exterior). Só depende da superación dos prexuízos que, aínda que cada vez son menos, aínda existen sobre a lingua.

As linguas e as culturas ante o reto da mundialización

Factores como a mellora das comunicacións entre países, a maior comunicación de persoas entre países de culturas e linguas diferentes e a unificación monetaria, económica, etc., levan a un proceso de mundialización que podería poñer en perigo a supervivencia de linguas e culturas minorizadas no conxunto mundial, sobre todo debido á acción dos estados que buscan impoñer as culturas e linguas dominantes (+ inglés e francés) como “linguas nacionais”. Fronte a isto, cada vez máis comunidades organízanse para defender a súa cultura e a súa lingua contra a opresión das linguas dominantes.

O galego na Unión Europea

Aínda que no ano 2004 o goberno socialista solicitou á Unión o recoñecemento do galego, catalán e vasco como linguas oficiais da Unión Europea, o certo é que aínda unicamente son linguas oficiais da Unión as linguas dos estados membros (non as linguas nacionais destes).

Aínda así conseguiuse que o catalán, galego e vasco:

  1. Poidan usarse oralmente nas institucións europeas, solicitándoo con antelación.
  2. Os cidadáns poderán usar o catalán, galego e vasco para dirixirse, por escrito, ás institucións europeas... aínda que non de forma directa. Será a través dunha oficina que traducirá o texto (e a resposta) a unha das 21 linguas oficiais.
  3. Traduciranse ao catalán, galego e vasco leis e outros textos legais, aínda que prevalecerá a versión en castelán.

Por outra banda, o galego, ademais de contar cunha prestixiosa literatura traducida fóra das nosas fronteiras, é hoxe unha lingua ben estudada, con traballos e estudos que teñen proxección fóra de Galicia, e mesmo se dan clases de galego en universidades de todo o mundo.

Esta situación de prestixio cultural gañado para o galego fóra do noso territorio (comparado co doutras linguas minorizadas de Europa como o bretón, occitano, ladino…), non é suficiente para a normalización da lingua se temos en conta a tendencia xeral á globalización, o avanzado proceso de castelanización actual en Galicia, a defensa do pretendido bilingüismo harmónico e o rexeitamento dalgúns grupos sociais de tendencia castelanista, factores todos que fan pensar nun futuro preocupante ou, cando menos, incerto para a nosa lingua.

Pertencer a un pobo é sentirse posuidores dunha cultura e dunha lingua diferentes, orixinais e exclusivas dentro da Europa multilingüe e multicultural, e é responsabilidade nosa mantermos e potenciarmos a nosa cultura e a nosa lingua para participar activamente na construción dun mundo máis libre que respecte as diferenzas dos pobos sobre a uniformización cultural, que conduciría á submisión ante as ideas e os valores impostos polos grupos dominantes.

Entradas relacionadas: