Proxecto de Construción: Elementos e Normativa

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Matemáticas

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,02 KB

O Proxecto de Construción

Para que sexa posible a construción dun edificio é precisa a intervención de moitas persoas con diferentes niveis de cualificación: profesionais técnicos para elaborar o proxecto e dirixir a execución da obra, e traballadores cualificados de todos os oficios que interveñen na obra. Para que cada un saiba o que ten que facer e como executalo é imprescindible a elaboración do proxecto de construción.

O proxecto de construción dun edificio é o conxunto de documentos nos que se reflicten os cálculos e traballos que se van realizar para a construción dun edificio, incluíndo a verificación do cumprimento da normativa urbanística, a normativa de aplicación, as condicións de execución e control da obra, o orzamento e os planos necesarios para definir con claridade o edificio e todas as súas instalacións.

Elementos do Proxecto de Construción

Todo proxecto construtivo consta dos seguintes documentos: memoria, planos, prego de condicións, medicións e orzamento.

Memoria

  • Memoria descritiva:

Debe contar a seguinte información:

  • Axentes: promotor e técnico proxectista.
  • Información previa: antecedentes e condicionantes de partida, emprazamento, contorno físico, normativa urbanística e outras normativas de aplicación.
  • Descrición do proxecto.
  • Descrición xeral e usos previstos do edificio.
  • Cumprimento do código técnico da edificación (CTE), normativa urbanística, ordenanzas municipais, etc.
  • Descrición do edificio, volume, superficies útiles e construídas, accesos e evacuación.
  • Parámetros utilizados no cálculo da cimentación e da estrutura, pechamentos, acabamentos, etc.
  • Memoria construtiva:

Descrición das solucións adoptadas no deseño do edificio:

  • Características do solo, a cimentación e estrutura do edificio; parámetros e métodos de cálculo.
  • Definición construtiva do pechamento do edificio e do seu comportamento fronte ás accións a que estará sometido: peso, vento, sismo, lume, humidade, illamento térmico e acústico, etc.
  • Compartimentación do edificio e comportamento ante o lume, os ruídos, etc.
  • Acabamentos, con indicación das características e os materiais utilizados no revestimento dos paramentos horizontais e verticais.
  • Instalacións do edificio e bases de cálculo de cada unha: protección contra incendios, antiintrusión, electricidade, iluminación, ascensores, fontanaría, evacuación de residuos, ventilación, telecomunicacións, instalacións térmicas e o seu rendemento enerxético, aforro de enerxía e incorporación de enerxía solar térmica ou fotovoltaica, e outras enerxías renovables.
  • Equipamento de baños, cociñas, lavadoiros, etc.
  • Cumprimento do código técnico da edificación (CTE):

Xustificación das prestacións esixidas polo código e outra normativa específica (seguridade estrutural, seguridade en caso de incendio, seguridade de utilización, protección contra o ruído, medidas adoptadas para o de aforro de enerxía, etc.

  • Anexos á memoria:

O proxecto conterá tantos anexos como cumpran para a definición e a xustificación das obras, como información xeotécnica, cálculo da estrutura, estudo de eficiencia enerxética, impacto ambiental, plan de control de calidade e estudo de seguridade e saúde.

Planos

O proxecto conterá os planos necesarios para a definición en detalle das obras:

  • Planos emprazamento, coa xustificación urbanística, aliñamentos, retranqueos, etc.
  • Plano de urbanización: rede viaria, acometidas, etc.
  • Plantas xerais con cotas, que reflictan os elementos fixos e a moblaxe.
  • Planos de cubertas: pendentes, puntos de recollida de augas, etc.
  • Alzados e seccións con cotas, con indicación de escala e cotas de altura de plantas e altura total para comprobar o cumprimento dos requisitos urbanísticos e funcionais.
  • Planos de estrutura coa súa descrición gráfica e dimensional.
  • Planos de instalacións: descrición gráfica e dimensional das redes de cada instalación.
  • Planos de definición construtiva: documentación gráfica de detalles construtivos.
  • Memorias gráficas: solucións concretas e elementos singulares (carpintería ...).

Prego de Condicións

  • Prego de cláusulas administrativas e de condicións técnicas particulares.
  • Disposicións xerais, facultativas e económicas.
  • Prescricións sobre os materiais: características que deben cumprir os materiais, os equipamentos e os sistemas que se incorporen ás obras, condicións de subministración e conservación, e garantías de calidade.
  • Prescricións sobre execución por unidades de obra: características técnicas, proceso de execución, tolerancias, terminación, conservación e mantemento, ensaios e probas, criterios de aceptación e rexeitamento, criterios de medición e valoración de unidades, etc.
  • Prescricións sobre verificacións no edificio rematado, indicando comprobacións e probas de servizo que haxa que realizar para comprobar as prestacións finais do edificio.

