Percepción, sensación e tipos de intelixencia: conceptos e alteracións perceptivas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 13,89 KB

Sentido, sensación e estímulo

1. ¿Sensación, percepción? Chamamos sensación á detección de estímulos a través dos sentidos, sen que aínda fosen elaborados nin se lles dera significado. A elaboración desas sensacións no cerebro nunha unidade con significado é a percepción. Polo tanto, a sensación prodúcese nos sentidos e a percepción no cerebro.

2. Sentidos

2.1. Sentidos exteroceptores: recollen información do mundo exterior.

2.2. Sentidos interoceptores: reciben a estimulación interna procedente do organismo e infórmannos do estado e actividade dos nosos órganos internos. Localízanse dentro do corpo, nos sistemas respiratorio, dixestivo e, en xeral, nas vísceras. Grazas a eles obtemos sensacións de fame, sede, benestar, etc.

2.3. Sentidos propioceptores: infórmannos sobre os movementos do corpo (sentido da orientación ou equilibrio). Son dous:

  • Sentido cenestésico: informa da posición relativa das partes do corpo durante o movemento e permite advertir constantemente o que fai cada unha delas, así como equilibrar a tensión muscular para realizar movementos eficientes.
  • Sentido vestibular: tamén chamado sentido de orientación ou equilibrio; proporciona información sobre o movemento e a orientación da cabeza e do corpo respecto da Terra.

2.4. Sentidos nocioceptores: atópanse por todo o organismo, reaccionan ante estímulos nocivos e informan sobre a dor.

3. Os limiares perceptivos

A nosa capacidade de recibir estímulos é limitada e a psicofísica estuda a relación existente entre a natureza física do estímulo e as sensacións que produce. Desta forma, sinala a existencia de diferentes limiares:

  • A. Limiar absoluto: é a cantidade mínima de estímulo que precisamos para darnos conta del. Por exemplo, un can podería captar estímulos auditivos non perceptibles para un ser humano. Segundo E. Galanter (1962), os limiares absolutos humanos das distintas modalidades sensoriais son:
    • Visión: ver a chama dunha vela a 48 km de distancia nunha noite escura.
    • Audición: escoitar o tictac dun reloxo a 6 metros de distancia nunha habitación silenciosa.
    • Gusto: saborear unha culler de azucre en 7,5 litros de auga.
    • Olfato: cheirar unha gota de perfume nun apartamento de tres habitacións.
    • Tacto: sentir as ás dunha abella que nos roza a meixela cando cae a un centímetro.
  • B. Limiar máximo: é a máxima intensidade dun estímulo que pode soportar un suxeito sen experimentar sensacións desagradables. A máxima intensidade lumínica pode causar dor; a auditiva pode orixinar vibracións, mareos e dor.

4. Factores que inflúen na percepción: internos e externos

Ademais dos factores fisiolóxicos (sentidos, neuronas, etc.), na percepción inflúen outros factores internos como os seguintes:

  1. Cultura. Os demais ensínannos a percibir o mundo. O neno aprende dos seus pais e do seu entorno a percibir, valorar e dar significado á realidade. A cultura que adquira será un gran filtro da súa futura contemplación do mundo.
  2. Necesidades primarias. As nosas necesidades determinan a atención e a percepción: tendemos a ver máis rápido aquilo que necesitamos e mesmo a deformar o que vemos en función desa necesidade. Por exemplo, diversos experimentos revelaron que suxeitos famentos tenden a percibir figuras pouco definidas como figuras de alimento.
  3. Valoracións. Os nosos valores inflúen no que vemos e en como o vemos (máis belo, grande, harmonioso, brillante...). Bruner e Goodman (1947) demostraron que objetos con valor para os suxeitos son percibidos como de maior tamaño que outros do mesmo tamaño real pero sen valor. O experimento con nenos de 10 anos concluíu: a) as moedas percíbense maiores que discos sen valor; b) os nenos pobres percibían as moedas como maiores que os ricos, debido ao seu maior aprecio polo diñeiro.
  4. Presión social. As opinións dos demais inflúen decisivamente na nosa percepción. Penetramos así no ámbito da suxestión; por exemplo, a autoridade e o prestixio dunha persoa poden modificar as percepcións doutros. No experimento de Asch, un suxeito non preparado chegou a percibir segmentos como da mesma lonxitude que os que o grupo, preordenado polo experimentador, afirmaba que eran iguais.

