Rosalía de Castro: O Conto Galego de 1864 e a súa Estética Literaria
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,81 KB
O Conto Galego de 1864: Unha Reivindicación Feminista
Publicado en 1864, este conto galego está ambientado na aldea e presenta un argumento sinxelo: dous amigos, Xan e Lourenzo, apostan sobre se un deles conseguirá ou non arrincar a promesa de casamento a unha viúva, Margarida, no mesmo día en que enterran o seu marido.
A viúva, aparentemente pola súa "debilidade feminina", semella ceder ás pretensións do conquistador, que se fai pasar por sobriño e, polo tanto, herdeiro do defunto. Rosalía de Castro, porén, fai que non queden dúbidas de que esa "debilidade" da muller está motivada e xustificada pola indefensión económica e legal na que queda ao ficar soa, pois a muller carecía do dereito a herdar do seu cónxuxe.
O conto rosaliano, xa que logo, constitúe un alegato feminista que desmonta o discurso misóxino e cuestiona as bases da institución matrimonial pola subordinación e dependencia que supoñían para a muller.
Principais Trazos Lingüísticos e Estilísticos
A Lingua de Rosalía
Rosalía emprega basicamente o galego falado polo pobo na comarca de Santiago-Padrón. Escribe nun galego espontáneo e coloquial, cunha sintaxe sinxela e un léxico pouco rebuscado no que se atopan abundantes castelanismos (valles, hermosos, gallegos, dicha, huerta, llaga, llanura...). Representa por veces o seseo (nasín, felís, maldesir, corasón, grasiosa...) e bota man de numerosos vulgarismos léxicos.
Hai que ter en conta, como di ela mesma nun dos seus prólogos, que escribe en galego "sin regras nin gramática de ningunha clás", fiándose unicamente do seu coñecemento ambiental do idioma.
Recursos Estilísticos e Métrica
Os recursos estilísticos empregados son tamén de inspiración popular:
- Repeticións e paralelismos.
- Rimas asonantes.
- Estruturas comparativas e anáforas (varios versos comezan coa mesma palabra).
Diferenzas entre Obras
- Cantares Gallegos: Abundan as formas de arte menor. Algunhas son de orixe popular tradicional, como a muiñeira ou o romance; outras son de orixe culta, como a décima, a oitava real, a cuarteta (abab) ou a redondilla (abba).
- Follas Novas: Opta polos versos de arte maior (decasílabos, hendecasílabos, dodecasílabos, alexandrinos...) e polas combinacións novas:
- Tetrasílabos con versos de 7 e 8 sílabas.
- Pentasílabos con versos de 6, 7, 8 ou 10 sílabas.
- Octosílabos con versos de 10, 11 ou 14 sílabas.