A natureza humana: bioloxía, cultura e evolución filosófica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,63 KB

1. Quen se fai preguntas filosóficas?

As preguntas filosóficas buscan a explicación máis profunda da realidade. A filosofía intenta coñecer aspectos do mundo que non son evidentes a simple vista. Un dos seus problemas principais é o problema do ser humano, que consiste en saber se as persoas teñen algunha característica exclusiva que as diferencie dos demais animais e se teñen unha función especial no mundo. Esta cuestión non é nova, senón unha preocupación antiga da filosofía. Aínda que hai diferenzas entre autores e épocas, existen certas ideas comúns na busca teórica por comprender o ser humano.

2. Existe a natureza humana?

O debate sobre se existe unha natureza común a todos os seres humanos, unha esencia que defina o noso modo de pensar, sentir ou actuar, foi fundamental na historia da filosofía. A discusión céntrase en se somos o que ditan os nosos xenes ou máis ben o resultado da cultura e o ambiente. Por iso, na actualidade esta discusión estendeuse á bioloxía, a neurociencia, a psicoloxía, a biotecnoloxía e outras ciencias sociais.

3. O proceso evolutivo do ser humano: a antropoxénese

O ser humano é resultado de múltiples cambios xurdidos por azar. Todas as especies contan cos seus propios cambios evolutivos e con especializacións que as fan perfectas para sobrevivir no seu medio. O conxunto dos sucesivos trazos adaptativos que xurdiron durante o proceso evolutivo humano, e que foron fundamentais para a aparición da nosa especie, denomínase antropoxénese:

  • Cambios bioxenéticos e fisiolóxicos: proceso de hominización.
  • Factores culturais e sociais: proceso de humanización.

4. Somos natureza

O ser humano enténdese como un sistema vivo composto por materia orgánica e química que se organiza para reproducirse e actuar. Isto é posible grazas á información xenética das células. Segundo esta visión, defendida polo evolucionismo, a etoloxía e a sociobioloxía, os seres humanos están determinados polos xenes.

  • Evolucionismo: Defendido por Darwin, afirma que o ser humano é resultado da evolución biolóxica. Polo tanto, a nosa forma de ser e de comportarnos tamén depende da natureza e da xenética; con unha dotación xenética diferente, poderiamos ter evolucionado doutra maneira ou incluso non existir.
  • Etoloxía: Esta ciencia estuda o comportamento dos animais no seu medio natural. Os seres humanos, como animais, podemos aprender e decidir en parte como actuar, pero non podemos evitar a nosa natureza instintiva, baseada nos xenes. Para os primeiros etólogos, o instinto era menos prexudicial que o comportamento malvado que o ser humano pode elixir libremente.
  • Sociobioloxía: Estuda o comportamento de animais sociais, como abellas e formigas, e aplica estas observacións ao ser humano, defendendo que temos predisposicións instintivas para afrontar situacións habituais. Estas predisposicións, almacenadas nos xenes ao longo da evolución, interactúan co ambiente para moldear a nosa conduta. Con todo, que os xenes nos predispoñan a certo comportamento non garante que este sexa o correcto.

5. Somos bioloxía ou cultura?

No proceso de antropoxénese, natureza e cultura interactúan no ser humano ata ser interdependentes. Con todo, ao longo da historia da filosofía e da ciencia os termos natureza e cultura empregáronse a miúdo como opostos. Isto xerou un debate que aínda hoxe permanece aberto e dá lugar a numerosas polémicas. A bioloxía, a xenética, a relixión e a política seguen discutindo sobre que é o natural e que o artificial.

A bioloxía humana

O ser humano é o resultado da dialéctica evolutiva que se dá entre o xeneticamente innato e o culturalmente adquirido. Fronte á evolución biolóxica, baseada na reduplicación da información xenética transmitida polos xenes, está a evolución cultural, que se basea en reduplicar a información que transmiten os memes, termo acuñado por R. Dawkins para referirse á unidade de información mínima que se pode transmitir.

