O Renacemento en Italia e Europa: Historia e Obras Mestras

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en español con un tamaño de 7,44 KB

O Renacemento fóra de Italia

A escola flamenga

Nos Países Baixos, a manifestación artística máis significativa da época foi a pintura. Desenvolveuse principalmente nas cidades de Gante e Brugge, onde existía unha poderosa burguesía enriquecida que encargou numerosas obras de arte para decorar as súas casas.

A escola flamenga, cuxos pintores se coñecen como «primitivos flamengos», tivo trazos propios. Os principais foron a introdución da técnica do óleo, que consiste en disolver as cores en aceite de liñaza. Con iso, os cadros adquiren un colorido brillante e unha gran luminosidade, é posible realizar transparencias, e as pinturas gañan en detallismo.

Os irmáns Van Eyck foron os iniciadores da escola, co políptico da Adoración do Cordeiro Místico. Un deles, Jan Van Eyck, realizou tamén excelentes retratos, como O matrimonio Arnolfini.

Outros pintores destacados da escola foron Roger Van der Weyden, que introduciu a expresión dos sentimentos en obras como o Descendemento e Cristo crucificado coa Virxe e San Xoán; e O Bosco, que criticou e caricaturizou a sociedade da súa época a través de imaxes e seres fantásticos, como no Xardín das Delicias e As tentacións de Santo Antonio Abade.

O Renacemento en Alemaña e en Francia

A arte do Renacemento italiano estendeuse por Europa durante o século XVI. Moitos reis e nobres chamaron ás súas cortes a artistas italianos ou compraron obras de arte italianas que serviron de modelo aos artistas. Ademais, algúns artistas europeos acudiron a Italia para formarse e, á súa volta, introduciron o novo estilo nos seus países.

En Alemaña, a figura máis importante foi o pintor Albrecht Dürer (Dureiro), que tamén foi un gran debuxante e gravador. As súas obras máis destacadas son os seus propios autorretratos e Adán e Eva.

En Francia, o Renacemento impúxose durante o reinado de Francisco I, que construíu numerosos castelos-palacio ao longo do val do Loira, como o de Chambord.

O Renacemento en Italia (I): A arquitectura

O Renacemento foi o estilo artístico que aplicou as ideas humanistas ao campo da arte. Xurdiu en Italia no século XV (Quattrocento), e estendeuse polo resto de Europa no século XVI (Cinquecento).

As características do Renacemento

  • O modelo artístico foi a Antigüidade clásica. Por iso, os artistas baseáronse nos materiais e formas dos autores gregos e romanos.

  • A arte inspirouse na natureza, e intentou representar fielmente a realidade. Para iso, recorreu ás veces a métodos matemáticos, como os módulos para calcular as proporcións; e a perspectiva lineal para representar a profundidade.

  • Recuperouse o antropocentrismo. Os edificios fixéronse a escala humana, e o ser humano foi o protagonista de esculturas e pinturas nas que se buscou a beleza ideal, a serenidade e o equilibrio.

  • Os artistas melloraron a súa consideración social. Moitos destacaron en varias disciplinas, asinaron as súas obras, e foron apoiados por ricos mecenas, como os Médici en Florencia e os papas en Roma.


A arquitectura e as súas etapas

Os arquitectos inspiráronse nos modelos clásicos; empregaron a pedra como material; e utilizaron as ordes gregas e romanas, os arcos semicirculares, e as cubertas planas ou abovedadas. Os edificios máis destacados foron as igrexas, con planta de cruz latina ou centralizada; e os palacios, con varios pisos horizontais e portas e ventás rematadas en frontóns.

  • No século XV, o berce do novo estilo foi a cidade de Florencia. Nesta cidade, Filippo Brunelleschi inaugurou o Renacemento coa cúpula da catedral de Florencia. Despois, creou os modelos de igrexa e palacio renacentistas (igrexa de San Lourenzo e palacio Pitti). Tamén destacou León B. Alberti, autor da fachada da igrexa de Santa María Novella e do palacio Rucellai.

  • No século XVI, o centro da arquitectura italiana trasladouse a Roma, onde os papas impulsaron novos edificios. Destacan o templete de San Pietro in Montorio e a basílica de San Pedro do Vaticano, deseñada por Bramante e continuada por outros arquitectos, entre eles Miguel Anxo.

O Renacemento en Italia (II): A escultura e a pintura

Por influencia clásica, os escultores e pintores interesáronse polo corpo humano nu, a beleza ideal, e as composicións simétricas e equilibradas. Os seus temas preferidos foron os relixiosos, os mitolóxicos e os retratos.

Os escultores e os pintores do Quattrocento

Os escultores do século XV máis destacados foron Ghiberti, polos relevos que decoran as Portas do Paraíso, no baptisterio da catedral de Florencia; e Donatello, por esculturas como David, San Xurxo, e o Condotiero Gattamelata, a primeira estatua ecuestre que se facía en Italia desde época romana.

Os pintores máis prestixiosos do período foron Masaccio, moi interesado pola perspectiva en obras como A Trindade e O pagamento do tributo; e Botticelli, autor de obras mitolóxicas cheas de movemento, como A Primavera e O Nacemento de Venus.


Os escultores e os pintores do Cinquecento

O escultor por excelencia do século XVI foi Michelangelo Buonarrotti (Miguel Anxo), que realizou obras en mármore de gran forza e perfección anatómica. Entre elas, o David, Moisés, varias piedades e as tumbas dos Médici.

Os pintores do século XVI foron considerados polos seus contemporáneos como os grandes mestres:

  • Leonardo da Vinci (1452-1519) realizou poucas obras, pero de gran calidade. A súa grande achega foi a técnica do sfumato, aplicada en obras como A Sagrada Cea, A Gioconda e A Virxe das Rochas.

  • Michelangelo Buonarrotti (Miguel Anxo) (1475-1564), como pintor mostrou grande interese polo nu, o movemento, a variedade de posicións, o debuxo e a representación do volume. A súa principal obra é o conxunto de frescos que decoran a Capela Sixtina, no Vaticano: o teito, con escenas do Antigo Testamento; e o muro frontal, co Xuízo Final.

  • Rafaello Sanzio (Rafael) (1483-1520) alcanzou unha gran perfección no debuxo, na cor e nas composicións. As súas principais obras son A Escola de Atenas, situada nunha das estancias vaticanas que decorou ao fresco; numerosos retratos, e cadros de Virxes co Neno.

Entradas relacionadas: