O Rexurdimento: Historia, Cultura e Obras Clave da Galicia do Século XIX
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,48 KB
O Rexurdimento
Introdución
Consideramos 1853, coa publicación de A gaita gallega de Xosé Manuel Pintos, como o inicio do Rexurdimento. O gran salto dáse en 1863 coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. O Rexurdimento non é un fenómeno exclusivamente cultural. Escritores conscientes do proceso que protagonizaban, as súas obras estaban marcadas por todo o que sucedía a esas alturas en Galicia. Denunciarán a miseria e explotación dos labregos, asumirán a defensa de Galicia e irán na procura dunha orde social máis xusta.
Situación política e social
Neste período ten lugar un pronunciamento de signo progresista en 1868, que leva á destitución de Isabel II. Apróbase a Constitución de 1869 e establécese unha monarquía democrática con Amadeo I. Tras a súa abdicación, foi proclamada a Primeira República, que vivirá escindida entre os partidarios dunha fórmula unitaria e os defensores dun sistema federal. Os acontecementos do Sexenio Revolucionario supuxeron un cambio radical na dinámica política de toda España. De novo, un golpe militar (1874) provoca a formación dun goberno conservador e a restauración, en 1875, da monarquía borbónica con Afonso XII. Nace o Rexionalismo, no que hai tres tendencias ideolóxicas que comungan na idea de que Galicia é unha rexión ou nacionalidade con dereito a unha autonomía política e á rexeneración dos trazos propios. A figura de Manuel Murguía, construtor teórico do concepto de Galicia como entidade nacional, traerá consigo as primeiras organizacións políticas xa galegas.
Situación cultural
Destaca o nacemento das primeiras gramáticas, unha maior presenza do galeguismo na prensa en xeral (Revista Galaica, La Propaganda Gallega) e a recuperación dunha prensa propia (A Tía Catuxa, A Monteira). Xorden as primeiras editoriais galeguistas, a Librería Gallega e a Biblioteca Gallega. Canto á historia, Benito Vicetto e Manuel Murguía avivan o interese polas raíces propias e asentan as bases dunha concepción de Galicia como nación. Neste contexto consolídanse as tres grandes figuras do Rexurdimento.
Cantares gallegos: estrutura e significado
O prólogo da obra vai máis alá do simple afán revalorizador da cultura popular. A través dun exercicio de sororidade asistimos a unha alegoría da identidade de Galicia, así como a unha defensa do país, das súas xentes e do seu idioma. A intencionalidade da obra é sociopolítica e demostra o galego como lingua literaria. Os versos de Rosalía fornecen a representación do país nos seus aspectos positivos.
Estrutura
A estrutura é circular. O primeiro e o último poema, a modo de prólogo e epílogo, están postos en boca dunha mociña aldeá á que a autora lle pide que cante na lingua galega, ao que esta accederá en representación do pobo. Nos seguintes poemas atópase un escenario inconfundiblemente galego no que destaca tanto o folclore popular e os seus protagonistas como a propia autora.
Temas principais
Poesía folk, voz de muller e alegoría identitaria: o poemario distingue os seguintes temas:
- Lirismo popularizante: composicións artelladas a partir das vivencias de personaxes do rural cotián. É frecuente que estes cadros costumistas estean ensombrecidos polas penurias, inxustizas sociais ou deshonras que sofren estes personaxes, pero é máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado. Destaca, polo número de cantares, a temática amorosa. Nestes poemas exponse as queixas dos namorados, as mágoas deixadas por antigos amores, os resentimentos... dun xeito non sempre desenfadado.
- Rosalía promove unha ollada en clave de voz de muller dominante ao longo de todo o poemario. As mulleres do rural, nais e labregas... aparecen reflectidas na complexidade da súa psicoloxía a través de estampas que amosan a súa presenza en traballos, o seu comportamento relixioso e afectivo e mais as dificultades da existencia cotiá.
- Tamén se ofrecen glosas cunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a marxinación que sofren os galegos, etc.