A Psicoloxía da Personalidade e a Identidade: Teorías e Desenvolvemento
Enviado por isafb1805 y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 14,79 KB
A personalidade: que é e como nos define
A personalidade é o conxunto de trazos e características que ten cada ser humano e que se mostra cando este actúa e se relaciona. É o xeito de ser que identifica a cada un. Non é cuantificable; cando se afirma que alguén ten moita personalidade, quérese dicir que algúns dos seus trazos son moi firmes, definidos e están intensamente marcados (chaman a atención).
Os compoñentes da personalidade
Os trazos, características e cualidades da personalidade son moitos e moi variados, e pódense diferenciar en:
- Trazos de temperamento: Características relacionadas coa herdanza xenética de cada individuo. Están directamente relacionadas co funcionamento do sistema nervioso e endócrino. Consisten en emocións e sentimentos presentes nos comportamentos habituais. A súa modificación é moi difícil pero non imposible. Exemplo: ser nervioso, activo, etc.
- Trazos de carácter: Características adquiridas ao longo da vida. Consisten nun conxunto de hábitos aprendidos de forma consciente e voluntaria. Pódense modificar con adestramento e esforzo. Poden ser cualificados moralmente, xa que dependen de cada un. Exemplo: ser traballador, paciente, comprensivo, etc.
Características definitorias da personalidade
En conclusión, a personalidade defínese por:
- É o conxunto de trazos e características que nos definen.
- Está constituída por un conxunto de características e cualidades relacionadas entre si e diferentes en cada ser humano.
- Este conxunto converte a cada ser humano en único e especial, polo que non existen dúas personalidades idénticas.
- É estable e dinámica ao mesmo tempo, posto que constitúe un conxunto que vai cambiando a medida que se toman decisións.
A identidade persoal e a súa relación coa personalidade
A relación da identidade coa personalidade é moi estreita, aínda que non significan exactamente o mesmo. A identidade fai referencia a un proceso subxectivo de construción persoal. Grazas á identidade, cada individuo recoñécese como "el mesmo". Por iso, pódese formular: "Eu son...", "Eu quero...", etc. A identidade constrúese con elementos propios e con elementos externos, propios do ambiente onde se mova. Polo que é posible referirse a ela como signo de pertenza (identidade relixiosa, cultural, etc.). Identificarse cun grupo significa que compartimos unha serie de crenzas, orientacións, valores, normas de comportamento, etc. Estas identidades poden cambiar ao longo da vida, pero a identidade básica, o noso "eu", permanece constante.
Teorías da personalidade
Cada teoría busca responder á pregunta pola propia identidade, explicando en que consiste, que a conforma e como se desenvolve e modifica.
Psicanálise (o inconsciente)
Naceu a finais do século XIX da man de Sigmund Freud. Demostrou que a maior parte dos procesos que teñen lugar na mente escapan ao coñecemento e control das persoas. Afirmou que existen impulsos, desexos e instintos que constitúen a enerxía psíquica e que están reprimidos no inconsciente. A personalidade está integrada por:
- Id (isto): estrutura psíquica totalmente inconsciente que satisfai inmediatamente os impulsos e instintos de supervivencia, reprodución e agresión. Está presente incluso antes do nacemento.
- Eu: parte que controla as actividades conscientes do ser humano (pensamento e razoamento). Satisfai de forma segura as esixencias do "isto", demandas que ás veces ten que aprazar e substituír. Desenvólvese a partir do nacemento.
- Super-eu: formado polo conxunto de ideais e normas que se asimilan no proceso educativo e de socialización. Presiona ao "eu" para que satisfaza os instintos inconscientes de maneira aceptable para a sociedade e o individuo. Xera sentimentos de culpa cando non se cumpren as súas esixencias. Fórmase na infancia e desenvólvese ao longo da vida.
Condutismo (premios e castigos)
Creada por B.F. Skinner no século XX. Defendeu que a personalidade é un conxunto de hábitos ou patróns de conduta aprendidos ao longo da vida. Isto prodúcese cando unha conduta é reforzada cun premio ou un castigo. Pensaban que mediante premios e castigos se podía modificar a conduta e, así, modelar a personalidade. Segundo esta teoría, o comportamento non provén do inconsciente senón do contacto e a relación co contorno.
Teoría sociocognitiva (organización)
Defende que a personalidade é modelada polos estímulos do exterior; ademais, ten en conta a maneira na que estes se organizan na mente. Así, é entendida como a maneira na que cada ser humano organiza internamente os seus coñecementos, expectativas e valores. A. Bandura defende que a personalidade é o resultado de:
- Factores cognitivos: elementos que gardan relación coa maneira de percibir a realidade, ideas, crenzas e coa visión de si mesma.
- Factores condutuais: aprendizaxes previas que se almacenan internamente, constituíndo a experiencia.
- Factores ambientais: todos os aspectos do medio exterior que afectan ás persoas. Existe unha influencia mutua e continua entre a persoa e o contorno que modifica a ambos.
As diferenzas de personalidade dependen da forma de relacionarse e de organizar estes tres elementos. O que diferencia os individuos son os obxectivos que fixan, a forma de prever as consecuencias dos seus actos e a maneira de actuar no medio.
Teorías de trazos e de tipos: cal é o meu tipo?
Afirman que as diferenzas de personalidade se deben á presenza dunha serie de trazos. Estes consisten en comportamentos específicos que se repiten en circunstancias diversas, determinando a personalidade.
G. Allport creou a teoría de trazos máis coñecida na primeira metade do século XX, onde distingue:
- Trazos comúns: compartidos por moitos o individuos.
- Trazos individuais: peculiares de cada persoa.
- Trazos cardinais e centrais: determinan toda a conduta do individuo e defíneno.
- Trazos secundarios: aparecen puntualmente, revelándose en certas ocasións e contrastando co resto de trazos.
A teoría de biotipos de W.H. Sheldon asocia certos trazos da personalidade á estrutura corporal. Para iso, recorre ao concepto de biotipo (que fai referencia a un tipo de estrutura corporal á que corresponden certos trazos). Segundo esta teoría, os individuos herdan xeneticamente parte dos trazos. Existen 3 biotipos: ectomorfo, mesomorfo e endomorfo.
A teoría dos tipos de H.J. Eysenck organiza os trazos en dous eixos principais, a partir dos cales describe catro personalidades. Estes xa foron definidos por Hipócrates e Galeno, e constitúen un modelo ideal (ninguén se axusta perfectamente, pero si se aproxima).
Teorías humanistas: quero ser eu mesmo!
Sitúan ao ser humano no centro da investigación, resaltando que:
- Ten dignidade e liberdade (é responsable dos seus actos e consecuencias).
- É fundamentalmente bo.
- É racional e consciente (non o dominan os seus instintos e impulsos biolóxicos).
Carl Rogers é un dos principais representantes. Afirma que todas as persoas nacen con capacidades e aptitudes innatas que intentan desenvolver ao máximo no transcurso da vida. Todos tratan de ser o mellor que poden chegar a ser; Carl denomínao desenvolvemento do eu. Trátase dun camiño difícil, que se ve entorpecido polo contorno. En ocasións, o eu queda sufocado por presións exteriores e o individuo séntese descontento consigo mesmo. Ante ese conflito, ten dúas posibilidades:
- Renunciar á autenticidade: Desistir do seu modo de ser para adaptarse ás expectativas dos demais.
- Desenvolver plenamente o "eu auténtico": Axustar paulatinamente o eu ás máscaras que, ás veces, se ve obrigado a usar ante o resto.
Afectividade e motivación no ser humano
O ser humano é un ser afectivo; a súa existencia está impregnada de sentimentos e a súa conduta está sempre motivada.
A vida afectiva
No pasado, os afectos eran menosprezados polo seu poder para turbar a razón, que era considerada o máis importante. Porén, na actualidade son moito máis valorados pola filosofía. Características:
- Subxectividade: Son experimentados individualmente.
- Difusividade: Tinguen toda a vida interior dunha maneira máis ou menos intensa.
- Bipolaridade: Experiméntanse sempre nunha gradación entre dous extremos.
- Exterioridade: Inflúen na percepción do mundo.
A importancia dos afectos
Tradicionalmente considerábase que o coñecemento era unha actividade puramente intelectual. Porén, a aprendizaxe resulta fácil cando existe interese por unha materia, ou moi difícil cando non hai interese. Así pois, os afectos desempeñan un importante papel nos procesos intelectuais, xa que favorecen ou dificultan a actividade da razón.