5. Factores subxectivos. Moitas veces percibimos aquilo que estamos dispostos a percibir, o que queremos ou o que nos interesa. Na percepción inflúen a motivación, as expectativas, os hábitos, a aprendizaxe e a personalidade. Todos estes factores actúan nas seguintes fases:

  • Selección de datos: prestamos atención a aquilo que nos interesa e ignoramos o demais.
  • Interpretación dos datos: faise en función dos intereses, necesidades e expectativas de cada quen, non desde a imparcialidade.
  • Contido da percepción: recordos, desexos e situacións afectivas engádense á percepción; por exemplo, non percibimos simplemente “o meu veciño”, senón “o meu amable veciño que sempre está disposto a axudar”.

Tamén existen factores externos derivados das características dos estímulos que condicionan a capacidade perceptiva. As máis importantes son:

  • Intensidade. Un estímulo máis intenso chama máis a atención (ex.: unha forte explosión fronte a un ruído leve).
  • Repetición. A repetición aumenta a fixación (teña especial importancia na publicidade e na propaganda).
  • Tamaño. Os obxectos grandes atraen máis atención que os pequenos.
  • Novidade. Obxectos ou sucesos non habituais captan mellor a atención.

5. A Gestalt e as leis da percepción

Os psicólogos da Gestalt investigaron as leis que organizan sensacións en percepcións significativas. Destacan as seguintes leis:

  • A. Lei de figura e fondo: organizamos as sensacións de maneira que se perciba un obxecto ou figura que destaca sobre un fondo.
  • B. Lei de proximidade: agrupamos en unidades os estímulos que están preto. Por exemplo, se vemos tres persoas próximas e unha afastada, tendemos a considerar que as primeiras forman un grupo.
  • C. Lei de semellanza: agrupamos estímulos similares en tamaño, forma ou cor (ex.: membros dun equipo polo color da camiseta).
  • D. Lei de continuidade: percibimos como unha unidade estímulos que presentan continuidade, aínda que estean separados (ex.: as liñas dunha estrada discontinua).
  • E. Lei de contraste: percibimos un elemento polo seu contraste co conxunto (ex.: unha laranxa nun cesto de limóns).
  • F. Lei de peche: percibimos obxectos como unidades completas aínda que falten partes ou estean ocultas (ex.: dous semicírculos próximos percíbense como un círculo completo).
  • G. Lei da experiencia: tendemos a interpretar imaxes segundo a nosa experiencia previa.

6. Ilusións e trastornos perceptivos

Entre as principais alteracións da percepción atópanse a ilusión, a alucinación, as pseudopercepcións, os trastornos estésicos e as dismorfopsias.

A. Ilusións

Nas ilusións prodúcese unha percepción errónea dun obxecto. A análise das ilusións axuda a comprender os mecanismos que utiliza o cerebro para construír hipóteses sobre a realidade e tivo importantes aplicacións artísticas. As ilusións ópticas son especialmente interesantes para o estudo da percepción humana. Hai varios tipos de ilusións:

  • Por falta de atención: o cerebro completa a información incompleta da contorna para facilitar a comprensión; isto é necesario, pero pode levar a erros (ex.: saudar a un descoñecido coma se fose un amigo).
  • Ilusións catatímicas: débense a estados emocionais intensos; a persoa altera a información real debido ao seu estado anímico (ex.: unha nena con medo pode ver sombras ameazadoras en obxectos domésticos).
  • Pareidolias: ilusións nas que se atribuúe forma a estímulos vagos (ex.: ver figuras de animais nas manchas). O fenómeno consiste en dar unha estrutura formal a algo que non a ten.