Medicións

É o desenvolvemento por partidas, agrupadas en capítulos, que contén todas as descricións técnicas necesarias para a súa especificación e valoración no orzamento.

Orzamento

É unha valoración aproximada do custo de execución material da obra proxectada, especificado por capítulos:

  • Orzamento detallado co cadro de prezos agrupados por capítulos.
  • Resumo por capítulos e valor final do custo da execución e de contrata.
  • Orzamento do estudo de seguridade e saúde.

Normativa de Habitabilidade en Galicia

Para o deseño dunha vivenda de nova construción cómpre ter en conta sobre todo as Normas do Hábitat Galego. Esta normativa pretende mellorar o deseño, a calidade e a funcionalidade das vivendas, tendo en conta novos conceptos aplicados á construción, como a sustentabilidade, a reciclaxe, o aforro de enerxía ou o asolamento, relacionados coa preocupación polo coidado do medio e da natureza.

Establécense tamén nesta normativa as superficies mínimas das pezas da vivenda, mellorando a súa accesibilidade para que no futuro se poidan adaptar ás necesidades das persoas discapacitadas e recuperando antigas tipoloxías típicas galegas.

Tamén se regula o uso dos espazos complementarios das vivendas, como son os garaxes e os rochos, e, no caso de edificacións colectivas, os espazos comúns para o desenvolvemento de actividades comunitarias.

As Instalacións da Vivenda

Conforme a normativa de habitabilidade vixente, os edificios destinados a vivendas deben ter as instalacións necesarias para a realización das funcións previstas nas diferentes pezas que o compoñen. Estas instalacións son as seguintes: electricidade, gas, fontanaría, saneamento, tratamento e reutilización de augas grises e pluviais. Outras instalacións con que pode contar o edificio segundo as súas características e o sistema adoptado son as seguintes: ascensores, calefacción e auga quente sanitaria, ventilación, illamento térmico, etc.

Arquitectura Bioclimática

A finalidade da arquitectura bioclimática é a de alcanzar unha construción sustentable, é dicir, edificar con respecto polo medio conseguindo o máximo confort no interior da vivenda co mínimo gasto enerxético, de xeito natural, tendo en conta as condicións do contorno e o clima que soporta.

A arquitectura tradicional galega respectaba en máis que a actual os principios da arquitectura bioclimática. Así, a elección da localización da vivenda, a súa orientación, os materiais utilizados na construción, o aproveitamento da radiación solar para calefactar as vivendas, o illamento térmico, etc., eran factores determinantes no deseño das vivendas e que na actualidade apenas se teñen en conta.

Aspectos para ter en conta:

Os aspectos máis importantes que debe ter en conta unha arquitectura bioclimática son os seguintes:

  • Elixir unha boa localización da vivenda en función da climatoloxía e da orografía do terreo, cunha orientación adecuada e unha distribución que favorezan a iluminación natural das estancias de día, o aproveitamento óptimo da radiación solar e, nas zonas de forte insolación, a refrixeración natural da vivenda por correntes de aire.

A este respecto, existen algunhas solucións que se poden adoptar como as seguintes:

  • Utilizar o efecto invernadoiro que se produce nas galerías e terrazas acristaladas para captar a enerxía solar, e distribuíla ao resto da vivenda.
  • Utilizar parasoles para evitar unha excesiva insolación do interior da vivenda en épocas de forte radiación solar.
  • Empregar sistemas como as cubertas invertidas ou ecolóxicas para reducir a calor que recibe a vivenda a través da cuberta.
  • Empregar os materiais adecuados para illar termicamente a vivenda do exterior e do solo, evitando perdas de calor innecesarias e utilizando cores escuras, que absorben mellor a radiación solar, ou cores claras que a reflicten, en función das necesidades e do clima.
  • Aproveitar ao máximo as enerxías renovables como os paneis solares térmicos para a produción de auga quente para uso sanitario e para calefacción. Tamén se poden instalar paneis solares fotovoltaicos, que converten a enerxía solar en enerxía eléctrica, aproveitar a enerxía eólica, a biomasa, etc.
  • Reducir o impacto ambiental todo o posible utilizando a tipoloxía de vivendas e os materiais predominantes no contorno, en harmonía con él e procurando a súa integración ambiental, de acordo coa paisaxe natural ou urbana onde se insiran.

Entradas relacionadas: