Os Séculos Escuros: Orixe da marxinación lingüística en Galicia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,54 KB
En primeiro lugar, teriamos que falar da perda de influencia de Galicia e a súa aristocracia na corte de Castela e León. En segundo lugar, o triunfo dunha política centralizadora e uniformizadora culturalmente da monarquía castelá, que culmina no reinado dos Reis Católicos. A nobreza galega non vía apoiados os seus intereses neste tipo de política e viuse envolta en guerras dinásticas das que saíu moi prexudicada. O resultado foi a drástica perda de poder e a súa substitución por unha nova nobreza fiel á monarquía, en moitas ocasións vinda de fóra.
A complexidade do proceso lingüístico
O galego nunca deixou de falarse e non estivo prohibido. O que ocorreu foi moito máis complexo e prolongouse como un conflito latente durante centos de anos (os Séculos Escuros), que sentou as bases da profunda desigualdade entre o galego e o castelán en Galicia que chega ata hoxe. Vaiamos apuntando algúns datos que nos axuden a comprendelo:
- Substitución das clases dirixentes: Os historiadores falan dunha auténtica substitución das elites en Galicia entre os séculos XIV e XV. A monarquía outorga os postos importantes a persoas do seu círculo que veñen de fóra e non coñecen a lingua do país.
- Castelanización das elites: O proceso comeza nas clases sociais altas. Axiña será imprescindible falar en castelán para ascender socialmente.
- Control documental: A partir desta época, contrólase con efectividade a lingua en que se escriben os documentos oficiais: o castelán.
A perda do prestixio literario
A perda escrita do galego, xunto co seu prestixio como lingua con tradición cultural e literaria, prodúcese nun momento crucial para o desenvolvemento das linguas vulgares: o momento en que a imprenta favorece a extensión da cultura escrita.
O galego na cultura popular
O galego, entre principios do século XVI e principios do XIX, repregado ás clases populares e reducido a lingua oral, segue a presentar unha gran vitalidade en todas as manifestacións da cultura tradicional popular. A estas clases tardou moito en chegar o castelán, porque non tiñan acceso á educación oficial e era practicamente imposible que deran o salto á clase dirixente.
O seu uso ocasional nos ámbitos cultos aparece, así, ligado á vida rural e humilde das clases baixas. Esta asociación de ideas está claramente expresada no prólogo que escribiu Rosalía de Castro para o seu libro Cantares gallegos en 1863.