O Proceso de Estandarización do Galego: Normativización, Política Lingüística e Desvíos da Norma
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,45 KB
Normalización Lingüística: Obxectivos e Desafíos
Entendemos por normalización lingüística o proceso que ten como obxectivo facer da lingua o vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Nunha situación de conflito lingüístico existen unicamente dúas saídas posibles: a substitución do galego polo castelán ou a normalización lingüística do galego.
Para levar a cabo a normalización lingüística do galego e evitar a asimilación da nosa lingua por parte do castelán, cómpre poñer en marcha intervencións oficiais destinadas á elaboración dun modelo estándar e á recuperación dos ámbitos de uso do galego. Este conxunto de intervencións oficiais é o que se coñece como política lingüística.
A Política Lingüística Galega
A posta en marcha da política lingüística galega correspóndelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a cal pon en marcha accións precisas para levar a cabo o proceso normalizador e o uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade. Respecto disto leváronse a cabo actuacións importantes:
- En materia lexislativa.
- No mundo da Administración (cursos de formación, etc.).
- Nos medios de comunicación (creación da Radio Galega e da Televisión de Galicia).
Limitacións e Retroceso
Aínda así, moitas destas actuacións careceron de eficacia debido, entre diversas causas, a:
- A excesiva limitación a certos sectores.
- A que non se realizou unha actuación política global.
- A que non se observou unha actitude promocional e de apoio nos distintos ámbitos.
Podemos dicir que nos últimos tempos houbo avances que benefician o proceso de normalización do noso idioma:
- O galego goza de recoñecemento oficial.
- Dispón de lexislación propia.
- É materia obrigatoria no ensino.
Pero segue retrocedendo como primeira lingua, xa que se percibe un avance do castelán como lingua de relación entre os galegos, incluso. Isto débese sobre todo á escasa efectividade da política lingüística e ao incumprimento da lexislación vixente.
Normativización e Construción da Variedade Estándar
A variedade estándar é o modelo de lingua común e que é identificada polos falantes como o uso correcto e normativo.
Tarefas no Proceso de Normativización
- Estandarización: É a selección e fixación dunha variedade sincrónica de lingua uniforme que se usará na escrita e nas comunicacións formais.
- Grafización: Consiste en buscar a forma de representar graficamente esa lingua estándar.
- Modernización: É o proceso que capacita a lingua para ser usada en todas as formas de discurso posible, en calquera nivel e calquera rexistro.
Fases do Proceso Normativizador
Todo este proceso normativizador desenvólvese en dúas fases:
- Selección e fixación: Nesta fase inclúense todas as actuacións orientadas a concretar unha norma.
- Cultivo e expansión: Recóllense as actuacións que perseguen estender o emprego da lingua a novos ámbitos sociais.
Modelos de Estandarización
Segundo Ricardo Carballo Calero
Segundo Ricardo Carballo Calero, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o proceso de estandarización divídese en tres fases:
- Dialectalismo: Cada escritor utiliza na súa escrita a variedade que está afeito a escoitar na fala da súa zona de procedencia.
- Interdialectalismo: O escritor, na medida en que vai coñecendo outras variedades, selecciona aqueles aspectos que máis lle gustan dos diversos falares galegos.
- Supradialectalismo: O modelo de lingua estándar non debe basearse en ningún dialecto concreto, senón que debe estar por riba deles integrándoos a todos.
Segundo Benigno Fernández e Henrique Monteagudo
Para Benigno Fernández e Henrique Monteagudo as etapas son outras:
- Galego popularizante: Caracterízase por ter como fonte principal o galego oral, con todas as eivas que iso supón.
- Galego enxebrizante (Ata 1936): O galego caracterízase polo predominio da tendencia diferencialista con relación ao castelán, para confirmar que se trata de dúas linguas independentes e diferentes. Para logralo:
- Buscan un galego supradialectal.
- Expurgan os castelanismos.
- Escollen o portugués como modelo de tradición literaria.
- Empregan arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos...
- Galego protoestándar (Ata fins dos 70): O galego caracterízase pola simplificación ortográfica e polo predominio da tendencia purista.
- Galego estándar (Ata hoxe): O galego caracterízase pola procura dun galego supradialectal, fiel á lingua oral, coherente coa historia e coa actualidade da lingua.
A situación anterior muda desde que o noso idioma é obxecto de estudo por parte de certos departamentos e institucións universitarias. As liñas predominantes do galego destes últimos anos son:
- Simplificación do galego escrito.
- Eliminación de dialectalismos.
- Esixencia de pureza e corrección.
- Adaptación do galego á vida urbana.
Interferencias e Desviacións da Norma
As interferencias son erros ou desvíos que se producen na fala ou na escrita do galego debido á influencia do castelán.
Interferencias Fónicas
- Substitución do castelán polo galego: burbuja - *burbuxa.
- Cambio dos grupos semicultos br-, cr-, pr- por bl-, cl-, pl-: *blando, *clavo, *placer.
- Perda da última sílaba en palabras rematadas en -ade, -ude: *amistá, *xuventú.
Interferencias Morfolóxicas
- Artigo: Uso do artigo masculino diante de substantivos femininos que comezan por vogal tónica: *o aguia, *o arte.
- Pronomes persoais:
- Teísmo non dialectal: *Xa te contei...
- Lleísmo equivalente ao "leísmo": *Saudoulle con moita efusividade.
- Demostrativos: Uso de *estos, *esos, *aquelos no canto de estes, eses, aqueles.
- Relativos: Uso de *quenes no canto de quen.
- Verbos: Uso de tempos compostos: *había feito.
Interferencias Sintácticas
- Ausencia de artigo diante de posesivos: *Miña casa atópase en ruínas.
- Emprego da preposición a na perífrase ir + infinitivo: *ir a comer.
- Mala colocación dos pronomes átonos na oración: *Me dixo que se calara.
Interferencias Léxicas
- Restrición do vocabulario: Substitución de todas as formas galegas (escachar, esnaquizar, crebar) pola forma galega e castelá romper.
- Simulación de voz autóctona: *conexo, *cexa...
- Substitución da forma galega pola castelá: *acera, *rodilla, *amarillo...