O Poder Político e o Estado: Análise e Evolución

Enviado por Belinda y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 24,37 KB

A Institución Política

Unha sociedade é un grupo de persoas que participan nunha cultura común con influencias entre individuos ou grupos sociais.

Chamamos poder á capacidade de influír na conduta dos demais. Aparece baixo tres modalidades básicas: a coerción, a recompensa e a persuasión. Estas tres modalidades poden darse mesturadas (autoridade paterna).

  • Poder coercitivo ou coactivo: Capacidade de castigar a resistencia doutros a deixarse influír.
  • Poder de recompensa: Capacidade para premiar a disposición a deixarse influír. A recompensa económica está moi estendida, pero non é a única.
  • Poder persuasivo: As ideas dos individuos ou grupos que gozan de prestixio e importancia na sociedade tenden a ser consideradas como modelos. A forma máis importante de poder persuasivo é o poder ideolóxico.

O Poder Político

A política é o control das situacións e relacións que se xeran nunha sociedade. Este poder ten as mesmas bases que o poder social en xeral, pero a súa esencia constitúea o poder de coacción. É o poder dos supremos que poden decidir “finalmente” calquera situación.

O poder ideolóxico é un ingrediente do poder político, ao igual que o de recompensa, polo que en moitas sociedades é difícil diferenciar o poder coactivo da dominación ideolóxica ou económica.

O Estado

Non existe un único concepto de Estado. Pode entenderse como a diferenza entre gobernantes e gobernados, como unha sociedade que posúe órganos políticos, administrativos e xurídicos autónomos; ou como o conxunto destes órganos.

En xeral, falaremos de Estado para referirnos ao fenómeno político que se deu en Europa a partir do Renacemento.

Formas Preestatais de Dominación Política

  • Sociedades acéfalas: Son seminómades cunha economía de subsistencia, nas que a figura do xefe xorde de forma transitoria segundo as necesidades da situación.
  • Sociedades segmentarias: Son estables, sedentarias e cun certo excedente económico, nas que as relacións familiares son o fundamento do grupo. O poder político é permanente e está ligado á liñaxe.
  • Cidades-Estado: A máis representativa é a polis grega. Son sociedades desenvolvidas cunha economía agrícola, artesanal e comercial. Aparece o concepto de cidadanía (igualdade e participación política dos cidadáns) e a burocracia política.
  • Imperios burocráticos: Caracterízanse pola centralización do poder político e a aparición dunha maquinaria estatal. A maioría da poboación, sen dereitos políticos, está sometida a unha autoridade central. Historicamente a súa decadencia está ligada ao colapso económico.
  • Sociedades feudais: A súa economía é basicamente agraria. O poder está lexitimado por Deus e descentralizado. A nobreza está vinculada ao rei por lazos de vasalaxe, é hereditaria e a encargada de administrar xustiza. A Igrexa ten poder moral sobre todos, incluído o rei. As cidades teñen poder independente dos feudos e, ás veces, enfrontado a eles.

O Estado Moderno

Aparece en Europa no século XVI. Nel só se require o control e monopolio do poder coactivo e que os membros da sociedade acepten ese poder. Para poder manter o “monopolio da coacción lexítima” precísase a delimitación clara do territorio sobre o que se exerce ese poder.

A definición de Weber de Estado é: Comunidade humana que reclama con éxito o uso da forza física dentro dun territorio determinado.

Maquiavelo foi o primeiro en empregar o termo de estado como unha institución vinculada a un territorio con límites precisos no que o soberano exerce o poder absoluto amparándose na forza do exército. Senta as bases da ciencia política moderna, o Estado ten que estudarse partindo da observación de feitos políticos (deixando de lado as consideracións morais ou relixiosas) e atendendo ás leccións que nos dá a historia. O fin do gobernante é conservar o poder e engrandecer o Estado para o que necesita sagacidade, valor, intuición, capacidade para adiantarse aos acontecementos e vontade para facer o que sexa necesario para manter a orde e a estabilidade. Debe ser amoral xa que no ámbito político non é pertinente, ou é irrelevante ou contraproducente.

