O Proceso de Estandarización do Galego: Normativización, Política Lingüística e Desvíos da Norma

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,45 KB

Normalización Lingüística: Obxectivos e Desafíos

Entendemos por normalización lingüística o proceso que ten como obxectivo facer da lingua o vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Nunha situación de conflito lingüístico existen unicamente dúas saídas posibles: a substitución do galego polo castelán ou a normalización lingüística do galego.

Para levar a cabo a normalización lingüística do galego e evitar a asimilación da nosa lingua por parte do castelán, cómpre poñer en marcha intervencións oficiais destinadas á elaboración dun modelo estándar e á recuperación dos ámbitos de uso do galego. Este conxunto de intervencións oficiais é o que se coñece como política lingüística.

A Política Lingüística Galega

A posta en marcha da política lingüística galega correspóndelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a cal pon en marcha accións precisas para levar a cabo o proceso normalizador e o uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade. Respecto disto leváronse a cabo actuacións importantes:

  • En materia lexislativa.
  • No mundo da Administración (cursos de formación, etc.).
  • Nos medios de comunicación (creación da Radio Galega e da Televisión de Galicia).

Limitacións e Retroceso

Aínda así, moitas destas actuacións careceron de eficacia debido, entre diversas causas, a:

  • A excesiva limitación a certos sectores.
  • A que non se realizou unha actuación política global.
  • A que non se observou unha actitude promocional e de apoio nos distintos ámbitos.

Podemos dicir que nos últimos tempos houbo avances que benefician o proceso de normalización do noso idioma:

  • O galego goza de recoñecemento oficial.
  • Dispón de lexislación propia.
  • É materia obrigatoria no ensino.

Pero segue retrocedendo como primeira lingua, xa que se percibe un avance do castelán como lingua de relación entre os galegos, incluso. Isto débese sobre todo á escasa efectividade da política lingüística e ao incumprimento da lexislación vixente.

Normativización e Construción da Variedade Estándar

A variedade estándar é o modelo de lingua común e que é identificada polos falantes como o uso correcto e normativo.

Tarefas no Proceso de Normativización

  1. Estandarización: É a selección e fixación dunha variedade sincrónica de lingua uniforme que se usará na escrita e nas comunicacións formais.
  2. Grafización: Consiste en buscar a forma de representar graficamente esa lingua estándar.
  3. Modernización: É o proceso que capacita a lingua para ser usada en todas as formas de discurso posible, en calquera nivel e calquera rexistro.

Fases do Proceso Normativizador

Todo este proceso normativizador desenvólvese en dúas fases:

  • Selección e fixación: Nesta fase inclúense todas as actuacións orientadas a concretar unha norma.
  • Cultivo e expansión: Recóllense as actuacións que perseguen estender o emprego da lingua a novos ámbitos sociais.

Modelos de Estandarización

Segundo Ricardo Carballo Calero

Segundo Ricardo Carballo Calero, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o proceso de estandarización divídese en tres fases:

  1. Dialectalismo: Cada escritor utiliza na súa escrita a variedade que está afeito a escoitar na fala da súa zona de procedencia.
  2. Interdialectalismo: O escritor, na medida en que vai coñecendo outras variedades, selecciona aqueles aspectos que máis lle gustan dos diversos falares galegos.
  3. Supradialectalismo: O modelo de lingua estándar non debe basearse en ningún dialecto concreto, senón que debe estar por riba deles integrándoos a todos.

Segundo Benigno Fernández e Henrique Monteagudo

Para Benigno Fernández e Henrique Monteagudo as etapas son outras:

  1. Galego popularizante: Caracterízase por ter como fonte principal o galego oral, con todas as eivas que iso supón.
  2. Galego enxebrizante (Ata 1936): O galego caracterízase polo predominio da tendencia diferencialista con relación ao castelán, para confirmar que se trata de dúas linguas independentes e diferentes. Para logralo:
    • Buscan un galego supradialectal.
    • Expurgan os castelanismos.
    • Escollen o portugués como modelo de tradición literaria.
    • Empregan arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos...
  3. Galego protoestándar (Ata fins dos 70): O galego caracterízase pola simplificación ortográfica e polo predominio da tendencia purista.
  4. Galego estándar (Ata hoxe): O galego caracterízase pola procura dun galego supradialectal, fiel á lingua oral, coherente coa historia e coa actualidade da lingua.

A situación anterior muda desde que o noso idioma é obxecto de estudo por parte de certos departamentos e institucións universitarias. As liñas predominantes do galego destes últimos anos son:

  • Simplificación do galego escrito.
  • Eliminación de dialectalismos.
  • Esixencia de pureza e corrección.
  • Adaptación do galego á vida urbana.

Interferencias e Desviacións da Norma

As interferencias son erros ou desvíos que se producen na fala ou na escrita do galego debido á influencia do castelán.

Interferencias Fónicas

  • Substitución do castelán polo galego: burbuja - *burbuxa.
  • Cambio dos grupos semicultos br-, cr-, pr- por bl-, cl-, pl-: *blando, *clavo, *placer.
  • Perda da última sílaba en palabras rematadas en -ade, -ude: *amistá, *xuventú.

Interferencias Morfolóxicas

  • Artigo: Uso do artigo masculino diante de substantivos femininos que comezan por vogal tónica: *o aguia, *o arte.
  • Pronomes persoais:
    • Teísmo non dialectal: *Xa te contei...
    • Lleísmo equivalente ao "leísmo": *Saudoulle con moita efusividade.
  • Demostrativos: Uso de *estos, *esos, *aquelos no canto de estes, eses, aqueles.
  • Relativos: Uso de *quenes no canto de quen.
  • Verbos: Uso de tempos compostos: *había feito.

Interferencias Sintácticas

  • Ausencia de artigo diante de posesivos: *Miña casa atópase en ruínas.
  • Emprego da preposición a na perífrase ir + infinitivo: *ir a comer.
  • Mala colocación dos pronomes átonos na oración: *Me dixo que se calara.

Interferencias Léxicas

  • Restrición do vocabulario: Substitución de todas as formas galegas (escachar, esnaquizar, crebar) pola forma galega e castelá romper.
  • Simulación de voz autóctona: *conexo, *cexa...
  • Substitución da forma galega pola castelá: *acera, *rodilla, *amarillo...

Entradas relacionadas: