Prosa galega (1936–1976): renovadores e correntes narrativas — Fole, Cunqueiro, Blanco Amor, Neira Vilas
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,73 KB
A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas)
A guerra civil supuxo unha ruptura na narrativa galega e, ata os anos 50, a actividade literaria en galego vai desenvolverse no exilio, sobre todo en Bos Aires. Será nesta década cando comece o proceso de recuperación da nosa literatura, grazas fundamentalmente ao traballo desenvolvido pola Editorial Galaxia.
Tendencias narrativas e autores deste período
As tendencias narrativas e autores deste período poden agruparse do seguinte xeito:
- Continuación da prosa da Xeración Nós: esta é a orientación que segue Carballo Calero en A xente da Barreira (primeira novela publicada na posguerra), ao reconstruír a historia da degradación dunha familia fidalga. Otero Pedrayo retoma na posguerra o seu labor con obras como O señorito da Reboraina ou O espello non serán. A temática central é a decadencia da fidalguía.
- A indagación no conto popular: o realismo popular de Ánxel Fole. A súa obra narrativa está constituída por relatos que xeralmente obedecen a unha mesma técnica: a do conto contado. Son relatos narrados por personaxes onde outros personaxes escoitan e aos que con frecuencia se establece un diálogo.
Fole incorpora aos seus textos técnicas, recursos e a linguaxe da narrativa oral. Deste xeito, as historias adoitan comezar cunha fórmula introdutoria que marca unha localización temporal ou espacial, desenvólvense de forma lineal e rematan cunha sentenza de carácter didáctico.
Obras destacadas de Ánxel Fole
- Á lus do candil. Contos a carón do lume. Son catorce relatos escritos coa técnica tradicional do conto oral, con temática baseada na mitoloxía popular (lobos, aparecidos, meigallos...), de ambientación rural e lingua dialectal do Courel.
- Outras obras son Terra brava, de características semellantes á anterior, e Contos da néboa, de ambientación urbana.
Álvaro Cunqueiro: realismo fantástico e imaxinación
A imaxinación como fuxida ou evasión maniféstase no realismo fantástico de Álvaro Cunqueiro. Nas súas obras predomina a fantasía, sempre entrelazada coa realidade, achegando á nosa cultura mitos externos.
A súa produción narrativa complétase con varias obras relevantes:
- Merlín e familia. Máis que unha novela é unha sucesión de episodios referidos por Felipe de Amancia, paxe do mago Merlín cando este estivo en terras de Miranda, a onde acoden xentes moi diversas. Merlín é unha recreación episódica da materia de Bretaña desde unha perspectiva galega.
- As crónicas do Sochantre. A acción transcorre na Bretaña francesa e o Sochantre de Pontivy actúa como fío condutor da narración; sobe a unha carroza que o leva a uns funerais, onde viaxan unha compañía de mortos que contan as súas propias historias.
- Se o vello Sinbad volvese ás illas é considerada unha novela de personaxe. Sinbad, personaxe de As mil e unha noites, retirado en Bolanda, conta nas tertulias as súas raras aventuras de mariño e decide volver embarcar. O proxecto fracasa e culmina coa cegueira do personaxe e coa perda da súa capacidade de fabular ou soñar.
- Dentro dos retratos inclúese a triloxía formada por Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes. Son breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais.
Blanco Amor e o realismo social
O realismo social de Blanco Amor concentra buena parte da súa obra narrativa nun mesmo ambiente, Auria: o Ourense de finais do século XIX e comezos do XX. Trátase de revivir, a través do recordo, a sociedade na que o autor se criara e que abandonou sendo mozo. Non se trata, porén, de obras estrictamente autobiográficas.
- A esmorga supón o inicio da renovación na narrativa galega de posguerra, tanto pola presenza de ambientes urbanos marxináis como polo uso dunha lingua popular propia destes ámbitos e polo emprego dunha técnica narrativa innovadora.
- Os biosbardos. Son sete relatos narrados en primeira persoa por personaxes adolescentes ou infantís, situados no Ourense de primeiros de século.
- Xente ao lonxe é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores vinculados a organizacións obreiras e sindicais. Técnica e tematicamente é a máis complexa das súas obras, pois ten un enfoque polifónico e de perspectiva múltiple: mestura diferentes narradores. O principal é Suso, neno de 12 anos que vai medrando ao longo da obra.
Neira Vilas: realismo crítico
O realismo crítico de Neira Vilas. Máis novo que os anteriores, coincide cronoloxicamente cos membros da Nova Narrativa Galega (Xeración dos 50), pero a súa produción afástase destes autores tanto na técnica como na temática. As súas obras caracterízanse pola constante presenza do mundo rural galego de posguerra, dominado pola miseria, e por protagonistas que manteñen unha relación conflitiva co medio debido á situación de opresión que padecen.
Memorias dun neno labrego é a súa obra máis coñecida; forma parte do chamado ciclo do neno xunto a Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho. Nas narracións con protagonista adulto, como por exemplo Xente no rodicio, intensifica a pintura negra da sociedade campesiña: os personaxes parecen incapaces de escapar do seu mundo de atraso, onde mandan condicionantes políticos e relixiosos. En Historias de emigrantes aparece unha visión dos problemas xerados polo éxodo forzoso: angustia, saudade da terra e dificultade de adaptación ao mundo urbano.
As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. (250 palabras)
As linguas son creacións sociais e, como tales, teñen como funcións primordiais a comunicación entre os individuos que as integran (función familiar, laboral, local e institucional); a representación da súa propia concepción do mundo (función cultural); a relación con outros países (función internacional) e son o nexo fundamental de unión do grupo (función de identidade).
Por tanto, de xeito natural, a cada comunidade corresponderíalle unha única lingua. Pero actualmente, por distintas razóns, na maioría dos países do mundo conviven varias linguas, o que pode xerar situacións de conflito cando unha tenta arrebatarlle funcións ás demais.
O conflicto maniféstase de forma clara nas situacións de diglosia, nas que a lingua dominante acapara as funcións prestixiosas socialmente e emprégase polos grupos de poder, mentres que a lingua sometida ve reducido o seu uso ás clases populares e a funcións pouco recoñecidas.
Desta distribución social e funcional das linguas deducimos que os conflitos lingüísticos son unha manifestación máis dos conflitos entre os grupos sociais. Os poderosos impoñen os seus valores e, dentro destes, a lingua convértese nunha das pezas centrais do poder simbólico. Os desfavorecidos, nun intento de medrar socialmente, tratan de imitalos, asociando o emprego da lingua de prestixio coa posibilidade de mellores condicións de vida e culpabilizando a súa propia lingua polos problemas polos que atravesan (auto‑odio).
Estes xuízos de valor ou prexuízos lingüísticos, que fan asociar a lingua sometida coa miseria, a ignorancia, o atraso e, en consecuencia, coa falta de utilidade social, provocan a diminución do seu uso e imposibilitan os procesos de normalización.