Características do Estado

  • Territorialidade: O poder do Estado esténdese a todo o territorio delimitado polas súas fronteiras. Calquera persoa ou organización que actúe no seu territorio queda sometida ás súas normas.
  • Soberanía: Non sometemento a ningunha autoridade dentro do seu territorio, é a autoridade suprema. Diferénciase a soberanía “cara a fóra” onde non está sometido a unha autoridade doutro Estado, e a soberanía “cara a dentro” que ten o monopolio da forza no seu territorio. A coacción só pode ser exercida de forma lexítima no nome do Estado e calquera outro uso da forza é ilexítimo e o Estado tentará eliminalo porque senón podería xurdir unha forza opositora que se faga co poder do Estado.

Actualmente a soberanía estatal é incapaz de facer fronte á globalización. Nin a información, nin a protección do medio ambiente, nin a política económica son xa un asunto de cada estado exclusivamente. De aí que existan organizacións superestatais que intentan responder a eses novos retos como a UE ou a ONU.

  • Ordenamento xurídico único: Está presidido por principios de carácter xeral (igualdade, liberdade e dignidade das persoas). Procede dun único poder lexislador, esixe a ausencia de contradicións e descansa na soberanía do Estado que non depende de ningún outro ordenamento xurídico alleo.
  • Facenda pública recadadora e burocracia administrativa: Na primeira fase da consolidación do Estado moderno, os sectores administrativos que se desenvolveron foron o militar e o financeiro, destinado a recadar impostos. Ambos os dous servirán de modelo a toda organización administrativa posterior.

Diferenza entre Estado e Nación

Estado e nacións son institucións relacionadas pero distintas. O Estado é unha institución que impón a súa autoridade sobre a poboación dun territorio, unha nación política. A nación, en cambio, é unha comunidade unida por lazos horizontais, como a lingua, a cultura, a historia ou unha orixe étnica común. A nación cultural é unha comunidade vinculada a un territorio, con sinais de identidade psicolóxica e cultural comúns.

Nalgúns casos nación e Estado coinciden como no caso de Francia, pero mesmo nese caso dentro do Estado existen diferentes nacionalidades (emigración, diversidade cultural, etc.). Noutros casos unha nación é maior que o Estado no que se desenvolve, como o caso de China, e existen tamén Estados multinacionais (no Reino Unido conviven varias nacións: inglesa, irlandesa, galesa e escocesa).

Hai tamén grupos de individuos que teñen o sentimento de pertenza á mesma comunidade pero non teñen un territorio recoñecido como Estado nin como rexión dentro dun Estado multinacional, son as nacións sen Estado como os kurdos ou os palestinos.

As relacións entre Estado e nación xeralmente son pacíficas, pero ás veces teñen lugar conflitos nacionalistas que chegan a desembocar en guerras civís.

Lexitimidade do Estado

Etienne de la Boétie en 1854 preguntou por que os membros dunha sociedade obedecen a quen os goberna, sendo estes maioría. Esta pregunta está relacionada coa lexitimación do poder político, os cidadáns obedecen voluntariamente ao Estado cando o consideran lexítimo.

Weber diferencia tres tipos de dominación lexítima:

- Dominación tradicional: O poder lexitímase por recurso á tradición (Gobernos baseados na crenza do carácter divino ou hereditario de certas persoas ou institucións, seguindo leis ou costumes herdados).

- Dominación carismática: O poder lexitímase por recurso ao carisma, unha especie de don ou calidade excepcional que posúen algunhas persoas (Hitler, Che Guevara, aiatolá Khomeini).

- Dominación legal-racional: O poder lexitímase por recurso á lei, non se obedece á persoa senón á regra establecida democraticamente. A autoridade exércese por elección e está limitada pola lei, é propia das sociedades democráticas, úsase en combinación con algún dos outros dous elementos e é o máis racional e eficaz. Debe ser considerada como a única forma lexítima de exercer o poder na nosa época.

Lexitimacións Históricas do Poder Político

As primeiras lexitimacións do poder político foron de orixe relixiosa. Deus era a única fonte de autoridade lexítima.

Para Platón o goberno lexítimo era o dos filósofos, aínda que no seu último período admitiu o sometemento ás leis, debido á dificultade de atopar auténticos filósofos.

Para Aristóteles o poder ten o seu fundamento na obediencia ás leis. Serán lexítimas as formas de goberno que busquen o ben común e ilexítimas aquelas nas que os gobernantes busquen o ben propio.

Na Idade Media Deus volveu a ser o fundamento do poder político. Este delegaba o poder no Papa, con poder espiritual supremo, e no Emperador, que tiña o poder secular aínda que estaba subordinado ao do Papa.

Maquiavelo (1469-1527) introduciu unha nova concepción do Estado que non necesita máis lexitimación que o propio poder: as leis non lexitiman ao poder senón que son elas as que se fundamentan no poder. A súa concepción prestou fundamento teórico ás monarquías dos séculos XVII e XVIII.

Xa nestes séculos, debido ás ideas ilustradas e ás loitas da burguesía pola liberdade, xurdiron novas formas de fundamentar o Estado e o poder político no contrato social.

Coa Ilustración ten lugar unha secularización da política polo que perde importancia a lexitimación de carácter relixioso e gaña importancia a baseada en criterios racionais como o consentimento do pobo. É lexítimo o que é legal e é legal o establecido por vontade popular. O problema das teorías que aceptan a lexitimidade legal-racional é que non posúen a forma de considerar ilexítimo o poder que se acadou de xeito fraudulento.

No século XX Arendt e Habermas consideran que todo poder que se acade por medio da manipulación non é lexítimo. O poder emana do pobo e sen el non existe, sendo os sistemas verdadeiramente representativos aqueles nos que os gobernados dirixirán aos gobernantes. O poder non se pode entender como intento de controlar a vontade doutros senón como un logro da vontade común: o consenso mediante a comunicación.

Para saber cando as decisións dos cidadáns son propias e non manipulacións, Habermas propón un procedemento que debe seguir toda toma de decisións sobre un asunto público: As partes que expoñen e defenden o seu punto de vista deben ser libres e iguais, para que a opinión teña o mesmo valor. Ademais debe impoñerse o argumento que todos recoñezan como máis forte.

Isto é difícil de levar a cabo nas grandes sociedades actuais e non é doado establecer unha “comunidade ideal de diálogo” que garanta unha decisión consensuada e libre. Sen embargo a súa teoría pon de manifesto o perigo de que as democracias occidentais se convertan en meras democracias formais.

Necesidade do Estado?

A pregunta pola obediencia ao poder político presupón que a organización política é algo necesario para as sociedades humanas, pero existen varias teorías que consideran que o Estado é un instrumento de opresión e propugnan a súa desaparición. É o caso das teorías anarquistas e marxistas.

Anarquismo

Etimoloxicamente anarquía significa “sen xefe” polo que pode usarse como sinónimo de caos, pero no século XVIII xorde como movemento político, moral e social, oposto á tiranía e á coacción. Xa no século XIX, con Proudhon e Bakunin converteuse nunha ideoloxía política forte.

Baséase na consideración do carácter ilexítimo e corrupto de todo poder, e defende a necesidade dunha comunidade libre de toda coacción. O ser humano é bo por natureza e sería bo se vivise nunha comunidade libre e igualitaria na que a bondade natural humana garantiría a solidariedade sen que fose necesaria a súa imposición. Daquela, o Estado debe ser substituído pola libre asociación, reversible, entre individuos.

Marxismo

O marxismo fala dunha extinción do Estado. Ao Estado burgués sucederalle un Estado proletario (ditadura do proletariado) que é unha etapa de transición cara ao comunismo.

No comunismo desaparece o Estado como aparello represor aínda que subsisten as funcións administrativas.

Relacións Individuo-Estado

Para a maioría dos pensadores o Estado é necesario para manter a orde interna e promover o ben común.

Tendo en conta a relación individuo-Estado diferéncianse as teorías holistas e as contractualistas. Ademais, a teoría marxista presenta unha concepción particular desas relacións que non encaixa nas cualificacións anteriores xa que propugna a desaparición do Estado.

Teorías Holistas

Estas teorías consideran que o Estado é o verdadeiramente real e non resulta da simple reunión dos individuos senón que é “anterior” a eles, e os individuos só existen como “partes” do todo, e illados son só unha abstracción. Só no estado poden acadar a súa perfección e ter dereitos e deberes. Este Estado ten carácter ético xa que a súa meta é o ben da comunidade. Esta é a concepción que defenden, por exemplo, os grandes filósofos gregos.

Platón propuxo na República, un modelo de cidade-Estado que reflicte a estrutura da alma humana. Esta ten tres dimensións: razón, desexos nobres e desexos baixos; a harmonía das tres supón a perfección. Do mesmo xeito, na cidade existen tres clases sociais: gobernantes filósofos, guerreiros e produtores, e a harmonía entre eles dáse cando cada un cumpre a súa función sen intervir na dos demais. Esa será unha cidade xusta. Os guerreiros teñen un réxime especial de vida comunitaria, sen familia nin propiedades e os mellores son elixidos para continuar estudando e ocuparse do goberno da cidade. Por tanto, a forma máis lexítima de goberno é a dos sabios-filósofos.

Nesta cidade ideal ningún cidadán realiza por separado a perfección humana senón que participa na perfección en canto elemento dun conxunto perfecto.

Aristóteles defendía que o home só pode levar unha “vida boa” na polis alegando que o fin da política é o ben do ser humano. Xa non fala do mellor goberno, senón de formas lexítimas ou ilexítimas de exercelo, sendo lexítimas aquelas que procuran o ben común e ilexítimas nas que os gobernantes buscan o ben propio. Diferencia, segundo o número de gobernantes, tres formas lexítimas e tres ilexítimas de goberno:

- Monarquía: Goberno dun só en función do ben común. Dexenera en tiranía, goberno dun só en proveito propio.

- Aristocracia: Goberno dos mellores e máis aptos para o exercicio da autoridade na procura do ben común. Dexenera en oligarquía, goberno dos máis ricos que usan o poder político en beneficio propio.

- Democracia: Goberno da maioría. Dexenera en demagoxia, goberno dos desherdados.

Comte é un exemplo de organicismo que concibe o Estado como un sistema semellante a un organismo biolóxico. Para el a humanidade é unha entidade social que ten unha orde propia e un progreso social inevitable que se explica mediante a lei dos tres Estados:

- Teolóxico: Fase infantil da humanidade na que gobernan os sacerdotes, fundamentándose en crenzas imaxinarias e irracionais.

- Metafísico: Fase xuvenil na que gobernan os militares, fundaméntase en especulacións abstractas da razón.

- Positivo: Estado adulto cunha orde fundamentada na investigación das ciencias positivas e na que gobernan sabios e filósofos.

O darwinismo social aplica o concepto de Darwin de “loita pola vida” ao mundo social polo que o xurdimento da evolución dos Estados depende das loitas entre diferentes grupos e guerras entre Estados.

Hegel defende que o home se caracteriza por ser unha parte de distintas institucións: familia, corporacións, Estado… Neste contexto o Estado é anterior ao individuo e o seu xurdimento débese a razóns históricas independentes e superiores aos desexos e actividades dos individuos, que deben someterse a el e aceptar as súas esixencias. O Estado é o primeiro e os individuos só existen como tales sendo membros do Estado.

Os sistemas estatistas e totalitarios do século XX. Segundo os totalitarismos a vontade do individuo non conta no Estado senón que este xorde e desenvólvese sen ter en conta as intencións dos individuos ou a súa xustificación racional.

O Estado como Contrato

Defende que os individuos son anteriores ao Estado e fóra del posúen liberdade e dereitos naturais. O Estado constrúese a partir dos individuos por contrato entre eles polo que a realidade son os individuos e o Estado é unha abstracción. Son teorías individualistas onde o natural non é vivir nun Estado senón que o “estado de natureza” onde os individuos viven illados.

A meta do Estado é a protección das liberdades, dereitos e/ou seguridade dos individuos.

O Contractualismo Clásico

O contractualismo clásico parte da hipótese do Estado de natureza, situación primitiva onde os homes vivían fóra dun contexto social e político. Os individuos establecen os seus dereitos e deberes recíprocos aos que se someten voluntariamente a través do contrato social. O sistema resultante deste contrato varía duns autores a outros.

Thomas Hobbes (séculos XVI-XVII). A sociedade non é algo natural senón histórico, unha creación dos homes ante o perigo da destrución mutua. No estado de natureza só obedece aos seus desexos ou ao temor provocando unha guerra continua de todos contra todos. Para saír desta solución acordan establecer un contrato de cesión de todos os seus dereitos para vivir en paz. Isto trae consigo a creación do poder político, os individuos quedan sometidos ao soberano que é o único que ten poder. Isto é o Estado absoluto, lexitimando esta teoría as monarquías absolutas.

John Locke (século XVII). O home no estado de natureza é pacífico e ten dereitos naturais que están expostos a ser violados. Co contrato os individuos renuncian tan só ao seu poder de dereito á defensa que pasa a ser exercido polo Estado. O home perde así a súa liberdade natural e o dereito sen límites a cantas posesións poida coller pola forza pero gaña liberdade civil que é máis limitada pero ten máis garantías. O dereito á propiedade tamén está condicionado pola lei. Con isto o poder político resultante é un poder delegado e revogable e ningún poder será lexítimo se non respecta os dereitos naturais. Para evitar abusos repártese o poder en executivo (monarca) e lexislativo (Parlamento elixido por democracia censitaria). É un Estado Liberal cunha monarquía parlamentaria.

Rousseau (século XVIII). En Estado de natureza os homes son libres, iguais, asociais, independentes e felices, pero as catástrofes naturais obrigáronos a deixar ese estado, dando lugar ao egoísmo. Co contrato social os seres humanos deben poñer entre parénteses os seus intereses particulares e guiarse só polo interese xeral. Así, o contrato expresa a “vontade xeral” e o ser humano obedece ás leis sen deixar de ser libre xa que se está obedecendo a si mesmo. A liberdade natural é substituída pola liberdade política, e a igualdade natural pola soberanía popular que implica que o poder lexislativo, o poder político supremo, está no pobo e é indelegable. O Estado que resulta é un Estado social cunha democracia asemblearia.

Kant (século XVIII). Non fala xa dun contrato histórico senón dun procedemento racional para determinar a lexitimidade do Estado e garantir a xustiza das leis. Considera que a seguridade gañada co pacto social debe ser compatible co respecto e garantía das liberdades dos cidadáns. Toda constitución política apóiase en tres fundamentos: a liberdade, a dependencia dunha lei única e a garantía de que todos somos iguais ante a lei; liberdade e igualdade para todos os cidadáns ante a lei. A idea de que a lexitimidade dunha organización social e política proveña dun contrato orixinario entre individuos implica que a lexitimidade de sistemas de poder futuros debe seguir fundada na libre aceptación dos cidadáns. Isto senta as bases do contractualismo moderno.

O Neocontractualismo

Influídos por Kant, os neocontractualistas xa non pretenden determinar a orixe do Estado, senón determinar en que condicións podemos falar de xustiza dunha lei ou da lexitimidade dun Estado. Recorren a hipóteses como a “Posición orixinal” (Rawls), semellante ao estado de natureza do contractualismo clásico ou a “comunidade ideal da fala” (Apel ou Habermas).

Rawls (século XX). Unha lei é lexítima ou xusta cando é consecuencia dun pacto orixinario entre individuos libres e iguais, e en condicións de imparcialidade. Para que isto sexa posible deben cubrirse co “veo da ignorancia”, non coñecendo nin a posición nin as condicións que ocuparán na sociedade para que non se poidan escoller privilexios. Esta posición orixinal é unha ficción mental para buscar un acordo cos individuos sobre as regras básicas dunha sociedade xusta. Para Rawls a súa teoría pode servir de base tanto a un sistema liberal baseado na propiedade privada dos medios de produción, ou a un sistema “liberal-socialista” cun amplo sector público que respecte os dereitos e liberdades dos individuos.

A Teoría Marxista

A postura de Marx é complexa. Por unha parte concibe a sociedade e o Estado dun xeito organicista, pero por outra aspira á desaparición do Estado e ao recoñecemento da personalidade individual de todo ser humano.

Inicialmente os homes tiñan unha sociedade semellante á dos animais na que cada un estaba supeditado á colectividade, pero co desenvolvemento do cerebro toman conciencia da súa individualidade. Algúns volvéronse egoístas e apropiáronse de bens dando lugar ás clases sociais. En toda sociedade hai clases dominantes e clases dominadas, explotando as primeiras ás segundas, pero a masa de explotados acabará sublevándose establecendo unha sociedade sen clases.

Historicamente, podemos ver como a sociedade escravista deu paso á sociedade feudal e á sociedade capitalista. Serán os proletarios, os que cobrando conciencia da situación emprenderán a loita revolucionaria e instaurarán unha sociedade socialista na que os traballadores asumen o poder e dirección do estado e eliminarán as clases sociais.

Este Estado é transitorio e dá paso ao definitivo, a sociedade comunista, na que desaparecerá o Estado como aparato represor e os individuos quedarán libres podendo desenvolver a súa natureza.

Conclusión

Tanto as teorías organicistas como as contractualistas como as organicistas pretenden xustificar a necesidade do Estado e terán como finalidade (agás Hobbes) poñer límites ao poder estatal. Así, as teorías do contrato social abren o camiño ao liberalismo e as democracias que serán as formas políticas predominantes nos Estados actuais.

nos Estados actuais.

Entradas relacionadas: