Sistema Nervioso e Endocrino: Actos e Hormonas
A Elaboración da Resposta polo Sistema Nervioso
A resposta motora depende da actuación dun circuíto de neuronas entre os órganos receptores e os órganos efectores. Cando a resposta é rápida e inconsciente, realízase dunha forma simple e constitúe un acto reflexo. Cando na elaboración da resposta se require a participación de centros nerviosos superiores, é máis elaborada e constitúe un acto voluntario.
Actos Reflexos
Son aqueles actos en que non intervén a vontade, e que se realizan de maneira inconsciente. Corresponden, por exemplo, ás reaccións automáticas que se producen como respostas a unha queimadura ou a unha picada.
Son actos rápidos, en que participa a medula espiñal como único órgano do sistema nervioso central. O conxunto de neuronas que participan no acto reflexo denomínase arco reflexo.
- Órgano receptor. Recibe o estímulo do exterior.
- Neurona sensitiva. Leva a información recibida, a través de nervios espiñais, cara á substancia gris da medula espiñal.
- Neurona de asociación. Situada na substancia gris da medula, transforma a sensación recibida nunha resposta motora.
- Neurona motriz. Leva a resposta aos órganos efectores, a través de nervios espiñais.
- Órgano efector. Executa a resposta. Pode ser un músculo ou unha glándula.
Actos Voluntarios
Son os actos que se realizan coa participación dos centros nerviosos da codia cerebral, polo tanto, conscientes e máis elaborados ca os anteriores.
- O órgano receptor capta un estímulo, este transmítese por unha neurona sensitiva, que entra pola raíz posterior dos nervios periféricos cara ás hastas posteriores da medula espiñal.
- Os corpos neuronais da substancia gris reciben o impulso e envíano, a través de fibras da substancia branca da medula, cara ao bulbo raquídeo. A este nivel fai sinapse con outra neurona, que conecta coa codia cerebral do hemisferio contrario ao lado onde se produce o estímulo.
- Ao chegar a información á codia cerebral, percíbese, faise consciente e elabórase unha resposta axeitada e consciente fronte ao estímulo percibido.
- A resposta, a través de neuronas motrices, sae do encéfalo por medio de fibras nerviosas da substancia branca do mesmo lado da medula por onde ascendeu, baixa ata que chega a determinado nivel.
- Alí fai sinapse co corpo dunha neurona motriz das hastas anteriores que envían a resposta polas raíces anteriores do nervio espiñal cara ao efector.
Coordinación Hormonal: O Sistema Endocrino
A coordinación hormonal do sistema endocrino lévase a cabo grazas a un conxunto de órganos especializados chamados glándulas endócrinas, que producen e segregan hormonas. As hormonas libéranse ao sangue en pequenas cantidades, son transportadas polo sistema circulatorio a todo o corpo, e producen respostas fisiolóxicas en células ou órganos chamados células ou órganos diana. Desde o punto de vista químico, as hormonas son substancias heteroxéneas, tales como: proteínas, lípidos, derivados de aminoácidos, etc.
Mecanismos de Acción Hormonal
As hormonas participan na regulación do medio interno (homeostase) activando ou inhibindo distintas actividades celulares. Participan en procesos como o crecemento, a regulación das reaccións metabólicas, etc. Unha vez producidas, as hormonas son transportadas polo sangue e chegan a todas as células, pero non todas as células responden da mesma maneira. As hormonas actúan unicamente en certas células. Esta especificidade débese á existencia dunhas moléculas receptoras nas células diana; de maneira que unha hormona si pode actuar sobre aquelas células que dispoñen destes receptores. A secreción de hormonas polas glándulas está regulada tanto polo sistema nervioso central coma polo propio sistema hormonal. A acumulación de hormonas no medio interno resulta prexudicial, polo que se inactivan ou destrúen con rapidez.
Coordinación Hormonal en Invertebrados
A maioría dos invertebrados presentan unha coordinación hormonal que se leva a cabo mediante hormonas segregadas por células neurosecretoras. En anélidos, artrópodos e moluscos, as células neurosecretoras encóntranse distribuídas por todo o sistema nervioso e liberan as neurohormonas directamente aos líquidos corporais.
- En anélidos, os ganglios cerebroides situados na parte cefálica producen neurohormonas que regulan os procesos de rexeneración e crecemento.
- En insectos existen dous órganos que están situados na cabeza, os corpos cardíacos e os corpos alares, aos que verten as células neurosecretoras do protocerebro. Os corpos alares posúen células secretoras propias e producen a hormona xuvenil, que atrasa a aparición dos caracteres propios do individuo adulto e que axuda a manter o estado larvario. Os corpos cardíacos almacenan a neurohormona de activación (AH), que unha vez segregada controla a actividade da glándula protorácica, a verdadeira glándula produtora da hormona da muda ou ecdisona, que provoca a muda do exoesqueleto e a metamorfose do insecto.
- En crustáceos preséntase unha glándula de seo, formada por terminacións axónicas, que produce neurohormonas como a cromatoforotropina que actúa sobre os cromatóforos* (células da pel con pigmentación) e regula os cambios de pigmentación do corpo. Tamén produce a hormona inhibidora da muda (MIH), que inhibe a secreción da hormona da muda (MH).
- En moluscos cefalópodos existen as glándulas ópticas, situadas ao lado dos ollos e controladas polo nervio óptico. Segregan hormonas gonadotrópicas responsables do crecemento do animal e do desenvolvemento das gónadas.