O proceso de coñecemento: Unha viaxe entre razón e experiencia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 10,61 KB
1. O proceso de coñecemento: razón e experiencia
O coñecemento ata a Idade Moderna: o universal
a) En Platón, o coñecemento é un proceso de superación da información dos sentidos ata alcanzar as ideas, que son universais e están separadas tanto do individuo que coñece coma das cousas.
b) Para Aristóteles, o coñecemento segue sendo universal, pero o entendemento abstrae os trazos universais a partir da experiencia particular dos obxectos do mundo.
c) Na Idade Media, a preocupación en torno ao coñecemento foi a de elaborar eses xuízos universais e necesarios. O coñecemento da realidade non estaba mediatizado polo suxeito, que se limitaba a recibir pasivamente a información que proporcionan os sentidos. Foi na modernidade cando se introduciu a idea de que o coñecemento era resultado da actividade do suxeito.
Dúas posturas na Modernidade: a razón e os sentidos
A aproximación moderna á idea de coñecemento parte da súa comprensión como un proceso no que interveñen dous elementos: un suxeito, que coñece, e un obxecto, que é coñecido. No pensamento moderno, o empirismo e o racionalismo propuxeron dúas explicacións diverxentes á cuestión de como coñecemos.
a) Para o empirismo, o coñecemento comeza e termina coa experiencia, a partir da información que proporcionan os sentidos. Os empiristas parten da idea de que a mente humana é como unha páxina en branco sobre a que se imprimen todos os coñecementos. Hume distingue entre dous tipos de percepcións: as impresións e as ideas simples. As ideas complexas e abstractas fórmanse a partir da asociación das máis simples, segundo unhas leis determinadas.
b) O racionalismo foi a tradición filosófica dominante durante séculos. Todos os racionalistas confían na razón como o instrumento dos seres humanos para descubrir os procesos que ocorren na realidade. Os sentidos teñen un papel secundario. Descartes desconfía da información sensorial e busca as ideas innatas nas que se funda o verdadeiro coñecemento.
c) Kant propón unha posición conciliadora: admite cos empiristas a necesidade da experiencia para coñecer, pero coincide cos racionalistas en sinalar que o entendemento proporciona conceptos puros. Polo tanto, para Kant, os sentidos proporcionan o material do coñecemento, pero é a razón humana a que o organiza dunha forma determinada, común para todos. O suxeito coñece a realidade participando activamente no proceso, de tal modo que impón as súas estruturas mentais ao mundo.
2. A construción individual e social do coñecemento
A construción subxectiva do coñecemento
As sensacións
Todos os seres vivos teñen en común que son sensibles aos estímulos externos. Aínda que cada organismo manifeste esa sensibilidade de distinta maneira, os órganos dos sentidos son a estrutura mediante a que o sistema nervioso se comunica co mundo. Para empezar a falar de coñecemento, é necesario que esas sensacións se organicen e teñan un sentido, é dicir, que se convertan nunha percepción.
A percepción
É un proceso a través do cal se organiza, elabora e interpreta a información do medio que nos rodea. Percibir é asimilar as sensacións, dándolles un significado. O acto de percibir supón a participación activa do suxeito. A percepción é un proceso construtivo.
Pensar o mundo: os conceptos
O coñecemento sensible é o comezo do proceso de coñecemento. O seguinte paso é o salto cara á xeneralización. O coñecemento humano traballa con conceptos. A partir das percepcións de obxectos particulares, constrúense conceptos xerais. O pensamento representa os obxectos mediante conceptos; por iso, un concepto é a representación mental e simbólica dun obxecto, prescindindo das súas características concretas e individuais, para recoller as que comparte con outros. En resumo, o proceso de coñecemento comeza cunha serie de estímulos externos que se converten en reaccións orgánicas e que dan lugar a conceptos xerais, abstractos, que non teñen correspondencia inmediata con ningún individuo concreto.
A construción social do coñecemento
O coñecemento humano ten dous aspectos centrais: pretende coñecer a realidade e é un produto socialmente construído. Polo tanto, só adquire sentido cando varios suxeitos o comparten e constrúen comunicándose. O ser humano é o animal con menos repertorio de instintos; non obstante, é o que ten maior capacidade de aprendizaxe nos seus primeiros anos de vida. A través do proceso de socialización, interiorízanse as normas sociais, apréndese unha serie de hábitos e normas ético-morais que indican como comportarse. Así, o coñecemento dáse na sociedade como algo previo á experiencia persoal, proporcionándolle a esta última o seu significado. Esta organización, se ben é particular dunha situación histórico-social, preséntaselle ao individuo como a forma natural de ver o mundo.
3. Coñecemento e linguaxe
A forma de coñecemento
A linguaxe adoita definirse como un sistema de signos que expresa ideas. Foi considerada clásicamente o vehículo do coñecemento.
Linguaxe animal e linguaxe humana
1) Tradicionalmente, sinalábase que a diferenza fundamental entre a linguaxe animal e a humana consistía en que a animal era innata e a humana aprendida. Pero hai moitos animais que teñen a capacidade de aprender códigos novos.
2) Outro dos trazos distintivos que se adoita atribuír á linguaxe animal é o seu carácter mímico. A diferenza da linguaxe animal, a humana é un sistema articulado, xa que todas as linguas humanas están formadas por un número constante de elementos simples.
3) Por último, os lingüistas modernos adoitan considerar que a linguaxe simbólica humana é absolutamente irredutible a outros medios de comunicación animal.
Características da linguaxe humana
1) A capacidade de emitir sons cun contido simbólico.
2) A capacidade de combinar as palabras, construíndo frases con distinto significado.
3) A linguaxe serve para pór orde no mundo, clasificalo e entendelo, e a comunicación para entender o que din as palabras.
As relacións entre o coñecemento e a linguaxe
A medida que os procesos cognitivos se fan máis complexos e abstractos, a linguaxe aparece como o instrumento necesario sen o cal non se poderían pensar certas realidades.
O pensamento é anterior á linguaxe: o pensamento é unha actividade independente, previa á linguaxe. Formas de pensamento non lingüísticas precederían á adquisición da linguaxe.
A linguaxe é anterior ao pensamento: o pensamento non sería máis có reflexo da linguaxe. Non existe un mundo que se perciba obxectivamente, dun modo puro. Todo o que se lle aparece a un falante, se é comprensible, éo a través das categorías da súa linguaxe. As consecuencias desta tese son varias, aínda que a máis sobresalinte é a que aboca a un relativismo lingüístico.
As complexas relacións entre o pensamento e a linguaxe:
1) Desde unha perspectiva empirista, considéranse decisivos os factores externos provenientes do contorno e do medio social.
2) Nunha liña racionalista, admítese a existencia de universais lingüísticos innatos e unhas estruturas básicas coas que nacen todos os futuros falantes.
A importancia da linguaxe na filosofía actual
1) A preocupación central da filosofía da linguaxe é establecer as conexións coa realidade. Os positivistas e atomistas lóxicos propoñían que a orixe de moitos problemas filosóficos se encontra nas deficiencias e imprecisións da linguaxe.
2) Por outro lado, hai unha liña máis pragmática que ten a súa orixe na segunda época das obras de Wittgenstein e que intenta aplicar a actitude crítica da filosofía á linguaxe cotiá.
4. O coñecemento e o problema da verdade
Coñecemento e verdade
O coñecemento é un proceso que, partindo da experiencia sensible, chega a construír conceptos e teorías que intentan describir, explicar e predicir a realidade. O problema é distinguir entre verdadeiro e falso, e deixa aberta a cuestión de se é posible ou non alcanzar a verdade. Parménides xa distinguía dous camiños: verdade e opinión. Para Platón, só había un tipo de coñecemento: o verdadeiro, posto que coñecer era unha facultade infalible e o erro pertence ao ámbito da opinión. Marx e Engels problematizaron o coñecemento ao manter que o erro e a falsidade son elementos constitutivos do proceso de coñecer humano. Sinalaron que existiron concepcións falsas e ideolóxicas que intentaron presentarse como verdadeiras. No proceso de coñecer, interveñen un suxeito e un obxecto. Esta relación foi entendida de distinta maneira na historia da filosofía. Se poñemos o peso sobre o suxeito, e é este o que crea ou constrúe o obxecto, teremos un idealismo. Pero se a forza da relación se sitúa no obxecto, entón o mundo exterior predomina sobre a idea e teremos realismo.
Modos de entender a verdade
Idealismo: o criterio de verdade está no suxeito, non no obxecto.
Realismo: o mundo é a única fonte de coñecemento e o único criterio de verdade.
Outros: criterio de verdade no acordado entre os individuos dunha comunidade (trátase das teorías do consenso e das teorías pragmáticas).
Verdades
» A teoría da verdade como correspondencia parte de dous supostos previos: existe unha realidade independente do pensamento e, por outra parte, pódese chegar a coñecela. Correspóndese coas posicións empiristas e realistas na teoría do coñecemento.
» A verdade como coherencia di que non é necesario contrastar co mundo exterior a verdade ou falsidade dunha afirmación, porque unha proposición é verdadeira cando non entra en contradición co resto de proposicións que forman unha teoría. A súa verdade ou falsidade depende da relación que mantén cos outros enunciados do sistema.
» As teorías da verdade como desvelamento ou alétheia propoñen que a verdade se encontra na realidade en xeral (no ser), e a misión do suxeito é descubrila, facela visible.
» A verdade como consenso sostén que a verdade é o produto intersubxectivo dunha comunidade de individuos en relación activa a través dun discurso común.
» A concepción pragmática da verdade afirma que é verdadeiro aquilo que se mostra eficaz na práctica.
» A verdade como perspectiva, máis concretamente a hermenéutica, ten un carácter existencial. Aparece no diálogo e é froito dun acordo, da fusión de horizontes dos suxeitos.