Reinado de Fernando VII: Etapas e Conflitos

Enviado por Paula y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,96 KB

O Reinado de Fernando VII (1814-1833)

A Restauración do Absolutismo (1814-1820)

Os liberais desconfiaban da predisposición do monarca para aceptar a nova orde constitucional. Por isto, dispuxeron que viaxase directamente a Madrid. Fernando VII acatou as súas condicións, pero os absolutistas sabían que a volta do monarca era a súa mellor oportunidade para regresar ao Antigo Réxime. Organizáronse rapidamente para demandar a restauración do absolutismo, plasmada no Manifesto dos Persas. Fernando VII, mediante o Real Decreto do 4 de maio de 1814, anulou a Constitución e as leis de Cádiz e anunciou a volta ao absolutismo.

Era unha volta ao Antigo Réxime, nun contexto internacional determinado pola derrota de Napoleón e o restablecemento da vella orde en Europa mediante o Congreso de Viena e a creación da Santa Alianza, que garantía a defensa do absolutismo e o dereito de intervención en calquera país para frear o avance do liberalismo.

A partir de 1815, Fernando VII e o seu goberno intentaron refacer un país esnaquizado pola guerra, coa agricultura desfeita, o comercio paralizado..., a partir da restauración do Antigo Réxime. Os seus gobernos fracasaron un tras outro. Doutra banda, a Facenda real entrou en bancarrota pola falta de recursos económicos, moi especialmente debido a que a guerra nas colonias americanas esixiu enormes gastos militares e, ademais, impediu a chegada de novos ingresos.

Os acontecementos sucedidos entre 1808 e 1814 mudaron a mentalidade de moitos grupos sociais. A integración de xefes da guerrilla no exército orixinou un sector liberal que había de ser no futuro o protagonista de numerosos pronunciamentos. Os gobernos de Fernando VII foron incapaces de dar resposta aos problemas. Pronunciamentos militares liberais, algaradas nas cidades e motíns campesiños fixeron evidente o descontento e a creba da monarquía absoluta. A represión foi a única resposta da monarquía ás demandas políticas e sociais.

O Trienio Liberal (1820-1823)

En 1820, o coronel Rafael del Riego, ao mando dunha compañía de soldados que debían embarcar para sufocar a rebelión das colonias de América, percorreu Andalucía facendo propaganda dos ideais liberais da Constitución de Cádiz. Conseguiu certo apoio popular nas cidades e de sectores do exército. Formou un goberno liberal, obrigou ao rei a xurar a Constitución, declarouse unha amnistía e convocáronse eleccións ás Cortes que gañaron os liberais.

Este goberno restaurou a Constitución e os decretos de Cádiz. A estas reformas opuxéronse: o rei e os privilexiados, así como gran parte dos campesiños (enfadados por non conseguir as súas terras). Todos eles prepararon un golpe militar e revoltas polo nordeste de España, e conseguiron unha rexencia na Seu d'Urgell en 1823.

Tamén se produciron tensións entre os propios liberais, que se dividiron en:

  • Moderados: querían reformas lentas e pactadas co clero e a nobreza.
  • Exaltados (progresistas): querían reformas rápidas e sen pacto algún.

A Década Ominosa (1823-1833)

Tres anos despois, a Santa Alianza enviou a España os Cen Mil Fillos de San Luís, que puxeron fin ao goberno liberal. Riego foi fusilado en Madrid e Fernando VII foi restaurado como rei absoluto.

As potencias restauradoras consideraban necesarias algunhas reformas moderadas.

Fernando VII non se aveu a estas peticións e produciuse unha feroz represión contra os liberais, como en 1814, polo que moitos tiveron que marchar cara ao exilio.

A outra preocupación da monarquía foi o problema económico. As dificultades da Facenda foron agravadas pola perda definitiva das colonias americanas. A partir de 1825, o rei buscou a colaboración do sector moderado.

Esta actitude incrementou a desconfianza dos realistas e dos sectores ultramontanos da corte. En 1827, levantáronse partidas realistas que reclamaban maior poder para os ultraconservadores e defendían o retorno aos costumes e foros tradicionais. O devandito sector agrupouse ao redor de Carlos María Isidro, irmán do rei e o seu previsible sucesor, dado que Fernando VII non tiña descendencia.

O Conflito Dinástico

En 1830, o nacemento de Isabel parecía garantir a continuidade borbónica. A Lei Sálica, implantada en 1700 por Filipe V, impedíalles o acceso ao trono ás mulleres, pero Fernando VII, influído pola súa dona, María Cristina, derrogou a lei mediante a Pragmática Sanción, que lle abriu o camiño ao trono á súa filla e herdeira, Isabel.

O sector máis ultraconservador dos absolutistas (carlistas) negouse a aceptar a nova situación. No ano 1832, exerceron unha forte represión sobre o monarca, gravemente enfermo, para que repuxese a Lei Sálica.

Estes enfrontamentos eran unha disputa por impor un modelo ou outro de sociedade. María Cristina comprendeu que, se quería salvar o trono para a súa filla, debía buscar apoios nos sectores máis próximos ao liberalismo. Nomeada rexente, formou un novo goberno de carácter reformista.

En 1833, Fernando VII morreu, reafirmando no seu testamento a súa filla como herdeira do trono e nomeando gobernadora a raíña María Cristina ata a maioría de idade de Isabel. O mesmo día, don Carlos proclamouse rei, iniciándose así a Primeira Guerra Carlista.

Os Pronunciamentos Liberais na Coruña

Na Coruña tivo lugar un dos primeiros pronunciamentos liberais, iniciado polo xeneral Xoán Díaz Porlier o 19 de setembro de 1815, pero este levantamento fracasou. En 1820, A Coruña secundou a insurrección, esta vez vitoriosa, de Rafael del Riego.

Entradas relacionadas: