Os niveis de desenvolvemento moral de Kohlberg: Convencional e Postconvencional
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,8 KB
Segundo nivel: Nivel convencional
No nivel convencional, a persoa adopta o que concorda co punto de vista da súa sociedade. Neste nivel, a persoa síntese membro da comunidade, admitindo as súas normas sociais. O bo é sempre cumprir a lei, axustarse ás normas e facer o que vén marcado pola autoridade. Considera que é xusto o que é normal na súa sociedade, polo que o correcto é cumprir as normas socialmente establecidas.
A persoa vive identificada co grupo: quérese responder favorablemente ás expectativas que os outros teñen de nós. Considérase como bo ou malo aquilo que a sociedade así considera, polo que se admiten certos prexuízos sexistas ou racistas porque na sociedade na que se vive son socialmente aceptados. Móvenos o desexo de ser aceptados polos demais. Facer o correcto significa cumprir as expectativas das persoas próximas a un mesmo.
Moitas persoas nunca pasan deste nivel, non serían autónomas moralmente ou —como diría I. Kant moito antes que Kohlberg— permanecen na “minoría de idade”.
Terceiro nivel: Nivel postconvencional
No nivel postconvencional, a persoa distingue entre as normas da súa sociedade e os principios morais universais. Son persoas autónomas e solidarias, e o seu comportamento réxese polos principios morais que a súa propia conciencia recoñece como universalmente válidos para todos os seres humanos. Recoñécese que, ademais da propia familia, grupo ou país, todos os seres humanos teñen dereitos.
Dita apertura ao mundo leva, en consecuencia, a recoñecer a relatividade das normas e valores, pero asúmese que as leis lexítimas son só as establecidas por consenso, polo que se impón o deber de non aceptar as normas que violen ditos dereitos. Tómase conciencia de que hai principios éticos universais que se han de seguir e teñen prioridade sobre as normas legais.
Óbrase en concordancia con estes principios porque, como ser racional, cáptase a súa validez e sentímonos comprometidos a seguilos. O correcto e o xusto defínense pola decisión da conciencia segundo principios éticos escollidos por un mesmo (autonomía moral). Nesta etapa impera a regra de ouro da moralidade: “facer aos demais o que quero para min” (equivalente ao Imperativo moral kantiano). E tense o valor de enfrontarse ás leis que atentan contra os principios éticos universais como a xustiza ou a igualdade. As normas legais teñen que asentarse sobre principios morais. É o estadio moral supremo de todas as persoas que viven profundamente a moralidade (como Gandhi ou Martin Luther King).