A Renovación da Narrativa Galega: Características, Influencias e Etapas (1950-1980)

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,16 KB

A Nova Narrativa Galega (NNG)

1. Características Formais e Temáticas

Que é a Nova Narrativa Galega?

É un conxunto de obras editadas entre finais dos 50 e comezos dos 70 (ou 1980) que inauguran un novo xeito de narrar en contraposición ás fórmulas tradicionais da Xeración Nós, ao conto tradicional e popular (Ánxel Fole), á narración fantasiosa e evasiva (Álvaro Cunqueiro), á novela realista (Blanco Amor), ou a Neira Vilas.

Influencias

Asimilación de técnicas, temas e procesos renovadores utilizados na narrativa do século XX:

  • O monólogo interior de James Joyce.
  • O mundo sen fronteira clara entre o real e o soñado, como en A metamorfose de Kafka.
  • Técnicas da linguaxe cinematográfica, como en Manhattan Transfer de John Dos Passos.
  • Influencias do nouveau roman francés.

Características

a) Renovación Temática:
  • Reflicten nas súas obras a sociedade alienante e insegura da ditadura franquista.
  • Transmiten unha visión desacougante da realidade, mediante o subconsciente, e recreando lendas e mitos.
  • Testemuñan problemáticas sociais.
  • Predominio de espazos urbanos e da perspectiva psicolóxica (lugares claustrofóbicos, sórdidos...). Apelación a mundos absurdos, irracionais.
  • Esixencia dun lector activo (o que supón pouco éxito comercial).
  • Contidos filosóficos e simbólicos (influencia da psicanálise, do existencialismo, do marxismo), plasmando angurias e a frustración da sociedade contemporánea.
b) Renovación Técnica:
  • Punto de vista: Desaparece o narrador tradicional; contan a historia os personaxes. O narrador non é omnisciente, conta o que observa, escóndese detrás dos personaxes ou convértese nun (autobiográfico, usa a primeira persoa, fala para si mesmo das súas vivencias, nun ir e vir de lembranzas).
  • Enfoque múltiple: Os personaxes dan outras perspectivas da realidade que o narrador non invade.
  • Tempo: Non lineal (prolepses e analepses), é subxectivo. Dáse entrada á cronoloxía vital en que todos os planos temporais están fundidos.
  • Espazo: Impreciso, atafegante.
  • Influencias do cine, a pintura e o cómic.
  • Protagonistas: Antiheroes, insignificantes, conflitivos, desarraigados, traumatizados por circunstancias que non se explican ao lector. Obxectualizados, cosificados (desprovistos de humanidade e sentimentos).
  • Monólogo interior: Presentan os contidos psíquicos tal como flúen na conciencia do individuo, sen que sexan pronunciados e sen unha orde lóxica.
  • Redúcese o tempo que vai ser narrado (horas).

Resumo de Traxos das Novelas da NNG:

  • Fuxida da localización concreta dos espazos (preferencia por ambientes urbanos), redución temporal, non argumento e negación da acción.
  • Pluralidade de voces narrativas. Focalización obxectualista. Uso de monólogo interior.
  • Creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos, e fusión de realidade e fantasía.
  • Tema do absurdo existencial (angustia no lector). Personaxes problemáticas.
  • Presenza reiterada da violencia, a agresividade e a tensión nas relacións humanas. O sexo e a morte son ideas obsesivas.
  • Intertextualidade: Referencias literarias e culturais, textos e fragmentos doutros autores, repetición de temas e motivos.

2. Etapas da Nova Narrativa Galega

Existen dificultades para marcar as fronteiras cronolóxicas e delimitar o catálogo de autores e obras:

  • Data fundacional (1956), con Memorias de Tains de Gonzalo Rodríguez Mourullo, aínda que a súa obra anterior xa apuntaba trazos da NNG, como Nasce unha árbore (1954).
  • Datas límite: 1969, Cambio en tres de Carlos Casares; 1972, Adios, María de Xohana Torres; 1980, Cara a Times Square de Camilo Gonsar.

Para algúns estudosos distínguense catro instantes:

a) Aparición

Representado por Memorias de Tains de G. Rodríguez Mourullo (oito relatos en forma de carta, que representan fragmentos dunha cidade, Tains, arruinada e destruída); e Percival e outras historias de Méndez Ferrín (contos caracterizados polo clima de misterio que chega a desembocar en terror, polo emprego de topónimos e antropónimos de resonancias nórdicas e orientais, pola mestura de elementos míticos e cotiáns...).

b) Consolidación

Con O crepúsculo e as formigas de Méndez Ferrín (libro de relatos de ambientación urbana, poboado por personaxes marxinais; trata temas como a violencia, a morte, o medo..., cun realismo cru); e Lonxe de nós e dentro de Suárez-Llanos (cinco relatos).

c) Predominio da Técnica Obxectualista

Tomada do nouveau roman francés. Representado nas obras: Como calquer outro día de Suárez-Llanos; Arrabaldo do norte, de Ferrín (primeira novela; un personaxe anónimo á procura dun obxectivo impreciso nunha cidade innominada; descricións demoradas da xeografía urbana desolada e despoboada); e A orella no buraco de Mª Xosé Queizán (céntrase na biografía dun emigrante fracasado que regresa a Galiza e finalmente morre). Outras obras que se poden incluír con matices son: de Casares, Vento ferido (relatos de protagonista adolescente, uso do monólogo interior e mestura de planos temporais) e Cambio en tres (novela; o narrador repasa a vida dun amigo morto, obreiro e emigrante en Francia); A torre de Babel de Lois Diéguez, e As ponlas baixas de Vicente Vázquez Diéguez (céntrase na peripecia dun grupo de mozos galegos emigrados a Madrid).

d) Momento de Peche

Está representado por Adios, María de Xohana Torres (novela que aborda desde a perspectiva dunha adolescente, filla de pais emigrados, a problemática da integración dunha familia do mundo rural no mundo da cidade –Vigo–, na Galiza dos 60; técnica innovadora, uso do monólogo interior e tempo subxectivo); Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín (obra alegórica de política-ficción onde se explica a aparición do nacionalismo revolucionario galego dos 70 e a súa ruptura co culturalismo piñeirista); e Seis personaxes e un fado de Xavier Alcalá.

Outros Períodos de Estudo

Outros estudosos falan de tres períodos:

  1. Fase de Formación: Predominio da temática existencialista, influxo de Kafka e afán experimentalista.
  2. Fase de Auxe: Prioridade á experimentación formal e influencia obxectualista.
  3. Fase de Liquidación: Abandono paulatino do afán experimentalista, e entrada nas novelas da preocupación política en forma de alegoría.

Algúns estudosos non inclúen a Carlos Casares e Lois Diéguez na NNG (“Xeración dos 50”) porque a súa etapa de madurez creativa está nos 70 e 80 baixo outros influxos estéticos.

3. Nómina de Autores

  • Xohán Casal
  • Gonzalo Rodríguez Mourullo
  • Camilo González Suárez-Llanos (Camilo Gonsar)
  • María Xosé Queizán
  • Vicente Vázquez Diéguez
  • Xohana Torres
  • Xosé Luís Méndez Ferrín
  • Carlos Casares
  • Xavier Alcalá
  • Lois Diéguez