A intelixencia emocional
A intelixencia emocional resume un conxunto de habilidades e destrezas grazas ás cales o ser humano controla os sentimentos, entende os dos demais e decide como actuar. As emocións teñen unha base biolóxica. Porén, isto non impide a modificación destas ao seu favor. Daniel Goleman defende que se poden educar os sentimentos co seguinte propósito:
- Identificar os sentimentos para controlalos.
- Comprender os sentimentos dos demais.
- Soportar as presións e urxencias.
- Coordinarse cos demais, facilitando o traballo en equipo.
- Vivir en harmonía, o que permite desenvolverse como persoa.
Emocións e coñecemento
A emoción é aquilo que move ou impulsa á persoa nalgunha dirección. Ás veces, incitan a realizar unha acción ou a levar a cabo un proceso de coñecemento. Pero, sobre todo, sacan á luz da intelixencia e a razón aspectos da realidade para que poidamos coñecelos.
A motivación
Alude ao conxunto de elementos que, desde o interior, incitan a actuar. Existen motivos moi diversos. Hai que ter en conta que:
- Case nunca se actúa por un só motivo, senón por un conxunto deles.
- Os motivos poden ser inconscientes.
- Cando a motivación é alta, o individuo esfórzase máis.
- Os seres humanos nunca están satisfeitos plenamente.
Clasificación dos motivos
A. Maslow propuxo ordenalos xerarquicamente, de máis básicos a máis complexos. Hai dous tipos:
- Necesidades deficitarias: expresan carencias que nunca se satisfán completamente.
- Necesidades de crecemento: non poden satisfacerse nunca e a súa culminación está na autorrealización.
Martha Nussbaum fala literalmente de capacidades e non de motivos. Propón a seguinte clasificación:
- Vivir unha vida humana completa, sen morrer prematuramente nin malvivir.
- Ter boa saúde, alimento, aloxamento, oportunidade de reprodución e poder desprazarse.
- Evitar a dor innecesaria e prexudicial.
- Usar os dezasete sentidos, imaxinar, pensar e razoar.
- Amar, padecer, sentir anhelos e gratitude.
- Formarse unha concepción do ben e reflexionar criticamente acerca da vida.
- Vivir con e para outros e mostrar preocupación por outros.
- Preocuparse polo mundo natural e vivir en relación con el.
- Rir, xogar e desfrutar de actividades recreativas.
- Vivir a propia vida, no propio contorno e contexto.
Construíndo a propia identidade
A personalidade e a identidade constrúense ao longo da vida. Unha identidade persoal afirmada e estable é o resultado dun proceso de maduración da personalidade, que se dá na infancia e na adolescencia.
Autoconcepto e autoestima
Estes son dous aspectos moi importantes na construción da identidade:
- O termo autoconcepto fai referencia á imaxe que as persoas teñen de si mesmas. Na adolescencia varía moito debido aos cambios corporais e fisiolóxicos. Conforme o corpo vai culminando o seu desenvolvemento, cobran máis importancia outros factores.
- A autoestima é un aspecto moi vinculado ao autoconcepto. Refírese á valoración que cada un fai das súas características persoais e é subxectiva. Tamén depende de outros factores non tan subxectivos (como as opinións externas).
Tipos de identidade segundo James Marcia
Segundo James Marcia, diferéncianse catro tipos de identidade:
- Identidade difusa: corresponde ao adolescente que aínda non tomou decisións firmes. Todo está por decidir e toma á lixeira cuestións de peso.
- Identidade hipotecada: persoa que tomou certas decisións pero que o fixo influenciada polo seu contorno, sen formularse unha alternativa a esa presión.
- Identidade en moratoria: propia do adolescente que vive unha crise de identidade (está experimentando posibilidades e alternativas pero aínda non decidiu).
- Identidade lograda: é o obxectivo final ao que aspira unha persoa.
Mostrámonos tal e como somos? A ventá de Johari
A ventá de Johari, deseñada por Joseph Luft e Harry Ingham, é un método que consiste en combinar o que cada un coñece da súa personalidade con aquilo que coñecen os demais.
- Área libre: estes coñecementos poden proceder da observación ou do que lles comunicamos.
- Área oculta: é unha zona privada e íntima.
- Área cega: contén o que os demais perciben e nós non nos decatamos. Ás veces, os demais non a ven e hai que recorrer ao psicólogo.
- Área descoñecida: representa todos aqueles trazos e factores que son descoñecidos totalmente.