A Revolución Científica: Empirismo e Racionalismo

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,5 KB

A Vinculación do Empirismo e o Racionalismo coa Revolución Científica

O Renacemento e a Modernidade

Durante o Renacemento (séculos XV-XVI), o pensamento europeo atopouse sometido a un profundo proceso de transformación, cuxo resultado é a modernidade. É, pois, un período de transición.

Dúas forzas culturais conflúen neste proceso cara á modernidade:

  1. O Humanismo Renacentista: fronte á concepción relixiosa da Idade Media, propón unha visión antropocéntrica e naturalista do home e do universo, reflectida na forma de interpretar os grandes filósofos gregos.
  2. O Desenrolo da Ciencia: esta rexeita a física aristotélica e a imaxe xeocéntrica do universo, adoptando unha imaxe heliocéntrica e mecanicista.

A Filosofía Renacentista e o Progreso Científico

O progreso científico é a máis poderosa das forzas culturais que conflúen no proceso cara á modernidade. A filosofía renacentista, con todo, vive de costas a esa actividade. A actitude dos filósofos renacentistas é, como xa dixemos, antropocéntrica e naturalista:

  • Antropocéntrica: exaltación do home; preocupación polo desenvolvemento integral das capacidades humanas (filosofía humanista). Esta actitude oponse ao teocentrismo do período anterior, para o cal Deus é o punto de referencia de todo o real.
  • Naturalismo: referido ao home, o naturalismo pode ser definido como a actitude que enfatiza os aspectos naturais deste, esquecendo ou minusvalorando a dimensión e o destino sobrenaturais afirmados polo pensamento medieval.

Neste período destacan Giordano Bruno (século XVI), que afirmou a infinitude do universo e coñeceu a obra de Copérnico, e Francis Bacon (séculos XVI-XVII), un filósofo preocupado pola ciencia, que combate o aristotelismo pola súa actitude oposta á experimentación e define a indución como método científico (a pesar de que o seu método ten pouco que ver co método hipotético-deductivo de Galileo e a ciencia moderna, respecto da cal a súa filosofía sempre estivo á marxe).

A ciencia, e concretamente a astronomía, será a forza que máis contribúa á chegada da modernidade e será decisiva para restaurar a confianza no poder da razón.

A Revolución Científica (Séculos XVI-XVII)

Entre os séculos XVI e XVII, no período que vai de Copérnico a Newton, levouse a cabo unha profunda transformación da concepción da natureza e da ciencia: unha Revolución Científica. Entre os factores que explican o éxito desta revolución científica, uns son de tipo técnico, como a invención do canón ou o desenvolvemento da navegación; e outros de tipo filosófico-científico, como o descubrimento de textos antigos descoñecidos, sobre todo de Arquímedes, os pitagóricos e Demócrito. No ámbito da astronomía, substitúese a concepción xeocéntrica do universo, mantida durante dezasete séculos, polo heliocentrismo.

  • Copérnico representa o primeiro paso: só hai un centro común a todas as órbitas, o Sol inmóbil, e a Terra móvese arredor del. A razón fundamental para aceptar esta nova teoría era a simplicidade no cálculo das traxectorias dos planetas, mantendo ao mesmo tempo a súa circularidade e uniformidade.
  • Kepler propón un universo como un sistema harmónico, rexido por leis inmutables no que desaparece o movemento circular e uniforme.
  • Galileo dá o paso decisivo para a aceptación do novo universo. Defende directa e explicitamente a teoría copernicana como descrición real do movemento dos planetas, realizando contribucións experimentais.

A Nova Física e a Física Aristotélica

Por outro lado, a Nova Física socava os fundamentos e principios básicos da física aristotélica, ata entón hexemónica:

  • A finitude do universo.
  • A heteroxeneidade das substancias: terrestres (imperfectas e sometidas á xeración e corrupción) e celestes (perfectas e incorruptíbeis con movemento circular e uniforme).
  • A interpretación finalista do movemento é substituída pola concepción mecanicista do movemento.

Características da Ciencia Renacentista e a súa Influencia na Filosofía Moderna

As características máis importantes da ciencia renacentista e polas cales se pon de manifesto a súa influencia na filosofía moderna (racionalismo e empirismo) son:

  • A autonomía da ciencia respecto da relixión e da natureza respecto de Deus.
  • O mecanicismo, xa que se considera que o modelo que mellor representa a natureza é a máquina-reloxo. Iso significa que a materia é inerte e que hai unha repetición do mesmo, sen perdas nin conquistas de estados novos.
  • Limitación da investigación aos fenómenos observables (importancia da experimentación). De aí que non lle interesen as esencias senón a descrición das regularidades dos fenómenos, tampouco busca causas finais senón as causas próximas.
  • A concepción cuantitativa da Natureza, xa que é reducida aos números e figuras, o único obxectivo e real dos corpos (calidades primarias), expresando así o ideal platónico-pitagórico da matematización da Natureza.
    • Calidades primarias: as cuantificables e obxectivas. Son as únicas que a ciencia considera como válidas á hora de describir un obxecto: tamaño, peso, lonxitude.
    • Calidades secundarias: consideradas como subxectivas por non ser cuantificables: cor, gusto, apreciacións do tacto.
  • Na natureza nada se fai en van; é un sistema sinxelo e regular, escrito en linguaxe matemática e cunha orde racional e necesaria. A razón descobre esa orde; ademais, coñecer as súas leis é o medio de dominala.

O Método Científico de Galileo

Aínda que a ciencia sexa un produto da razón, refírese a feitos da experiencia sensible. Esta vinculación entre experiencia e razón matemática é a esencia do novo método científico, proposto por Galileo e denominado resolutivo-compositivo (tamén coñecido como hipotético-deductivo).

  1. Resolución (ou análise): a partir da experiencia sensible (observación), illáse unha parcela da realidade, resólvese ou analiza esta, deixando só as propiedades esenciais, é dicir, aquelas que son expresables matematicamente: as calidades primarias.
  2. Composición (ou síntese): construción dunha hipótese (suposición), ligando as diversas propiedades esenciais escollidas. Desta hipótese dedúcense a continuación unha serie de consecuencias; precisamente aquelas que poden ser obxecto de comprobación.
  3. Resolución experimental: posta a proba das consecuencias deducidas das hipóteses.

Para Galileo, unha lei natural non só o será ao verse confirmada pola resolución experimental. Se tal confirmación non se dá, segue tendo o valor da proposición consistente en si mesma. Non se rexeita, senón que queda á espera dun avance experimental.

O método galileano pon en evidencia a confianza absoluta na razón característica desta etapa. Polo tanto, a experiencia sensible é o punto de partida, pero é unha experiencia analizada pola razón. Igualmente, a comprobación (os experimentos) faise baixo a dirección da razón. A razón dá a necesidade e a intelixibilidade a toda a investigación.

Conclusións

  1. O universo, a natureza, pódese comprender porque encerra en si unha orde de racionalidade matemática. A razón impón as súas leis á experiencia. A razón domina o mundo e deslígase de toda autoridade, sexa esta a tradición ou os sentidos. É a esencia da modernidade.
  2. O mundo físico é unha forma perfecta (un mecanismo de reloxería), cuxos acontecementos futuros poden predicirse para quen teña dominio do pasado e do presente. Todo está sometido a unha necesidade mecánica.
  3. A pesar das persecucións que sufriu a ciencia con Galileo derrubouse a ciencia aristotélico-medieval en dous ámbitos: na astronomía e na mecánica, difundíndose as novas ideas científicas, que traen como consecuencia: a) a prioridade da razón sobre os sentidos e b) a matematización da experiencia.
  4. O papel que desempeña a experiencia (base de todo coñecemento) e a razón (que impón as súas leis á experiencia) vai dar lugar ao desenvolvemento das dúas principais correntes do pensamento moderno: o empirismo e o racionalismo, respectivamente.

Entradas relacionadas: