Literatura Galega de Posguerra: Autores Clásicos e Obras Fundamentais
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,42 KB
Todo o terreo gañado polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós quedou truncado coa Guerra Civil. No exilio seguiuse desenvolvendo actividade literaria en galego.
Ánxel Fole
Naceu en Lugo en 1903. Estudou dereito en Santiago, onde contactou co movemento nacionalista. Despois da guerra traballou como profesor e xornalista. Morreu en 1986.
O máis salientable da súa obra son os contos publicados Terra Brava, Contos na néboa e Historias que ninguén cre. Nel difumínase a diferenza entre o conto popular e o conto literario:
- Do conto popular toma o misterio que hai nas lendas sobrena turais da nosa tradición, como os aparecidos ou ánimas en pena. Asume tamén a técnica narrativa, desenvolvéndose de forma lineal e rematando cunha sentenza de carácter didáctico.
- Do conto literario toma, seguindo os grandes mestres do xénero, a técnica axeitada para, sen distanciarse da maneira folclórica, realzar o suspense e o engado necesario para atrapar o lector até o final do conto.
Eduardo Blanco Amor
Naceu en Ourense en 1897. Xa na mocidade manifestou interese pola literatura e coñeceu as vangardas europeas a través de Vicente Risco. En 1919 emigrou a Arxentina e viaxou a España como correspondente do xornal La Nación. Foi entón cando entra en contacto cos membros da Xeración do 27. Despois da guerra considerouse un exiliado galego máis en Arxentina, escribindo libros de teatro, da radio e da prensa. En 1962 regresou a Galicia e morreu en Vigo en 1979.
Antes da Guerra Civil, Blanco Amor centrara a súa actividade na poesía de tendencia vangardista, entre o imaxinismo e o creacionismo. En 1927 publicou un conto na Revista Nós titulado Os nonnatos. Pero sería despois da guerra cando produciu as súas mellores obras: A esmorga, Os biosbardos e Xente ao lonxe.
Características comúns
- Un mesmo espazo literario: a cidade de Auria, imaxe de Ourense.
- Ambientación temporal de finais do século XIX e principios do XX.
- Predominio do narrador en primeira persoa.
- Sensación de realismo.
Blanco Amor escribiu as súas obras seguindo técnicas innovadoras da Nova Narrativa.
Obras destacadas
- A esmorga: Adoita considerarse, por moitas razóns, unha das obras mestras da literatura europea do século XX. A lectura da obra lévanos até as miserias da realidade e natureza humana.
- Os biosbardos: É unha colección de relatos protagonizados por nenos e adolescentes, unha radiografía vista desde a perspectiva da infancia dunha sociedade fortemente autoritaria e rexida desde a Igrexa e a Escola.
- Xente ao lonxe: Céntrase na historia dunha familia e na visión da época.
Álvaro Cunqueiro
Naceu en Mondoñedo en 1911 e tiña inclinación á fabulación. Antes da guerra colaborou co Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos e publicou poesía de inspiración neotrobadoresca; despois do conflito bélico, traballou como xornalista en Madrid e foi director do xornal Faro de Vigo. Morreu en Vigo en 1981.
Cunqueiro foi un escritor polivalente: cultivou con mestría todos os xéneros literarios. Ao longo da súa vida recibiu numerosos premios. A súa obra é dunha orixinalidade extrema; inventou mundos onde se mestura a realidade e a fantasía. Clasifícase en dous grupos:
- As obras que presentan semblanzas de tipos galegos: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes conteñen relatos breves dun mundo, o rural, que estaba en proceso de desaparición.
- As súas novelas: Mundos mitolóxicos e literarios de carácter universal con espazos galegos.
- En Merlín e familia, sitúa o mítico mago Merlín nas terras luguesas.
- Se o vello Simbad volvese ás illas entrelaza as historias lendarias de Simbad o mariñeiro de As mil e unha noites coa tradición mariñeira galega coa que todos nos identificamos.
- As crónicas do sochantre é a única obra na que Cunqueiro se internou nos escuros mundos de ultratumba.
Xosé Neira Vilas
Naceu en 1928 na aldea de Gres (Vila de Cruces). Emigrou a Bos Aires, manténdose moi vinculado ao ambiente galeguista do exilio arxentino, e posteriormente trasladouse a Cuba. Crearía unha extensa obra que, se ben abarca os tres xéneros, é unha crónica da sociedade galega rural e da emigración a América, acadando un éxito editorial sen precedentes.
Conta historias sen artificios técnicos que dificulten a súa lectura e interpretación. Os seus textos están protagonizados por xente anónima e humilde que sobrevive co seu esforzo no campo. A súa obra reproduce a realidade galega, centrándose en dous eixos:
1. Obras que teñen como tema xeral a Galicia interior e rural
- Con protagonista infantil: Memorias dun neno labrego. O autor conta desde a óptica crítica dun neno (Balbino) o tempo da posguerra.
- Con protagonista adulto: Xente no rodicio. Historias de personaxes que se terán que enfrontar ás dificultades materiais que a sociedade lles pon.