6. Cultura e personalidade

A relación entre cultura e personalidade prodúcese en dúas direccións:

  • A cultura fainos iguais: As persoas nacen nunha sociedade concreta e aprenden a súa cultura desde pequenas. Isto fai que compartan valores, costumes, normas e unha maneira semellante de entender o mundo.
  • A cultura permítenos ser diferentes: Aínda que todos recibimos a mesma cultura, cada persoa interprétaa á súa maneira. Os roles e normas sociais non se cumpren exactamente igual por todos, porque cada individuo ten a súa propia personalidade e punto de vista.

Identidade sexual ou de xénero

A identidade sexual ou de xénero inclúe diferentes dimensións relacionadas co papel social das persoas. En moitas culturas atribúense certos trazos, comportamentos e sentimentos a cada sexo biolóxico, creando así os chamados xéneros sociais. O xénero é unha construción sociocultural e non algo puramente natural.

7. Diversidade cultural

A diversidade cultural xorde porque cada sociedade realiza o proceso de socialización de maneira diferente. Isto pode provocar conflitos entre culturas. O etnocentrismo considera que a propia cultura é superior ás demais, mentres que o relativismo cultural defende que todas as culturas son igual de válidas.

8. O ser humano na Antigüidade e a Idade Media

Na filosofía grega, Platón propuxo unha perspectiva dualista (corpo e alma). Aristóteles rompe o dualismo e entende corpo e alma como elementos inseparables, destacando a sociabilidade humana. Na Idade Media, a filosofía inspirouse nestes autores, situando ao ser humano como un ser intermedio entre o divino e o animal.

9. O ser humano na filosofía moderna

Tras o Renacemento, a filosofía moderna céntrase nos límites do coñecemento:

  • Descartes: "Cogito, ergo sum". O ser humano é res cogitans (substancia pensante).
  • Hume: Critica a idea de alma como substancia e explica ao ser humano a través da introspección e a experiencia.
  • Kant: Recupera a importancia da razón e fundamenta a dignidade humana no deber moral.

10. Perspectivas do século XIX e XX

Darwin, Marx e Nietzsche promoven unha revolución intelectual que enmarca o triplo enfoque para analizar ao ser humano: biolóxico, sociolóxico e psicolóxico.

  • Biolóxico (Darwin): O ser humano é resultado da evolución e non existe unha separación radical entre humanos e animais.
  • Sociolóxico (Marx): O ser humano defínese polo traballo e a sociedade. A alienación (relixiosa, política e económica) impide a realización plena do individuo.
  • Psicolóxico (Nietzsche e Freud): Nietzsche propón a superación dos valores tradicionais cara ao "superhome". Freud introduce o concepto de inconsciente, revelando que a nosa conduta está influída por pulsións reprimidas.

11. A natureza humana biotecnolóxica

A biotecnoloxía e a nanotecnoloxía plantexan novos dilemas. Existen dúas posturas principais:

  • Bioconservadores: Temen que as melloras técnicas alteren a dignidade e a natureza humana.
  • Transhumanismo: Busca superar as limitacións biolóxicas (envellecemento, enfermidade) mediante a tecnoloxía.

12. O proceso de socialización

É o proceso mediante o cal se adquire a cultura, crucial para o desenvolvemento psicolóxico e cognitivo. Inclúe a aprendizaxe de patróns culturais, a interiorización de normas e a estabilidade psicolóxica. Axentes como a familia, a escola e os medios de comunicación son fundamentais.

13. Somos cultura

Teorías como o condutismo (mente como tabula rasa), o historicismo (o ser humano é a súa historia) e o existencialismo (condenados a elixir) defenden que a cultura é a base do especificamente humano, rexeitando a influencia dos instintos.

14. O desenvolvemento da pregunta polo ser humano

A reflexión filosófica construíuse a partir de cinco tradicións: oriental (dualismo), grega (racionalidade e logos), xudeocristiá (criatura de Deus), humanista (dignidade e autonomía) e positivista (explicación científica).

Entradas relacionadas: