Modelos de Cidade e Evolución Urbana en España: Santiago, Barcelona, Lugo, A Coruña e Madrid
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
español con un tamaño de 18,66 KB
Comentario do Plano Urbano de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela presenta un espazo complexo no que se distinguen tres áreas correspondentes ás súas etapas de desenvolvemento: o casco antigo medieval, o ensanche do século XX e a periferia recente.
1. O casco antigo
1.1. Emprazamento e situación
A orixe da cidade sitúase na "inventio" ou descubrimento do sepulcro do Apóstolo no século IX. Responde a unha finalidade relixiosa e defensiva, polo que o seu primitivo emprazamento localízase sobre un outeiro (o monte Libredón) nun espazo elevado entre as correntes dos ríos Sar e Sarela. A súa situación central na xeografía galega e a súa función histórica como meta de peregrinación e capital autonómica deron lugar a unha cidade con funcións administrativas, espirituais e universitarias moi especializadas.
1.2. Análise do plano
O plano é anárquico e irregular, típico da cidade medieval. Presenta unha estrutura radiocéntrica onde as vías principais (Rúa do Franco, Rúa Nova, Rúa do Vilar) converxen cara ao núcleo da Catedral e as súas prazas (Obradoiro, Quintana). No plano apréciase claramente a pegada da antiga muralla, hoxe ocupada polas rúas que forman a "Ensiña" (Virxe da Cerca, Senra e Porta Faxeira), que actúan como as rondas que rodean o casco histórico.
1.3. Análise da trama
É pechada e compacta, xa que o crecemento localizouse durante séculos exclusivamente no espazo intramuros, aproveitando ao máximo o solo dispoñible.
1.4. Análise da edificación
Caracterízase polo uso intensivo do granito, os soportais (arcadas) e as galerías. Nel localízanse os principais monumentos (Pazo de Raxoi, Hostal dos Reis Católicos).
1.5. Análise dos usos do solo
Os usos tradicionais residenciais e artesanais evolucionaron cara a unha forte terciarización. A función turística e institucional (sedes da Xunta de Galicia) é hoxe predominante, provocando a perda de poboación residente no centro.
1.6. Problemas actuais e posibles solucións
O deterioro físico de vivendas e o baleirado do barrio. As solucións pasan pola peonalización integral, o fomento da rehabilitación para novos residentes e a regulación do fluxo turístico.
2. O ensanche
2.1. Causas
A insalubridade e a falta de espazo no casco antigo fixeron necesaria unha expansión para a burguesía e a clase media dende principios do s. XX.
2.2. Etapas
O Ensanche de Santiago sitúase ao sur da cidade histórica. Presenta un plano ortogonal ou en cuadrícula (Rúa da Rosa, República do Salvador), con rúas rectas e anchas que se cortan perpendicularmente. Tamén destaca o Campus Sur, que segue o modelo de cidade-xardín, cun plano máis aberto e moita vexetación.
Edificación e usos
É o CBD (Central Business District) da cidade, con alta densidade de pisos, comercio de luxo e oficinas.
3. A periferia
3.1. Causas
Gran crecemento demográfico dende 1980 pola capitalidade e o baby boom.
3.2. Áreas
A periferia medrou arredor das estradas de saída (A Coruña, Ourense, Pontevedra).
- Uso residencial: Barrios de bloques como Fontiñas ou expansións modernas en Santa Marta e San Lázaro.
- Industria e equipamento: O polígono do Tambre, o Hospital Clínico e o Monte do Gozo sitúanse na periferia pola súa necesidade de solo e accesibilidade.
- Conurbación: Santiago está hoxe unida fisicamente a núcleos como O Milladoiro (Ames), creando unha área metropolitana continua.
3.3. Problemas actuais e solucións
O tráfico intenso polos movementos pendulares e a necesidade de mellorar os servizos nos novos barrios. As solucións céntranse no transporte público e a creación de aneis verdes.
Comentario do Plano Urbano de Barcelona
1. O casco antigo
1.1. Emprazamento e situación
A orixe de Barcelona é a colonia romana de Barcino. O seu emprazamento responde a unha finalidade estratéxica e comercial, situada sobre un pequeno outeiro preto do mar (o Mons Taber) e protexida pola montaña de Montjuïc. A súa situación no Mediterráneo converteuna no motor económico de Cataluña e nunha das metrópoles máis importantes de Europa, con funcións industriais, portuarias e turísticas.
1.2. Análise do plano
O plano do casco antigo é irregular e anárquico, típico da época medieval. Aprécianse rúas estreitas e labirínticas que creceron sen planificación. No plano vese perfectamente como a cidade vella está rodeada polas Rondas, que seguen o trazado das antigas murallas desaparecidas. Tamén destaca o eixe das Ramblas, que comunica o centro co porto e que orixinalmente era unha canle de auga fóra de muros.
1.3. Análise da trama
É pechada e moi compacta, xa que a cidade estivo encerrada por murallas ata o século XIX, o que obrigou a aproveitar o espazo ao máximo, reducindo a luz e a ventilación.
1.4. Análise da edificación
Caracterízase por edificios históricos de pedra (Catedral, pazos góticos) e casas antigas de varias plantas con moi poucos espazos abertos ou xardíns.
1.5. Análise dos usos do solo
Actualmente o centro está fortemente terciarizado. O uso residencial tradicional foi substituído por comercios e servizos para o turismo, o que provocou a expulsión de veciños cara a outros barrios.
1.6. Problemas actuais e posibles solucións
O principal problema é o turismo de masas e o alto prezo da vivenda. As solucións céntranse na peonalización de rúas e na rehabilitación de edificios históricos para evitar que o barrio se converta nun simple museo.
2. O ensanche
2.1. Causas
Debido á insalubridade e ás epidemias dentro das murallas, fíxose necesario ampliar a cidade. No século XIX apróbase o Plano Cerdà para crear un espazo hixiénico e moderno.
2.2. Etapas
O Ensanche de Barcelona é o exemplo máis famoso de plano ortogonal ou en cuadrícula. Organízase en quinteiros case idénticos que se cortan perpendicularmente. Un elemento único que se ve no plano son os chafráns (as esquinas dos quinteiros cortadas en 45 graos), deseñados para mellorar a visibilidade e facilitar o xiro dos vehículos. No plano tamén se observan grandes avenidas diagonais que rompen a cuadrícula para conectar os pobos periféricos co centro.
Edificación e usos
Aínda que se proxectou con moitos xardíns, hoxe os quinteiros están moi edificados. É o centro económico e de prestixio da cidade, onde se sitúan edificios modernistas como a Sagrada Familia e o comercio de luxo.
3. A periferia
3.1. Causas
O crecemento explosivo no século XX pola chegada de inmigración e a expansión industrial, o que fixo que Barcelona absorbese vilas independentes que estaban arredor.
3.2. Áreas
A periferia medrou adaptándose ás montañas (Collserola) e aos ríos.
- Uso residencial: Aparecen barrios de bloques de pisos moi altos e compactos construídos rápido nos anos 60 e 70 para os traballadores.
- Industria e equipamento: As zonas industriais (Zona Franca), o Porto e o Aeroporto sitúanse na periferia sur por ser zonas chairas e con mellor acceso.
- Conurbación: Barcelona hoxe forma un continuo urbano con outras cidades como L'Hospitalet ou Badalona, creando unha enorme área metropolitana.
3.3. Problemas e solucións
O tráfico intenso e a falta de zonas verdes en moitos barrios obreiros. Unha solución actual que se pode citar son as Superillas, que buscan agrupar varios quinteiros do ensanche para eliminar o tráfico interior e crear parques onde antes había coches.
Comentario do Plano Urbano de Lugo
1. O casco antigo
1.1. Emprazamento e situación
A orixe da cidade é a fundación de Lucus Augusti no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo. Responde a unha finalidade estratéxica, militar e administrativa dentro do Imperio Romano, situándose sobre un outeiro ou meseta duns 450 metros de altitude, flanqueado polo río Miño. A súa situación como nodo de comunicacións fundamental do noroeste peninsular dende a antigüidade e a súa función histórica como sede episcopal e capital de provincia deron lugar a unha cidade con funcións administrativas e de servizos moi consolidadas.
1.2. Análise do plano
O plano do recinto histórico é irregular, aínda que conserva trazas da cuadrícula romana (cardo e decumano) en rúas como San Pedro ou a rúa Nova. O elemento máis característico e determinante é a Muralla Romana (século III), que delimita perfectamente o casco vello e condicionou o crecemento urbano durante séculos ao actuar como barreira física. No interior, as rúas son estreitas e labirínticas, con prazas principais como a Praza Maior, a Praza do Campo ou a de Santa María. Destaca a apertura da rúa Raíña e a Praza de Santo Domingo como reformas posteriores.
1.3. Análise da trama
É pechada e compacta no interior do recinto amurallado, xa que a muralla impediu a expansión horizontal, obrigando a aproveitar todo o solo dispoñible intramuros.
1.4. Análise da edificación
Mestura importantes restos arqueolóxicos romanos con arquitectura medieval, barroca (Catedral, Concello) e vivendas tradicionais de granito con galerías de madeira.
1.5. Análise dos usos do solo
Sufriu unha forte terciarización, especialmente pola función administrativa (Xunta, Deputación, Concello) e o sector servizos ligado ao turismo e á hostalería.
1.6. Problemas e solucións
O principal reto é a conservación do patrimonio e a xestión da peonalización integral. O deterioro de edificios antigos combátese con plans de rehabilitación integral (ARI) para atraer de novo poboación residente.
2. O ensanche
2.1. Causas
A necesidade de expansión fóra das murallas a finais do século XIX e principios do XX pola falta de espazo interior e a chegada do ferrocarril.
2.2. Etapas
O crecemento exterior non seguiu un plano ortogonal ríxido, senón que se desenvolveu de forma radiocéntrica a partir das portas da muralla, destacando eixes como a Avenida da Coruña, a rúa de San Roque ou a rúa Vilalba.
Edificación e usos
Zonas de uso residencial para a clase media e comercial, configurándose arredor da muralla e do ensanche o centro de negocios con bancos e oficinas.
3. A periferia
3.1. Causas
Gran crecemento demográfico dende 1960 e a transformación de Lugo en centro de servizos rexional.
3.2. Áreas
- Uso residencial: Barrios de bloques de pisos de gran altura como Fontiñas ou a zona da Residencia.
- Industria e equipamento: O polígono industrial do Ceao e o novo hospital (HULA) sitúanse nas aforas pola necesidade de grandes parcelas e acceso á A-6.
- Conurbación: Existe unha clara conexión funcional coas parroquias rurais e o concello de Outeiro de Rei.
3.3. Problemas actuais e solucións
A fractura que supón a vía do tren e a dificultade de integrar o río Miño. As solucións pasan pola creación de zonas verdes e mellora de infraestruturas de conexión.
Comentario do Plano Urbano da Coruña
1. O casco antigo
1.1. Emprazamento e situación
A orixe da cidade sitúase nun outeiro rochoso no extremo oriental da península. Responde a unha finalidade estratéxica e defensiva. A súa situación como porto clave no Arco Atlántico dende a época romana (Torre de Hércules) e a súa función histórica como sede da Real Audiencia e Capitanía Xeral convertona nun centro administrativo e militar de primeira orde.
1.2. Análise do plano
Distínguense dúas zonas: a Cidade Vella, cun plano irregular e radiocéntrico arredor das igrexas de Santiago e Santa María; e a Pescadería, situada no istmo, cun plano máis alongado que une a cidade co continente. Destaca a Praza de María Pita como centro monumental.
1.3. Análise da trama
É pechada e extremamente compacta. O carácter peninsular da cidade limitou o solo dispoñible, obrigando a unha altísima densidade de edificación.
1.4. Análise da edificación
Caracterízase polo uso do granito e, sobre todo, polas galerías de cristal (especialmente na Mariña), símbolo da cidade para aproveitar a luz e protexerse da chuvia.
1.5. Análise dos usos do solo
Sufriu unha forte terciarización. A Cidade Vella mantén usos institucionais e militares, mentres que a Pescadería é o corazón comercial e hostaleiro.
1.6. Problemas actuais e posibles solucións
Saturación do tráfico no istmo e deterioro de vivendas. As solucións pasan pola peonalización masiva (coma na Mariña) e plans de rehabilitación.
2. O ensanche
2.1. Causas
A necesidade de expandirse fóra do estreito istmo a finais do s. XIX polo auxe da burguesía.
2.2. Etapas
O primeiro Ensanche situouse no Relleno (zona gañada ao mar) e na zona de Juana de Vega e a Praza de Lugo. Presenta un plano ortogonal ordenado.
Edificación e usos
É o CBD da cidade, con edificios de estilo modernista, sedes bancarias e as principais firmas comerciais.
3. A periferia
3.1. Causas
Crecemento demográfico masivo dende 1960 e desenvolvemento industrial e portuario.
3.2. Áreas
- Uso residencial: Barrios de altísima densidade como o Agra do Orzán ou Sagrada Familia, e expansións modernas coma Matogrande ou Novo Mesoiro.
- Industria e equipamento: O polígono da Grela e Pocomaco, xunto co Porto Exterior e o Aeroporto de Alvedro.
- Conurbación: Forma un continuo urbano con Arteixo, Oleiros e Culleredo (Área Metropolitana).
3.3. Problemas actuais e solucións
Falta de espazos verdes e o "pescozo de botella" do istmo. Destaca o Paseo Marítimo e o fomento do transporte metropolitano.
Comentario do Plano Urbano de Madrid
1. O casco antigo
1.1. Emprazamento e situación
A orixe de Madrid sitúase nas prazas defensivas árabes do século IX. O primitivo emprazamento da alcazaba sitúase sobre un corte das terrazas do Manzanares (Palacio Real e Almudena). A decisión de Felipe II de convertela en capital en 1561 converteuna no principal nodo de comunicacións do Estado.
1.2. Análise do plano
O plano anárquico medieval corresponde ao recinto histórico. No século XVII constrúese a Plaza Mayor. No XIX e XX realízanse reformas como a apertura da rúa Bailén e a Gran Vía.
1.3. Análise da trama
É pechada e compacta, definida polas sucesivas cercas ou murallas históricas.
1.4. Análise da edificación
Mestura de edificios históricos, pazos e conventos con vivendas antigas de varias plantas reformadas.
1.5. Análise dos usos do solo
Evolución cara a unha forte terciarización administrativa e turística, perdendo peso o uso residencial.
1.6. Problemas actuais e posibles solucións
Deterioro de edificios, contaminación e avellentamento. Solucións: rehabilitación, peonalización (Sol) e control do tráfico.
2. O ensanche
2.1. Causas
Insalubridade e crecemento demográfico do século XIX.
2.2. Etapas
Destaca o Plano de Castro (1860) co Barrio de Salamanca (plano ortogonal). Tamén a Cidade Lineal de Arturo Soria.
Edificación e usos
O Ensanche converteuse no CBD, con oficinas de luxo e comercio especializado.
3. A periferia
3.1. Causas
Explosión demográfica dende 1950 polo éxodo rural.
3.2. Áreas
Crecemento seguindo os eixos das estradas nacionais (N-1 a N-6). Absorción de pobos antigos (Vallecas, Carabanchel) e conurbación con vilas como Leganés ou Pozuelo.
3.3. Problemas actuais e solucións
Degradación de barrios obreiros e chabolismo histórico. Solucións: rehabilitación urbana e mellora do transporte pendular.
Conceptos Fundamentais de Xeografía Urbana e Demografía
- Poboación activa: Conxunto de persoas de 16 anos e máis que subministran man de obra ou están dispoñibles para a produción. En España abrangue ata os 67 anos.
- Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir. É maior nas mulleres, aínda que a diferenza tende a reducirse.
- Réxime demográfico: Modelo de transición demográfica. O antigo ten altas taxas de natalidade/mortalidade; o moderno presenta taxas baixas e avellentamento.
- Crecemento vexetativo: Diferenza entre a taxa de natalidade e a de mortalidade. Pode ser positivo, nulo ou negativo.
- Padrón municipal de habitantes: Rexistro dinámico de cada concello que se actualiza anualmente o 1 de xaneiro.
- Inverno demográfico: Situación de baixa fecundidade (baixo o 2,1 fillos por muller) que provoca avellentamento e necesidade de inmigración.
- Área metropolitana: Rexión urbana que engloba unha cidade central e cidades satélites con movementos pendulares diarios.
- PXOM: Plan Xeral de Ordenación Municipal, instrumento básico para clasificar o solo e planificar equipamentos.
- Xentrificación: Proceso onde a poboación orixinal dun barrio deteriorado é desprazada por outra de maior nivel adquisitivo tras a súa renovación.
- Cidade difusa: Modelo de expansión de baixa densidade ao longo de áreas metropolitanas, oposto á cidade compacta mediterránea.
- Cidade de 15 minutos: Modelo urbanístico que promove que as necesidades básicas estean a esa distancia a pé ou en bicicleta.