Procesos Cognitivos: Memoria, Imaxinación e Pensamento
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Psicología y Sociología
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,43 KB
Tipos de memoria
Segundo a duración dos recordos, distínguense:
- Memoria sensorial: é o almacén das informacións sensoriais. A súa capacidade de retención dura menos dun segundo e o suxeito non adoita ser consciente do seu contido.
- Memoria a curto prazo: conserva información durante poucos segundos. Este sistema comprende todo aquilo que temos na mente nun momento determinado. Os contidos desta memoria proveñen ben daquela información sensorial á que prestamos atención, ben da recuperación momentánea da información conservada na memoria a longo prazo.
- Memoria a longo prazo: almacena información durante un tempo indefinido, incluso durante toda a vida do individuo. Mentres que algúns contidos da memoria a curto prazo esquécense, outros transfírense a este sistema de memoria, onde poden recuperarse en calquera momento pola memoria a curto prazo.
Esquecemento
Consiste na extinción normal dos recordos. É un mecanismo protector da mente. Pode atribuírse a distintas causas: deficientes aprendizaxes, lesións cerebrais, represións de feitos desagradables...
A imaxinación
É a capacidade vinculada á percepción e memoria que permite representar mentalmente imaxes de cousas e sucesos pasados (considérase un tipo de memoria), futuros, posibles ou ficticios. Algúns filósofos destacaron a súa importancia no proceso de coñecemento e pensamento, mentres que outros a consideraron fonte de erro e desgraza.
As imaxes
Constitúen o contido da imaxinación.
Unha imaxe é unha representación mental de cousas e sucesos que non están presentes ante o suxeito. Distínguese ademais do contido da experiencia perceptiva en que é menos intensa e posúe menor abundancia de detalles.
A reprodución dunha imaxe nunca se realiza soa, senón que vai acompañada dun conxunto doutras imaxes. Este fenómeno denomínase asociación de imaxes, e está regulado por certas leis:
- Segundo a lei da semellanza, as imaxes de obxectos semellantes tenden a reproducirse ao mesmo tempo.
- Segundo a lei do contraste, as imaxes de obxectos opostos tenden a reproducirse conxuntamente.
- Segundo a lei da contigüidade, as imaxes de obxectos contiguos, espacial e temporalmente, tenden a reproducirse unidas.
O pensamento
É a función superior de coñecemento, que supón a percepción, a memoria e a imaxinación. Estes procesos son os que proporcionan o material de pensar. Os psicólogos cognitivos distinguen entre:
- Pensamento concreto: encamiñado á resolución de problemas que afectan o individuo nun momento determinado. É compartido cos animais.
- Pensamento abstracto: consiste na capacidade de representar conceptualmente a realidade e de razoar. É exclusivo do home.
Conceptos
Constitúen o contido do pensamento. Un concepto é a representación mental das propiedades esenciais dun obxecto. Distínguese da imaxe en que esta recolle só as súas características concretas individuais. Tanto no concepto como na imaxe o obxecto está ausente.
Os conceptos fórmanse mediante o proceso mental da abstracción, que consiste en considerar por separado unha cualidade ou un conxunto de cualidades dun obxecto, que comparte con outros da mesma clase.