Normalización Lingüística do Galego: Definición, Vías e Retos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,3 KB

O Galego: Lingua en Vías de Normalización

Definición de Normalización Lingüística

A Normalización Lingüística é a recuperación dunha lingua propia dunha comunidade, desprazada por outra foránea, véndose restrinxidos os seus usos (especialmente os máis prestixiosos). Está constituída polas medidas e accións legais, políticas, sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos e a recuperación de todas as funcións dentro da súa comunidade.

Vías para a Normalización

O máis complexo do proceso é incidir nas prácticas lingüísticas coloquiais e espontáneas dos falantes. Faise por medio de distintas vías:

  1. Aumentando o prestixio social da lingua minorizada a través da presenza nos ámbitos mencionados.
  2. Convertendo o seu coñecemento nunha necesidade ao incluílo como requisito para acceder ao mercado laboral.
  3. Apelando ao sentimento identitario dos grupos de falantes.

Elementos Clave do Proceso

Resulta importante a colaboración das elites sociais porque os seus usos adoitan tomarse como modelos e esténdense na sociedade. A ferramenta que adoitan usar os gobernos no proceso é o sistema educativo, para dotar de competencia lingüística a toda a cidadanía e propiciar a súa presenza noutros ámbitos de prestixio como:

  • Administración Pública
  • Medios de comunicación de masas (prensa, TV, Internet)
  • Literatura
  • Ocio (música, cinema)

Organismos e Acción Colectiva

Organismos Impulsores da Normalización

O organismo que desenvolve a acción normalizadora é a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Focalizou a súa actividade no ámbito educativo, deixando outros ámbitos nun plano secundario.

Na administración local existe tamén o Servizo de Normalización Lingüística (SNL), órgano do que se dotaron case todos os concellos. Tamén promoveron o uso do galego a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega.

Colectivos e Iniciativas Cidadás

A limitada acción institucional deu lugar a que ao longo destas décadas xurdiron colectivos que impulsan a normalización, como A Mesa pola Normalización Lingüística (1986) e Prolingua (2009), que teñen un ámbito de actuación xeral.

Outros organismos actúan en ámbitos específicos:

  • Ensino: Pais e Nais polo Ensino en Galego, Nova Escola Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
  • Administración Pública: Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
  • Actividade Económica/Empresarial: Fundación Galicia Empresa.

Ao seu carón, é imprescindible o traballo realizado por numerosas entidades socioculturais (asociacións veciñais, culturais, sindicais, etc.).

No 2004, o Parlamento de Galicia aprobou de forma unánime o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

Obxectivos do PXNLG

O PXNLG propón medidas para potenciar a lingua en distintos ámbitos sociais. Os obxectivos son garantir a posibilidade de vivir en galego e conseguir máis funcións sociais e máis espazos para o seu uso. Promove unha visión moderna e útil da lingua que é capaz de desfacer os prexuízos e reforzar a estima.

Factores de Avance no Proceso

No proceso de normalización hai que destacar a presenza de tres factores para o seu avance:

  1. Acción institucional: A lexislación a través do poder político (política lingüística) son medidas de apoio necesarias para normalizar gran parte dos ámbitos sociais.
  2. Acción colectiva non institucional: Individuos con conciencia lingüística para impulsar o proceso.
  3. Acción individual: Na vontade de ser persoas que forman unha comunidade.

Para conseguir o éxito é necesario un proceso de dinamización para favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando colectivos e individuos con medidas que promovan o uso da lingua e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio na actitude da sociedade.

Planificación Lingüística e Marco Legal

Tipos de Iniciativas

Para conseguir o proceso hai que concretar medidas que axuden a entender o uso desta lingua (planificación lingüística). Hai que diferenciar:

  1. Iniciativas espontáneas: Proveñen de organismos ou individuos cívicos sen carácter sistemático nin oficial.
  2. Iniciativas planificadas: De organismos gobernamentais con medidas de carácter oficial (lexislación, campañas de fomento da lingua, etc.).

Tipos de Planificación

  1. Planificación do status: Modificar funcións sociais da lingua.
  2. Planificación do corpus: Chamada normativización, establece un sistema de escrita (normas, gramática, etc.).
  3. Planificación da adquisición: Actividades que promoven a aprendizaxe da lingua (como estranxeira, como readquisición, como mantemento...).

Exemplos Históricos

  • Intento de estender o suahilí en Tailandia.
  • En Noruega, o idioma oficial é o noruegués, pero entre o XV e o XVI ocupou o status o danés. Hoxe fálanse as dúas linguas coa mesma consideración social.

O Marco Legal Galego

A lexislación é unha parte fundamental da planificación do status. No galego, o marco legal vén marcado polas seguintes medidas:

  1. Constitución Española: España como estado plurilingüe (castelán lingua oficial). As demais serán oficiais marcadas polos Estatutos de Autonomía.
  2. Estatuto de Autonomía de Galicia: O galego é lingua oficial e garante o uso normal do galego.
  3. Lei de Normalización Lingüística: Regula os dereitos dos cidadáns a empregar o galego, establece medidas de revitalización social nos ámbitos ausentes e establece os topónimos galegos como única forma oficial.
  4. Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNLG): Tenta detectar carencias no proceso de normalización nos diferentes sectores sociais e promover medidas para que esta sexa efectiva.

Estes textos legais atoparon atrancos para a súa aplicación: a lentitude da posta en marcha de moitas medidas e o incumprimento de moitas disposicións.

Principais Obstáculos e Retos (Atrancos)

Como consecuencia destas medidas, o galego está presente en maior ou menor medida en todos os ámbitos e ten un emprego real na sociedade. Pero a súa situación é a dunha lingua non normalizada polos seguintes motivos:

  1. A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer.
  2. Prexuízos que asocian o galego como lingua B dun proceso diglósico, o que provoca un retroceso lento do galego e fai que decreza a porcentaxe de falantes e se quebre o proceso de transmisión interxeracional (de pais a fillos).
  3. Perda de falantes: xa é lingua minoritaria entre a mocidade e nas cidades.
  4. Certa mellora nas actitudes cara á lingua, pero o castelán segue sendo a lingua das clases dominantes.
  5. A literatura galega permanece fóra dos escaparates das librarías.

Datos Sectoriais (Retos Pendentes)

  • Nas empresas privadas funciona de forma maioritaria o español.
  • Na xustiza, só o 3,5% das resolucións xudiciais saen en galego.
  • Na Igrexa, o 70% dos párrocos non falan galego.
  • Nos medios, o galego non está presente nas seccións iniciais; non adoitan ter sección galega nos xornais; só está en galego a publicidade institucional.
  • Na segunda década, as institucións deixaron de exercer o seu papel legal de impulsoras da normalización, quedando o proceso en mans da cidadanía.

Conclusión

Aínda que a lexislación estableza o galego como lingua cooficial e propia, o proceso de normalización debe aínda avanzar un longo treito para acadar que a nosa lingua sexa unha lingua de uso normal no noso país.

Entradas relacionadas: