Renovadores da prosa galega (1936-1976)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,25 KB
A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas)
A Guerra Civil supuxo truncar co decidido impulso que para a narrativa en lingua galega viñera a significar o labor dos homes da denominada Xeración Nós e, en especial, o levado adiante por Otero Pedrayo.
Tendencias da prosa galega posguerra
Podemos trazar as seguintes tendencias:
- Obras que fan referencia á Guerra Civil ou aos anos próximos a ela: desde a narrativa autobiográfica varios autores do exilio recrean esta xeira dramática nas súas narracións.
- Relatos popularizantes: narracións inspiradas nas fórmulas do relato oral e en tipos e motivos da tradición popular; o caso da obra de Fole ou a triloxía de relatos galegos de Álvaro Cunqueiro.
- Narrativa de carácter social-autobiográfico: obras que recrean, desde unha perspectiva nostálxica, pero de denuncia, a Galicia rural na que viviron os autores que a describen durante a súa infancia-adolescencia. É o caso do ciclo do neno de X. Neira Vilas ou mesmo de certos textos escritos no exilio.
- O experimentalismo: tendencia representada polo legado dos membros da denominada Nova Narrativa Galega.
O relato popularizante: Ánxel Fole
A procura do relato para ser contado, o intento de trasladar ao texto escrito as fórmulas da narración oral, configura estilística e tematicamente as dúas primeiras achegas narrativas de Ánxel Fole: Á lus do candil e Terra Brava. A mestura de elementos de carácter fantástico, tirados da cultura popular, coa constancia do recurso do humor, constitúe o eixe definidor dunha narrativa que se alicerza na paisaxe das terras bravas de Lugo, constituíndo unha especie de pequeno tratado etnográfico, unha recreación do folclore por parte do autor quen aparece relatando en primeira persoa como testemuña directa, ou especialmente informada, daquilo que conta.
Fole publicou outros dous volumes de relatos na mesma liña: Contos da néboa e Historias que ninguén cre.
A narrativa social: X. Neira Vilas
Procedente dunha familia labrega e emigrado a América na mocidade; nos anos 90 retornou a Galicia. A súa obra reflicte eses dous espazos que conforman o seu roteiro vital:
- Autor dun conxunto de volumes -o primeiro Memorias dun neno labrego- conforman o que se denomina como o ciclo do neno-adolescente. A este libro cómpre engadirlle Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho. Nestas obras amosa a opresión social, económica e cultural da Galicia campesiña daquel tempo desde os ollos dun protagonista infantil.
- Doutra parte, o mundo da emigración xorde en obras como Camiño bretemoso ou Remuíño de sombras. Nestes textos o compromiso social vai da man do emprego de técnicas innovadoras, como a mestura de diferentes linguaxes -a narrativa tradicional, a coloquial, a xornalística...- ou a ruptura da linearidade temporal.
A narrativa de Álvaro Cunqueiro
A narrativa en galego aparece organizada en dous conxuntos:
- O grupo que conforman as tres novelas: Merlín e familia, As crónicas do sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas. Emprega unha mesma organización estrutural que ten base na técnica de historias interpoladas no discurso argumental. Narracións que aparecen entrelazadas por un nexo común, xeralmente o marco onde son narradas.
- Doutro lado, xorde a triloxía de relatos galegos, constituída por Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes. A unidade vén determinada por unha serie de factores que participan da decidida vontade por parte do autor en levar adiante un verdadeiro tratado literario-antropolóxico, un retablo de retratos de tipos galegos.
Rexistran importantes diferenzas entre eles, os tres relatos participan dunha serie de características comúns, tanto desde o punto de vista estrutural como desde a concepción dos personaxes e na conformación dos recursos estilísticos.
A narrativa de Eduardo Blanco Amor
Autor de dous textos fundamentais para a historia das nosas letras: A esmorga e Xente ao lonxe; a pesar das diferenzas podemos considerar un conxunto de apartados que son comúns a ambas:
- Ambas presentan a incorporación de técnicas estilísticas modernas: o monólogo dramático en A esmorga ou a técnica magnetofónica en Xente ao lonxe.
- As dúas novelas transcorren nun espazo urbano -ou semiurbano- que se corresponde con Auria, traslación literaria de Ourense.
- Amosan as dúas protagonistas que proveñen das clases sociais populares e mesmo da marxinación social. A través delas podemos contemplar o estado de precariedade social e cultural da Galicia daquel tempo.
- Nos dous casos asistimos á presentación dun verdadeiro mural, un cadro de costumes e tipos que enxergan unha panorámica da sociedade do tempo en que transcorren os acontecementos narrados desde a decidida vontade de Blanco Amor por situar a súa obra nas coordenadas do realismo.
- Os protagonistas aparecen deseñados na súa complexidade, nas súas contradicións, no seu drama vital.
- O autor tenta levar adiante un verdadeiro exercicio de linguaxe, apurando as posibilidades literarias do galego popular que enraiza coa tradición de Curros, Lamas Carvajal...
Publica un conxunto de sete narracións de relatos breves baixo o título Os biosbardos. Estes contos son para a xente como o seu propio autor o definiu; presentan un conxunto de riscos definitorios:
- Todos os relatos están narrados en 1ª persoa, cun protagonista infantil ou adolescente.
- Todos se desenvolven nun marco urbano ou semiurbano.
- Presenza dunha estrutura familiar na que a figura do pai é concibida de xeito negativo, mentres acontece o contrario coas nais, que aparecen idealizadas.
- Os protagonistas manteñen unha conciencia clara da súa diferenza, da súa singularidade. Estamos ante seres solitarios e que se consideran incomprendidos polos seus semellantes.