Procesos Psicolóxicos do Coñecemento

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,47 KB

1. Sensación

A sensación é o proceso psicolóxico mediante o cal os seres vivos recollen información do mundo. Consiste en descubrir algo a través dos sentidos, sen que aínda fose elaborado e sen que teña sentido.

  • Teoría dos limiares: veñen dados debido a que a capacidade humana de recibir estímulos é limitada, non podemos ter sensación de todo. Hai cousas que non podemos ver e outras que non podemos oír, por exemplo, a luz infravermella ou os ultrasóns. Na nosa sensación existen limiares:

a) Limiar absoluto: refírese, por unha banda, á cantidade mínima de estímulos que necesitamos para decatarnos de algo (limiar inferior) e, por outra banda, á cantidade máxima de estímulos que podemos recibir, é dicir, o límite superior por encima do cal non podemos ter sensacións (limiar superior).

b) Limiar diferencial: é a diferenza de intensidade do estímulo necesaria para notar un incremento ou diminución dun estímulo previo (estímulo básico).

2. Percepción

A percepción é o procesamento dos datos sensibles para darlles un sentido, é o recoñecemento dun obxecto concreto que podemos entender e interpretar, por iso é un proceso construtivo de organización dos datos sensibles. Mediante a sensación os sentidos captan a información do mundo e mediante a percepción organízase e interprétase esa información. Mediante a atención o suxeito selecciona o que quere percibir do campo perceptivo, esa selección depende das características do obxecto percibido e da subxectividade do perceptor (personalidade, intereses...).

A percepción supón uns esquemas perceptivos, que son conxuntos organizados de coñecementos en virtude dos cales se integran e adquiren significación os novos coñecementos. Cada esquema perceptivo está etiquetado cunha palabra. Percibir consiste en dotar de significado os obxectos, e iso faise por medio da linguaxe.

A percepción visual de formas

  • Lei da proximidade: segundo a cal os estímulos máis próximos espacialmente tenden a percibirse como formando parte da mesma figura.
  • Lei da semellanza: os estímulos semellantes tenden a percibirse formando parte da mesma figura.
  • Lei do peche: tendemos a percibir íntegras figuras incompletas.

3. Memoria

A memoria permítenos representar mentalmente informacións e experiencias anteriores, e integrar e dar sentido aos novos coñecementos. Se non tivésemos esta capacidade de almacenar a información perceptiva, o mundo esgotaríasenos no momento da percepción. Grazas á memoria construímos a nosa identidade, podemos falar, pensar...

Fases da memoria

  • Fixación: consiste nunha retención de información. Os factores dos que depende a fixación son a atención, a repetición, a compresión e a carga afectiva do fixado. Neurofisioloxicamente, a fixación explícase pola pegada que deixa no cerebro toda a nova información.
  • A información fixada consérvase nalgún lugar do cerebro. A conservación depende da fixación, no sentido de que o que se fixa consérvase máis tempo.
  • Evocación: consiste na recuperación pola conciencia, nun momento determinado, da información fixada e conservada. Esta fase depende das dúas anteriores, no sentido de que o que se fixa ben consérvase máis tempo e lémbrase mellor.

Entradas relacionadas: