O Método de Descartes: Análise, Síntese e Intuición
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,9 KB
O "Discurso do Método" (1637): O Método Intuitivo-Dedutivo
No "Discurso do Método", as regras aparecen resumidas en catro:
Regra da Evidencia
«Non admitir xamais como verdadeiro cousa algunha sen coñecer con evidencia que o era: é dicir, evitar con todo coidado a precipitación e a prevención, e non comprender nos meus xuízos máis nada que o que se presentase tan clara e distintamente ao meu espírito que non tivese ocasión algunha para poñelo en dúbida»
Análise
«Dividir cada unha das dificultades que examinase en tantas partes como fose posible e como requirise para resolvelas mellor»
Calquera problema que teñamos que estudar non é máis que un conxunto vertebrado de ideas complexas. Analizar consiste en descompoñer o complexo nos seus elementos simples, elementos estes que poderán ser susceptibles de ser intuídos como ideas claras e distintas, isto é: evidentes.
Reducimos o complexo ao simple e, no mesmo movemento, accedemos desde o descoñecido ao coñecido: as ideas innatas.
Síntese
«O terceiro, en conducir por orde os meus pensamentos, comezando polos obxectos máis simples e máis fáciles de coñecer para ascender aos poucos, como por grados, ata o coñecemento dos máis compostos, supoñendo ata unha orde entre os que se preceden naturalmente uns a outros”.
Unha vez que chegamos aos elementos simples dun problema hai que reconstruílo en toda o seu complexidade, deducindo todas as ideas e consecuencias que se derivan daqueles principios primeiros absolutamente certos.
A síntese é un proceso ordenado de dedución, no que unhas ideas se encadean a outras necesariamente. No proceso dedutivo non só reconstruímos o complexo a partir dos seus elementos simples e verdadeiros, senón que ampliamos os nosos coñecementos con novas verdades: do coñecido (os elementos simples ) accedemos aos descoñecido mediante un proceso ordenado e rigoroso de concatenación de ideas.
A síntese complementa á análise e permítenos avanzar na procura de novas verdades.
Comprobación
«E o último, en realizar en todo uns recontos tan completos e unhas revisións tan xerais que puidese estar seguro de non omitir nada»
Trátase de comprobar e revisar que non haxa erro algún en todo o proceso analítico-sintético. A comprobación intenta abarcar dun só golpe e de xeito intuitivo a globalidade do proceso que se está estudando. Pártese da intuición e a ela vólvese.
Unha vez comprobado todo o proceso, poderemos estar seguros da súa certeza.
As regras repiten aquí temáticas da obra anterior (pero xa non fala de xeito tan explícito de series), pero afondan no tema dos elementos que teñen que servir de base ao proceso dedutivo.
Temos un encadeamento dedutivo, pero os principios dos que partimos deben ser seguros.
Descartes fai a seguinte reflexión:
Só temos dous modos de coñecer algo: a experiencia e a dedución.
Podemos coñecer algo ou ben a través da experiencia: dos datos que nos aportan os sentidos ou ben a partir das representacións e construcións da imaxinación que atopamos na nosa mente.
Tamén podemos coñecer todo aquilo que deducimos (seguindo o modelo de dedución que plantexamos arriba) a partir desa experiencia do mundo externo e interno.
Pero se a dedución a facemos a partir de experiencias pouco seguras (escuras), as conclusións que saquemos delas non terán valor. ¿Cales, de todas as nosas experiencias podemos considerar seguras, segundo Descartes?
A experiencia que nos dan os sentidos é cambiante, flutuante e a miúdo enganosa. Non serve para construír sobre ela nada seguro.
Queda a nosa mente como lugar onde buscar esa referencia. Os nosos contidos mentais son denominados por Descartes Ideas. Pero hai ideas de dous tipos; unhas que se presentan de xeito confuso (non teñen a claridade suficiente nin se atopan suficientemente diferenciadas das demais) e outras que se presentan de xeito claro e distinto. (por exemplo as ideas matemáticas. É claro para a mente que nun triángulo a suma dos seus ángulos é 180 grados).
Unha idea é clara cando podemos advertir todos os seus elementos sen a menor dúbida (oponse a escura).
A idea será distinta cando apareza claramente diferenciada, separada e recortada das demais, de tal xeito que non podamos confundila con ningunha outra idea. (oponse a idea confusa).
O que non é claro e distinto (evidente) é confuso e escuro debendo ser rexeitado como posible fonte de coñecemento.
As ideas claras son innatas, é dicir, ideas que están na nosa mente antes do nacemento.
As ideas innatas son posuídas por todos os homes polo feito de ser racionais. Non son ideas que se adquiran a través da experiencia ou a aprendizaxe e tampouco dependen da cultura ou as condicións históricas. Son verdades evidentes que se achan nas nosas mentes, independentemente do tempo, o lugar e a persoa que as pense. Elas mesmas non necesitan (nin poden) ser demostradas xa que caen fóra da cadea de deducións.
Son ideas que pola súa viveza e determinación; pola súa evidencia fan que non nos prantexen ningunha dúbida e que, por tanto, teñamos que afirmar a súa certeza.
A este proceso de coñecemento seguro denomínao Descartes Intuición.
Os "Principios da Filosofía" (1644). O Método Hipotético-Dedutivo-Experimental
Nos "Principios da Filosofía" (parágrafos 44, 45 e 46) madurará unha idea distinta do método.
Plantexa que, cando nos adicamos a explicar o mundo físico podemos chegar aos principios básicos (cales son os elementos constitutivos do mundo) por un método intuitivo-dedutivo coma o que formula no "Discurso" ou nas "regras".
Pero cando tentamos determinar as leis físicas que constitúen o modo concreto en que o mundo se organiza, entón temos que realizar libremente supostos, conxecturas, hipóteses.
“…e libremente podemos elixir aquela (hipótese) que desexemos sempre e cando o que sexa deducido sexa enteiramente acorde coas experiencias”…”so a experiencia e en modo algún a forza do razoamento permite coñecer cal de todas estas formas foi a elixida”.
Deste xeito, se ben chegamos por un proceso intuitivo-dedutivo a determinar os principios, as leis físicas (o traballo específico do investigador) so se poden determinar usando un método hipotético-dedutivo-experimental que é exactamente o método que usan os científicos actualmente.
Descartes é o primeiro pensador que tematiza e explicíta nas súas últimas obras o método que usaban certos científicos da súa época e seguimos a usar na actualidade. Sen embargo a tradición Racionalista so conservou o método intuitivo-dedutivo das “regras” e do “discurso” transmitindo á posteridade unha imaxe distorsionada dos logros metodolóxicos de Descartes.