Patrística e Agostiño: Filosofía e Cristianismo

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,98 KB

Patrística e Agostiño de Hipona

Marco histórico

No século III, unha crise sacode o Imperio Romano debido aos pobos bárbaros, o desmembramento político e a crise económica. Constantino converte Constantinopla na capital cristiá e, promulgado o Edicto de Milán, garántese para todo o mundo a liberdade de culto. Mediante o Edicto de Tesalónica, o cristianismo convértese en relixión oficial. Co Edicto de Constantinopla, comeza a persecución das relixións pagás. Ábrese un período de Antigüidade Tardía Cristiá. A efervescencia relixiosa segue a ser a tónica xeral; a vida intelectual decae e comeza a perderse a lingua grega. O labor dos Pais da Igrexa será a súa conservación. A todo o movemento de filosofía e teoloxía cristiás chámase Patrística.

A Patrística

Unha das primeiras tarefas dos pensadores foi facer entender a mensaxe cristiá e diferenciala doutros pensamentos, distinguir entre o propio da razón e o propio da fe, e evitar no posible as desviacións ou herexías. Aos pensadores cristiáns que levaron a cabo estas tarefas denominóuselles Pais da Igrexa. A Patrística vai do século II ao VIII. Os pensadores loitaban con argumentos contra os pagáns ou contra tendencias que interpretaban de forma heterodoxa a mensaxe cristiá. Unha das máis estendidas era a do gnosticismo. Os gnósticos eran cristiáns que coñecían o pensamento grego e defendían o coñecemento como condición indispensable para a salvación. A estes primeiros pais chamóuselles apoloxetas, e caracterizábanse por considerar que a fe era máis forte e pura canto menos se sustentase en razóns. Noutro momento, os pais centráronse na formulación doutrinal das crenzas cristiás, cun carácter máis de formación na fe e máis pedagóxico. Agostiño de Hipona representa o cumio deste movemento revalorizando o papel da razón e sentando as bases da filosofía cristiá medieval.

Filosofía e Cristianismo

A confrontación

O encontro entre Cristianismo e Filosofía pode considerarse de dous xeitos diferentes. Primeiro, como confrontación entre dúas actitudes que cabe adoptar ante os problemas suscitados polo ser do home e do mundo: a actitude que se basea na fe e a actitude que se funda nos logros da razón. Segundo, suscita como acontecemento concreto de grande importancia o sucedido durante o período histórico do Imperio Romano. O cristianismo enfrontouse coa filosofía grega e, se perdurou, foi grazas a que unha minoría de cristiáns aceptou o reto dos filósofos e tratou de estar á súa altura.

O cristianismo trouxo consigo novas doutrinas. Unha das características distintivas será a súa doutrina da Historia. Podemos afirmar que a filosofía grega puxera a Deus en relación co Universo. O Cristianismo di que Deus é providente, ocúpase directamente dos asuntos humanos, da marcha da Historia. O Cristianismo tamén anuncia que Deus entra na historia humana, feito home nun lugar e nun momento ben concreto e preciso. A idea de que Deus se fixera home e morrera crucificado non foi nin podía ser asimilada pola filosofía grega. Non había doutrinas relixiosas que ofrecesen algún precedente equivalente.

Outra diferenza está arredor do concepto de Verdade. Deus falara, segundo a mensaxe cristiá: primeiro a través de individuos no Antigo Testamento, e despois El mesmo encarnado en Cristo. A filosofía grega caracterizábase por insistir nos límites do coñecemento humano. O cristianismo vai proclamar que posúe a verdade revelada por Deus mesmo. Segundo, a filosofía grega en tempos do Imperio Romano caracterizábase por estar afeita á pluralidade de escolas filosóficas e ao diálogo frutífero entre elas, atopándose todas nun mesmo plano de igualdade. O Cristianismo negaba os dous supostos: ao afirmarse de orixe divina, a Verdade cristiá era a verdade a secas, situando o seu fundamento e xustificación nun plano distinto e superior ao das doutrinas filosóficas coas que había de dialogar. Esa actitude desagradaba aos filósofos e parecíalles primitiva e insultante. Pero manter esta actitude permitíalle ao Cristianismo non desdibuxarse nin acabar fundíndose coas escolas filosóficas nun sistema híbrido.

