Orixe e Formación da Lingua Galega

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,98 KB

Formación da lingua galega

Comezaremos co proceso a través do cal, no noroeste da Península Ibérica, naceu unha lingua de seu: o galego-portugués. A lingua galega procede do latín vulgar que falaban os funcionarios e os soldados. Este latín convértese na lingua coloquial cotiá do extenso Imperio Romano e, co paso dos séculos, vai evolucionando de xeito diferente nas distintas zonas, ata que dá lugar ás denominadas linguas románicas: francés, provenzal, portugués, castelán, catalán, etc. Na formación de linguas distintas exercen unha gran influencia as que había nas diferentes zonas antes da chegada do latín (linguas de substrato), así como as que chegaron posteriormente (linguas de superestrato). En definitiva, o latín constitúe o compoñente principal do galego, pero non o único.

O substrato prerromano

Antes da chegada dos romanos, a Península atopábase dividida en cinco zonas. Os iberos e tartesos, no leste e sur respectivamente, presentaban civilizacións bastante avanzadas, coñecían a escrita e falaban linguas non indoeuropeas. No resto da Península as civilizacións falaban linguas indoeuropeas. Na Gallaecia atopamos a civilización castrexa, que se caracterizaba pola dispersión da súa poboación; descoñecían a cultura urbana e a escrita. De todos os xeitos, o latín acabou por substituír as linguas autóctonas debido ao seu dominio político e superioridade cultural. Podemos distinguir varios estratos lingüísticos previos á latinización. As linguas dos pobos indoeuropeos constitúen o substrato prerromano con máis repercusión no galego, sobre todo nos ámbitos do léxico, a toponimia e a fonética.

A romanización

A administración romana perdurou na Gallaecia dende o século I a.C. ata o século V d.C. A provincia romana da Gallaecia ocupaba un territorio moito máis extenso do que é hoxe en día Galicia. Os romanos consideraban bárbaras todas as linguas diferentes do latín. O coñecemento do latín converteuse en requisito imprescindible para a obtención da cidadanía romana. Todo isto provocou a extinción das linguas autóctonas nun proceso de substitución lingüística polo latín que foi longo e lento. O proceso de romanización e posterior latinización adoita dividirse en tres fases:

  1. Toma de contacto dos indíxenas co latín vulgar dos funcionarios e soldados romanos (séc. I d.C.).
  2. Asimilación do latín por parte das elites indíxenas (ata o séc. II d.C.).
  3. Aceptación total e uso do latín como lingua cotiá (desde o séc. III d.C.).

A finais do século IV e comezos do século V, a Gallaecia goza dun alto nivel sociocultural. Proba disto é a importancia no Imperio de personaxes de orixe galaica como Máximo, Teodosio ou Exeria.

O superestrato xermánico e árabe

Nos superestratos do galego debemos distinguir dous compoñentes principais: o xermánico e o árabe. A Gallaecia sueva foi o primeiro reino nado na Europa Occidental despois da caída do Imperio Romano e mantivo a súa independencia máis dun século e medio (411-585). Esta relativa independencia da Gallaecia durante os tres séculos do período xermánico (V, VI e VII) tivo especial importancia para a formación dunha identidade lingüística galaica, favorecendo tendencias particulares na fala desta zona. En cambio, a influencia directa das linguas xermánicas na formación do galego foi superficial e a súa contribución limítase ao campo da onomástica e a algúns termos do vocabulario común.

A invasión árabe no 711 supuxo a fin do reino visigodo. Os árabes comezaron a conquista da Península polo sur e sometérona en pouco tempo, establecendo en gran parte do territorio a súa cultura e a súa lingua. Pero na zona norte de Gallaecia non chegaron a instalarse.