Panorama de Autores e Movementos Literarios Galegos da Xeración Nós e Vangardas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 15,68 KB
Panorama de Autores e Movementos Literarios Galegos
Poesía: Xeracións e Tendencias
Noriega Varela (Xeración das Irmandades)
- Obra principal: Do ermo (1920)
- Características: Lirismo da **natureza**.
- Tono lírico e emotivo.
- **Tenrura** diante do humilde da natureza (chorima, orballo...).
- Tendencia ao **soneto** de gran perfección formal (Exemplo: *NIN ROSIÑAS BRANCAS*).
Vangarda Pura: Surrealismo
Álvaro Cunqueiro (Xeración da República ou do 36)
- Obra principal: Poemas do si e non (1933)
- Imaxes **visionarias ou irracionais**, alleas á lóxica.
- Linguaxe **acumulativa**, con enumeracións (Exemplo: *ELA ANDABA NUNS POBOS*).
Vangarda Matizada: Impresionismo Hilozoísta
Amado Carballo (Xeración do 22 ou de vangarda)
- Obra principal: Proel (1927)
- Selección de **sensacións** ante a paisaxe (**impresionismo** eglóxico).
- Imaxinería **humanizadora da paisaxe** (**animismo**), con abundantes personificacións. (Exemplo: *A agonía do sol-por conmove o pranto da terra, e a paisaxe presignase con santas cruces de pedra.* - *AXIONXONANSE OS CAMIÑOS*).
Poesía Modernista
Ramón Cabanillas (Xeración das Irmandades)
- Obra principal: Na noite estrelecida (1926)
- Perspectiva **histórica galeguista**: dignificación de Galicia desde o pasado mítico.
- Múltiples referencias sensoriais: **cores, sons... Sinestesias**.
- Tendencia á **narrativa** e o **ton épico**.
- Léxico **cultista** e versos **alexandrinos** (Exemplo: *O PENEDO*).
Vangarda Plena: Simbolismo Cubista e Creacionista
Manuel Antonio (Xeración do 22 ou de vangarda)
- Obra principal: De catro a catro (1928)
- Visión **subxectiva existencial do mar**.
- Uso de **imaxes múltiples** e **símbolos mariños**.
- Emprego de **tecnicismos marítimos**.
- **Ruptura gráfica e rítmica** (Exemplo: *O VENTO*).
Vangarda Matizada: Neotrobadorismo
Fermín Bouza-Brey (Xeración do 22 ou de vangarda)
- Obra principal: Nao senlleira (1933)
- Léxico e estruturas (**paralelismo, refrán**) de raíz **medieval**.
- Imaxes **plásticas de vangarda**.
- Será Cunqueiro quen estilice esta tendencia en Cantiga nova que se chama riveira (1933) (Exemplo: *O PURMARIO*).
A Prosa da Xeración Nós
Vicente Risco: Sátira e Crítica Moral
Risco evoluciona desde unha etapa de gusto polo esotérico (“ciencias” ocultas) e o exótico modernista -con Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919)-, pasando por outra etapa galeguista de base etnográfica -con relatos como “A trabe de ouro e a trabe de alquitrán”- ata desembocar na **sátira escéptica** con O porco de pé (1928), que acumula múltiples recursos na procura do **escarnio** e o **humor crítico** co materialismo burgués.
- Nunha parte da produción -especialmente n'O porco de pé- domina a **sátira antiburguesa** (baseada na estética: na falta de gusto, incultura...).
- Manexa maxistralmente o rexistro **grotesco** e de **deformación caricaturesca**; constrúe moitos dos personaxes mediante a caricatura.
- Nalgunhas obras (ex. “Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros”) explora o **humor macabro**.
- A exquisitez e o elitismo móstranse mediante un narrador de implacable **acedume, mordaz**.
- Deforma e ridiculiza os discursos da publicidade, da moda, da ciencia ou da filosofía do momento.
- Comunica co lector cun narrador en **1ª persoa** e un destinatario colectivo (ex. en O porco de pé: «Vouvos referir a vida de D. Celidonio»).
Risco é unha das figuras centrais da **Xeración Nós**, defensor dun **galeguismo espiritual e cultural** máis que político. Inspirouse no romanticismo alemán, o simbolismo e o modernismo, e buscou definir o “espírito galego” desde unha perspectiva filosófica.
Obra principal: O porco de pé (1928)
Novela satírica que retrata a **hipocrisía e o materialismo da burguesía galega** do seu tempo, simbolizada en don Celidonio Pachole. A través da caricatura, Risco ironiza sobre o proceso de deshumanización e perda de valores.
Figuras literarias destacadas:
- Ironía e sátira: mecanismo esencial para ridiculizar a sociedade urbana e burguesa.
- Metáfora simbólica: o “porco de pé” como símbolo moral da decadencia, da animalización do home.
- Hipérbole e caricatura: exaxeración expresiva para destacar defectos sociais.
- Alusión e intertextualidade: referencias filosóficas e culturais europeas que sitúan Galicia no contexto universal.
Risco converte a prosa galega nun instrumento de **pensamento crítico e simbólico**, elevando a lingua a nivel de reflexión literaria e intelectual inédito ata entón.
Ramón Otero Pedrayo: Historia e Paisaxe
Contexto e ideoloxía
Tamén membro da **Xeración Nós e das Irmandades**, foi o cronista da **Galicia fonda**, preocupado polo tempo histórico, o cambio social e a memoria colectiva.
O seu estilo bebe do **realismo decimonónico**, pero tamén do **lirismo modernista e simbolista**.
Obra principal: Arredor de si (1930)
Novela de formación intelectual e espiritual na que Adrián Solovio busca a súa **identidade galega** tras a súa experiencia europea. Reflicte o debate entre **tradición e modernidade**.
Figuras literarias destacadas:
- Metáfora do camiño e da viaxe: símbolo do autocoñecemento e da evolución interior.
- Prosopopea: humanización da paisaxe galega, que actúa como espello do sentimento do protagonista.
- Anáfora e ritmo poético na prosa, creando musicalidade e gravidade lírica.
- Símbolo: Galicia como nai, berce e destino espiritual.
Valoración
A prosa de Otero é **poética, culta e mítica**, vinculada á visión telúrica e simbólica da terra. Representa o esforzo por facer da narrativa galega un espazo de **beleza estética e reflexión filosófica**.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Compromiso e Humor
Contexto e ideoloxía
O máis popular e humanista dos catro. **Comprometido co nacionalismo galego** e coas inxustizas sociais, combina **humor, dor e amor polo pobo**. A súa obra literaria, visual e política está marcada polo exilio e o compromiso ético.
Obras principais:
- Cousas (1926–1929): relatos breves, entre o conto e a viñeta, de fondo moral e social.
- Sempre en Galiza (1944): ensaio político e ideolóxico.
- Os vellos non deben de namorarse (1941): peza teatral de gran simbolismo.
Figuras literarias destacadas:
- Ironía e humor: armas de crítica e tenrura, que expresan unha fonda empatía polo pobo.
- Metáfora moral: as historias sinxelas convértense en parábolas éticas.
- Personificación: os obxectos e animais reflicten emocións humanas.
- Antítese: vida/morte, risa/dor, mocidade/velleza, como constantes da súa estética.
- Símbolo: o vello, o mar, a terra, o boi —representacións da Galicia eterna.
Valoración
Castelao é o que mellor une **arte, literatura e compromiso nacional**. A súa linguaxe popular, con **sinxeleza expresiva e fondo poético**, representa a voz moral do **galeguismo humanista**.
Comparativa e Síntese Narrativa
A produción narrativa de **Vicente Risco** insírese na Xeración Nós, que pretendía modernizar a literatura galega e darlle fondo intelectual. En Vicente Risco, a narrativa ten un ton **simbólico, filosófico e irónico**. Emprega a **sátira e a caricatura** para criticar o materialismo e a hipocrisía da sociedade, como se ve en O porco de pé, onde a realidade se converte nunha alegoría moral. O seu estilo é culto, con humor e símbolos de carácter ético.
En cambio, **Otero Pedrayo** desenvolve unha narrativa **lírico-descritiva e introspectiva**, centrada na decadencia da fidalguía galega e na procura da identidade espiritual. En obras como Os camiños da vida ou Arredor de si, combina a **reflexión filosófica co realismo poético** e unha gran riqueza lingüística.
En resumo, mentres Risco usa a novela como **crítica moral e intelectual**, Otero emprégaa como **análise poética e histórica do ser galego**; un busca a idea, o outro a emoción e a paisaxe, mais ambos fundan a **novela galega moderna**.
A produción narrativa de **Rafael Dieste** (1899–1981) caracterízase pola mestura de realidade e fantasía, polo ton poético e filosófico e por unha visión humanista e esperanzadora do mundo. Nos seus relatos, como neste texto, o **marabilloso xorde do cotián** e transmite unha reflexión moral.
Pola contra, a produción narrativa de **Castelao**, especialmente en Cousas, ten un ton máis **popular e costumista**, con humor e tenrura, centrada nas xentes sinxelas de Galicia e cunha intención ética e social. Mentres Dieste busca o universal a través da imaxinación, Castelao procura retratar a **alma do pobo galego** desde o real e o emotivo.
Rafael Dieste: O Marabilloso no Cotián
Contexto e ideoloxía
Pertence á chamada **Xeración de 1925**, herdeira da Nós pero máis próxima ás vangardas europeas e ao imaxinismo.
A súa obra busca a **harmonía entre razón e imaxinación**, cunha fe fonda na capacidade humana para a bondade e a beleza.
Obra principal: Dos arquivos do trasno (1926)
Colección de relatos breves que mesturan realidade e fantasía, coa intención de revelar o **marabilloso no cotián**.
Figuras literarias destacadas:
- Metáfora e alegoría: o “trasno” como metáfora da creatividade e da conciencia.
- Hipalaxe e paradoxa: inversións e xogos lóxicos para crear un ton máxico.
- Imaxes sensoriais e sinestesia: estilo poético, visual e musical.
- Personificación e simbolismo: os elementos naturais cobran vida como expresión do misterio do mundo.
Valoración
Dieste representa a dimensión **estética e universalista** da literatura galega, achegándoa á modernidade europea. O seu ton poético e reflexivo faino o autor máis filosófico e imaxinativo do grupo.
Rafael Dieste apostou por unha moderna concepción do conto e executouna brillantemente en Dos arquivos do trasno (1926). A inclusión de experiencias extraordinarias ou sobrenaturais (misteriosas, soñadas, etc.) sen perder a conexión co racional e o popular, o profundamento na psicoloxía dos personaxes ou o traballo duns finais abertos ou sorprendentes, converten esta obra nunha das máis renovadoras da preguerra.
- Incorpora elementos **marabillosos, sobrenaturais ou misteriosos** ligados ás percepcións ou intencións dos personaxes.
- Combina **tradición e innovación**, fantasía e realidade (desde o propio título), con tendencia ao subxénero do **conto de medo**.
- Boa parte dos relatos son **breves**, con unidade emotiva e con **final aberto**.
- Non se detecta denuncia social ou un posicionamento ideolóxico (aínda así, están presentes a emigración e a vivencia da morte protagonizadas por personaxes de estamentos sociais humildes).
- Xeralmente, non se describen os personaxes nin os espazos; tampouco se concreta a localización, que adoita ser unha vila mariñeira, agás en tres relatos (Exemplo: “De cómo veu a Rianxo unha balea”).
- Hai unha rica **modalización narrativa**: en 10 contos úsase a 3ª persoa, en nove a 1ª e un relato carece de voz narrativa (só diálogos ao xeito dramático).
- Tíralle partido aos comezos in media res (inicio co desenvolvemento da acción e uso de analepses).
Ramón Otero Pedrayo: Erudición e Historia
Otero Pedrayo, autor moi fecundo, foi quen de combinar xéneros con ampla erudición no enfoque constante da **historia de Galicia**: a etapa medieval con A romaría de Xelmírez (1934), as transformacións sociais no paso do século XIX ao XX (en, sobre todo, Os camiños da vida, 1928) e o nacemento do galeguismo (Arredor de si, 1930). Defensor da **tradición**, da rexeneración da sociedade agraria e da comuñón coa paisaxe, tamén modernizou o relato breve: Contos do camiño e da rúa, etc.
- A estética das novelas históricas é **realista** e mostra o desenvolvemento de cambios sociais (Exemplo: a decadencia da fidalguía en Os camiños da vida).
- As narracións centradas no s. XX son **idealistas** e de evolución psicolóxica, alén de estaren cheas de referencias culturais (Exemplo: Arredor de si).
- As obras manifestan unha vontade **ideoloxizadora** na defensa da Galicia tradicional.
- En consecuencia, os personaxes adoitan ser **arquetipos** e non hai presenza de humor.
- A **paisaxe** cobra especial protagonismo e preséntase moitas veces de xeito lírico e animista.
- O estilo, en xeral **ramificado e de barroquismo verbal**, combina períodos longos, evocadores, con outros moi breves.
- O narrador é case sempre **omnisciente e moi culto**, mais manexa diferentes estilos narrativos (con inclusión do indirecto libre).
- Tíralle partido a múltiples **alteracións do tempo narrativo**.
Castelao: A Estética do Compromiso
Castelao, defensor da **función social da arte** (comprometida co pobo e dignificadora do país), construíu a súa estética desde o **lirismo e o humor críticos e solidarios**; desde a súa primeira obra literaria: Un ollo de vidro (1922). A súa prosa fusiónase co **plástico** (texto e ilustracións) e fundaméntase na selección do esencial, na precisión en textos sempre breves; mesmo a novela Os dous de sempre (1934) é unha sucesión de capítulos breves ilustrados. A súa orixinal fórmula materializouse nas coleccións de relatos Cousas (1926) e Retrincos (1934), esta última de base autobiográfica.
- Mostra unha **economía máxima na expresión**, chegando a crear un “novo xénero”: a cousa.
- Combina de xeito ponderado a perspectiva **comprometida** -coas clases populares- e mais unha **estética depurada**, sen caer no moralismo.
- Integra a **ilustración** no relato.
- Domina un ton **lírico, emotivo e empático**, mais este está atemperado polo **humor**, con numerosos recursos: paralelismos, antíteses, sarcasmo...
- Tende ao carácter **híbrido** con mestura de diferentes xéneros e subxéneros (lírica, narración, digresión, drama).
- Evita o anecdótico para enfocar o **transcendente e o simbólico**.
- Estiliza as **formas populares** (os modelos orais, a ollada humorística...).
- Sobre todo en Un ollo de vidro (así como na obra teatral Os vellos non deben de namorarse) adopta formas **expresionistas**.
- Constrúe as narracións cun **ritmo sempre áxil**.