B. Alucinacións

As alucinacións son percepcións sen obxecto externo. O individuo está convencido de percibir un estímulo inexistente e percibe o estímulo de maneira moi nítida. As alucinacións poden ser síntoma de trastornos mentais, pero tamén poden orixinarse por drogas, epilepsia, febre, etc. Segundo a canle sensorial, destacan:

  • Acústicas: alucinacións auditivas; escoitar ruídos, voces ou murmurios inexistentes. Son, xunto coas visuais, das máis frecuentes.
  • Visuais: ver algo sen estimulación externa. Poden aparecer en trastornos cerebrais, ou en estados transitorios como febre alta, intoxicacións ou insomnio. Por exemplo, alcohólicos en síndrome de abstinencia poden ver animais ou persoas pequenas, caras grotescas, etc.
  • Gustativas e olfactivas: percibir cheiros ou sabores inexistentes, desde agradables a nauseabundos; poden asociarse a tumores cerebrais ou a estados clínicos graves.
  • Táctiles: sensacións de que alguén nos toca, beliscos, correntes eléctricas ou queimaduras sen estímulo externo. En función do contido, distínguense:
    • Activas: cando a persoa cre que tocou un obxecto inexistente.
    • Pasivas: cando a persoa cre que está a ser tocada (ex.: zoopsias, sensación de insectos sobre a pel sen estímulo).

C. Trastornos cenestésicos

Os trastornos estésicos afectan á intensidade da percepción. Pódense diferenciar tres situacións:

  • Hiperestesia: o estímulo percíbese máis intenso do que é (sons ou cores máis vivos; por exemplo, unha porta que pecha lixeiramente escoítase como un ruído extremadamente forte).
  • Hipoestesia: o estímulo percíbese menos intenso do que en realidade é (cores apagadas, sabor insípido...).
  • Anestesia: perda da sensación táctil; as terminacións nerviosas que median a dor poden quedar “apagadas”.

D. A agnosia

A agnosia é a incapacidade para identificar ou recoñecer estímulos por un sentido particular, a pesar de que a capacidade perceptiva e intelectual da persoa estea conservada. Por exemplo, na agnosia visual —a máis frecuente— o paciente non pode nomear ou identificar obxectos comúns (como un reloxo de pulso ou un prato) a pesar de que os ollos funcionen correctamente; con todo, se se lle permite coller o obxecto pode recoñecelo polo tacto. Non se trata dunha perda de memoria do obxecto nin do seu nome, senón dunha alteración no recoñecemento visual.


Tipos de intelixencia

Segundo Howard Gardner, os seres humanos somos capaces de coñecer o mundo de sete modos diferentes (ampliados posteriormente nalgúns modelos). A continuación descríbense estas intelixencias:

  • Intelixencia lingüística: capacidade para usar plenamente os recursos da linguaxe, tanto en habilidades comunicativas (ex.: quen destaca como gran conversador) como en habilidades estéticas (ex.: escritores).
  • Intelixencia lóxico-matemática: capacidade non verbal para razonar e resolver problemas matemáticos ou lóxicos complexos con rapidez. Inclúe procesos como categorización, clasificación, inferencia, xeneralización, cálculo e demostración de hipóteses.
  • Intelixencia corporal-cinética: capacidade de usar o corpo para expresar ideas e sentimentos (ex.: actor, mimo, atleta, bailarín) e destreza manual para producir ou transformar obxectos (ex.: artesán, escultor, mecánico, cirurxián). Inclúe coordinación, equilibrio, destreza, forza, flexibilidade e velocidade.
  • Intelixencia espacial: habilidade para organizar e percibir o espazo (ex.: arquitecto, artista plástico, guía). Inclúe a capacidade de visualizar e representar ideas visuais ou espaciais.
  • Intelixencia musical: capacidade de percibir, discriminar, transformar e expresar formas musicais (ex.: aficionado, crítico, compositor, instrumentista). Inclúe sensibilidade ao ritmo, ton, melodía e timbre.
  • Intelixencia interpersoal: capacidade para interpretar estados de ánimo e intencións doutros, sensibilidade a expresións faciais, ton de voz, xestos, etc. Coincide en moitos aspectos coa chamada “intelixencia emocional”.
  • Intelixencia intrapersoal: habilidade para identificar os propios estados emocionais e distinguilos; implica o autoconocimiento. A súa ausencia extrema pode dificultar incluso o recoñecemento da propia identidade.
  • Intelixencia naturalista: capacidade para distinguir, clasificar e utilizar elementos do medio ambiente: obxectos, animais e plantas. Inclúe observación, experimentación e reflexión sobre o entorno; caracteriza a botánicos, cazadores, ecoloxistas e paisaxistas, entre outros.

Estas categorías serven para comprender mellor a diversidade das capacidades humanas e orientan a intervención educativa e profesional segundo os puntos fortes de cada individuo.

Entradas relacionadas: