O Prerrexurdimento Galego: Contexto Histórico, Política, Economía e Cultura no Século XIX
O prerrexurdimento
Contexto histórico
A Galicia da primeira metade do século XIX está marcada por varios factores: o constante crecemento demográfico, o mantemento dun réxime de propiedade sometido aos foros, o escaso desenvolvemento da industria e o inicio dunha forte emigración.
Política e administración
Comeza o século coa Guerra da Independencia contra os franceses (1808-1814). En 1814 Fernando VII volve ocupar o trono de España ata a súa morte en 1833, e durante esta etapa alternan no poder liberais e absolutistas. Morto o rei, comeza un período de rexencia da súa muller, María Cristina, por mor da minoría de idade da futura Isabel II.
O provincialismo
É o nacemento da primeira gran manifestación do galeguismo en 1840. Entre 1840 e 1846, dase a coñecer en Galicia un grupo de mozos universitarios preocupados por diversos aspectos relacionados co noso país. Son conscientes do carácter diferencial de Galicia e por iso loitarán na defensa dos seus intereses económicos, políticos e culturais co obxectivo de que ocupe un lugar de maior relevancia dentro do Estado. Créase a Xunta Superior do Reino de Galicia. O levantamento fracasa e moitos dos seus líderes serán fusilados (mártires de Carral), mentres que outros poderán fuxir ou exiliarse.
Economía
Desde finais do século XVIII prodúcese un crecemento demográfico en Galicia que chega ata a década de 1840. A agricultura segue sendo, nestes anos, a principal fonte de riqueza, os impostos son moi altos e a industria non se desenvolve, polo que a emigración segue sendo a saída para moitos cidadáns.
Sociedade
O modelo de organización segue sendo o modelo do Antigo Réxime (modelo feudal), aproximándose a un sistema liberal. O campesiñado é a clase maioritaria e continúa sumida na pobreza. Os fidalgos constitúen un segmento social en auxe ao seren os encargados de cobrar as rendas da terra. O clero segue sendo un grupo social tamén privilexiado. En canto á burguesía e ao proletariado, aínda son grupos pouco numerosos.
Lingua e cultura
A centralización política provoca que a lingua e a cultura galegas se identifiquen con tradición e atraso, mentres que todo o español é sinónimo de progreso, dándolle pulo á substitución do galego polo castelán e estendendo a diglosia. A creación dun sistema escolar estatal, gratuíto, será un apoio á expansión do castelán. Aparecen nesta metade do século moitos xornais nos que intervén algún dos provincialistas máis destacados en defensa da lingua, por exemplo “El Porvenir”, 1845. Tamén se crean liceos e academias, como o “Liceo de la Juventud de Santiago”.