Outra nova diferenza radica na imaxe de Deus. O Cristianismo ofrece explicacións sobre a orixe do mundo e sobre a natureza do primeiro principio real. Nunca houbera un pronunciamento definitivo e rotundo entre os filósofos gregos a favor do monoteísmo. Os cristiáns defenderon sempre e de forma radical o monoteísmo. Outro asunto relacionado coa imaxe de Deus sería o creacionismo: Deus creou o mundo da nada. A idea duns Deus omnipotente está vencellada ás anteriores de monoteísmo e creacionismo: só cando Deus é omnipotente pode ser creador e só se é único e omnipotente. A afirmación cristiá de que Deus é pai, a filosofía grega non a formulou nunca. Podemos ver outra diferenza máis na concepción do home. Na concepción cristiá do home hai tres elementos: foi feito a imaxe e semellanza de Deus, a alma é inmortal e os corpos resucitan. A moral cristiá non é intelectualista. No intelectualismo, o pecado non é máis que ignorancia. No Cristianismo, o pecado é o resultado da maldade humana que inclina ao pecado. A medida que pasaba o tempo e medraba o número de seguidores do Cristianismo, as súas crenzas comezaron a inquietar aos emperadores canto ás cuestións sociais e políticas: os cristiáns opúñanse a moitas das características básicas que contribuían a configurar o apoxeo de Roma. Desprezaban as categorías sociais, rexeitaban a vida militar, criticaban que un simple mortal recibise tratamento e culto divinos, e afirmaban que todos os seres humanos debían amarse e perdoar a todos.

Diferenzas entre politeísmo greco-romano e monoteísmo semítico

  • Politeísmo: Son politeístas. Monoteísmo: Son monoteístas.
  • Politeísmo: Zeus é o deus superior. Monoteísmo: Deus é o único deus.
  • Politeísmo: Pintan imaxes e fan esculturas. Monoteísmo: Téñenas prohibidas.
  • Politeísmo: O mundo é eterno. Monoteísmo: O mundo é creado.
  • Politeísmo: Teñen unha visión cíclica do tempo. Monoteísmo: Teñen unha visión lineal.
  • Politeísmo: A antropoloxía fala da transmigración das almas. Monoteísmo: Fala do ser humano global.
  • Politeísmo: A materia víase de forma negativa. Monoteísmo: A materia forma parte do universo.
  • Politeísmo: A procreación non é enaltecida. Monoteísmo: A procreación é un deber sagrado.

Colaboración

O pensamento patrístico ten carácter teolóxico: había que reflexionar para fixar o dogma, o que había que crer e o que non. Consideramos os Pais da Igrexa aos pensadores que levan a cabo a defensa da fe fronte ao paganismo e ás desviacións nas que algúns crentes caían. A utilización que da filosofía fixeron os Pais foi selectiva, dependendo dos seus intereses apoloxéticos e dogmáticos. A incorporación de intelectuais pagáns trouxo consigo a inserción na relixión cristiá de compoñentes da filosofía platónica. Non pode ser doutro xeito por dúas razóns: primeiro, porque a corrente platónica era a máis vigorosa e dominante; segundo, porque era a que tiña máis puntos en común co cristianismo.

Teoloxía

A filosofía platónica ten numerosas posibilidades para a formulación das ideas cristiás: a afirmación platónica da existencia doutro mundo á parte do mundo sensible, o das Ideas. O mundo sensible foi feito a semellanza das Ideas. Todo o que de real hai nos seres vivos é participado da realidade que non é outra que as ideas. Aínda que o Demiúrgo platónico non é creador en sentido estrito, senón que é ordenador, o pensamento cristián tomouse a liberdade de reinterpretar o Demiúrgo en termos de creación. Platón, ao situar o Ben por riba do resto das Ideas, como o Neoplatonismo ao insistir na transcendencia do Ben, ofrecían fórmulas que o pensamento soubo aproveitar para expresar o monoteísmo.

Antropoloxía

Tamén o platonismo era a filosofía máis afín para o cristianismo: Platón defendera a inmortalidade da alma e os cristiáns asumen os seus argumentos. As almas existen dende sempre e para sempre, sofren reencarnacións. O cristianismo nega a teoría da preexistencia e as reencarnacións. Platón insistira en que o verdadeiro lugar e destino da alma non estaba neste mundo, estaba no mundo das Ideas. Platón expuxera que as almas son xulgadas despois da morte e que son premiadas e castigadas segundo a conduta observada en vida. Os cristiáns asumen isto, e a doutrina estoica da conflagración universal.

A interpretación da alma do pensamento cristián é platónica. Existe un aspecto da concepción platónica do home que non semella poderse compatibilizar co Cristianismo: a relación da alma co corpo.

Entradas relacionadas: