A Poesía Galega Desde 1975: Correntes, Temas e Figuras Literarias

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en español con un tamaño de 4,59 KB

A Poesía Galega Desde 1975 Ata a Actualidade

Introdución

A partir de 1975, ano da morte de Franco, a situación sociopolítica modifícase. Coa transición democrática, que culmina en 1982, España convértese nunha democracia. Estes cambios traen consigo a proliferación de manifestacións literarias e artísticas cun desexo de expresión e liberdade. Caracterízanse por unha verdadeira eclosión poética (moitos poetas) e por unha evolución do xénero.

En 1976, coa publicación de Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín e Mesteres de Arcadio Casanova, prodúcese un cambio de tendencia poética e unha renovación nas formas de expresión. Estas obras superan a poesía que se facía ata entón e marcan unha nova orientación que recupera o interese pola estética e pola beleza formal do poema.

Colectivos Poéticos

Os autores deste novo período reúnense en colectivos coa finalidade de ser máis efectivos:

  • Rompente

    Xurdiu en Vigo en 1975 e estivo activo ata 1979. Formado, entre outros, por Antón Reixa, Manolo Romón e Alfonso Pexegueiro. O grupo caracterizouse por seren transgresores e polas propostas innovadoras.

  • Cravo Fondo

    Creouse en 1976 en Santiago e aglutina a poetas, case todos lugueses. Destacan Xesús Rábade, Ramiro Fonte, Helena Villar, etcétera. Publicaron só un libro colectivo co mesmo nome, así como un manifesto programático. Negan o socialrealismo e defínense como nacionalistas e antielitistas.

  • Alén

    Grupo de poetas unidos por coincidir como estudantes en Santiago e compartir as mesmas preocupacións literarias e xuvenís. Xosé Ramón Pena e Miguel Mato son algúns dos seus compoñentes.

A Poesía dos Anos 1980

As súas características son:

  • Preocupación estética: Rexeita a estética socialrealista. Buscan máis beleza e maior expresividade. Maior coidado na linguaxe e no vocabulario. Na forma, recuperan as formas clásicas, como o soneto, a lira e os tercetos encadeados.

  • Culturalismo: Presenza de referencias culturais nos textos. Abundan no poema alusións mitolóxicas, históricas, citas doutros autores e referencias á cultura moderna, como a música e o cine.

  • Experimentalismo: Ruptura da orde lóxica do discurso e transgresión das normas ortográficas e gramaticais. Tamén se mesturan no poema elementos plásticos e incluso música.

  • Variedade nos temas: Non abandonan os temas sociais e comprometidos, pero recuperan o gusto polos temas intimistas: o amor, o paso do tempo, a nostalxia, a morte e a soidade. O ambiente desenvólvese en diversos espazos: naturais, urbanos, interiores e íntimos.

Algúns autores son: Xosé Ramón Pena, Fernán Bello, Lino Braxe, Manuel Forcadela, entre moitos outros.

Poesía dos Anos 1990

As correntes poéticas emerxentes nesta década resúmense en:

  1. Actitude rebelde e inconformista: A xuventude dos poetas fai que se acheguen á poesía dun xeito innovador, empregando o humor e a transgresión dos códigos literarios. Nas composicións inclúen diversas voces, variantes dialectais, variantes diastráticas, diafásicas e unha forma ilóxica de falar.

  2. Dominio lingüístico: Posúen gran precisión no uso da lingua. Utilizan variedade de rexistros e xogos lingüísticos. Empregan unha linguaxe prosaica (vulgar) e caracterízanse pola fragmentación estrutural e sintáctica do poema.

  3. Os temas: Novos temas como a morte, o paso do tempo, o amor, o feminismo e o patriotismo son tratados dun xeito fresco e desmitificador. Tamén abordan temas ligados á sociedade moderna: o consumismo, o desemprego, a ecoloxía, etcétera.

    Amosan unha Galicia en crise que perde os seus valores rurais e camiña cara a unha sociedade urbana.

  4. Formalmente: Utilizan o verso libre. Rexeitan a beleza formal para potenciar a creación de textos “desaliñados”.

Autores destacados: Fran Alonso, María Lado, Rafa Villar, Gonzalo Navaza, Chus Pato e Iolanda Castaño.