Literatura galega: historia, autores y obras clave desde la Edad Media hasta el Rexurdimento
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 19,41 KB
Poesía
Directiz formalista
Florencio Baamonde Lores: A súa obra fundamental foi o poema Os calaicos (1984). Dependendo do modelo canónico de Os lusíadas, soubo narrar a defensa da cidade da Coruña contra os ingleses en 1589.
Manuel Lugris Freire: Tomou parte nas actividades da Academia Galega e interveu na Liga Gallega no sindicato Solidariedad Gallega. Escribiu unha gramática, poesía, narrativa e ensaio. Nos seus libros de poemas Soidades (1894), Noitebras (1901), Versos de loita (1919), Ardencias (1927) e As mariñas de Sada (1928) atopamos referencias ao estilo de Condal e Cabanillas e unha tendencia ao prosaísmo propagandístico.
Evaristo Martelo Pauman del Nero: De familia nobre, ideoloxía carlista e gran defensor do galego. A súa principal poesía é Líricas gallegas (1894), na que predomina, xunto coa sátira literaria, un ton patriótico de imitación pondaliana.
De corrente popular.
Valentín Lamas Carvajal: Atribúeselle unha ampla produción artística ligada ao esforzo xornalístico. O seu principal éxito foi a recompilación de poemas aparecidos no xornal El Heraldo Gallego baixo o título de Espiñas, follas e frores. Ramiño primeiro. A partir de 1876 dirixe o primeiro xornal íntegramente en galego: O tío Marcos da Portela, que mantivo unha periodicidade quincenal e semanal ata 1890. Durante este período dá ao prelo Saudades gallegas (1880) e A musa das aldeas (1980). Na obra de Lamas destaca o compromiso con Galicia, a defensa dos labregos e unha crítica contra os axentes de asimilación cultural e prostración económica.
Manuel Leiras Pulpeiro: Escribiu Cantares gallegos (1911), onde recolle características dunha poesía ao estilo popular. Combina diferentes rexistros, dá a temática social e cívica en defensa do labrego ata o lirismo paisaxístico.
Prosa
Acadou menos fortuna que o verso. Ao limitado da súa produción haberá que engadir os prexuízos lingüísticos dos autores, que restrinxen ao ámbito a temática dos seus libros. Os escritos desta época son realistas e costumistas, de intencionalidade didáctica e tons folletinescos, e contaremos con aproximacións á novela histórica e fantástica.
A novela
A primeira novela galega é de Marcial Valladares Núñez, co título de Maxina ou filla espúrea (publicada como folletín ao longo de 1880). A novela segue un tratamento diglósico: os personaxes urbanos expresanse en castelán e os rurais en galego. Responde á ideoloxía burguesa e conservadora deste autor polo tono moralizante da obra e os prexuízos lingüísticos. Pódese observar un idealismo populista, romántico e a defensa da lingua galega.
Antonio López Ferreiro: Servirase da historia de Galicia para crear tres obras realistas nas que o compoñente folletinesco está sempre atenuado pola reconstrución do ambiente e da cultura de cada momento histórico. Destaca tamén a riqueza lingüística destas obras.
- A tecedeira de Bonaval (1894), a primeira, está ambientada no marco de Compostela do s. XVI. É unha historia de amor con final feliz. A crítica destacou a profundidade psicolóxica e a súa condición realista.
- O castelo de Pambre (1895) sitúa a historia de amor no s. XIV, na realidade histórica do conflito entre os partidarios de Pedro I e Enrique de Trastámara.
- O niño de pombas (1905) desenvolve unha historia amorosa. A ambientación é do s. XII, nos tempos do arcebispo Xelmírez e nas terras de Deza e Trasdeza.
Outros novelistas
- Luis Otero Pimentel: Editor por entregas na revista Follas Novas da Habana, de A campaña da Capricornea (1898), que é unha aproximación ao xénero fantástico.
- Xan de Masma: Publicou ¡A besta! (1899-1901), na que se adhire aos postulados do naturalismo.
- Xesús Rodríguez López: Publicou a novela A cruz do salgueiro (1899), un relato costumista con intencionalidade didáctica.
O relato breve
Valentín Lamas Carvajal: No ano 1887 publicou unha serie de relatos co nome Gallegada. Tradicións, costumes, tipos e contos da terriña. Destaca a súa mestría no relato costumista, revela dominio lingüístico e marcada sensibilidade social. O catecismo do labrego (1899) é a súa obra máis importante. Na súa estrutura de preguntas e respostas denúnciase a vida dos labregos sometidos ao avasallamento do poder do Estado.
Heraclio Pérez Placer: Escribiu unha noveliña, Predicción (1899), e logo tres grandes volumes: Contos, lendas e tradicións (1891), Contos da terriña (1895) e Beira do lar (1901). Responden á temática de humor, costumismo e problemática social, e conteñen algo de romanticismo e naturalismo.
Francisco Álvarez de Novoa: Representa a actitude máis modernizadora da narrativa finisecular. Pé das Burgas (1896) supón un avance no temático e no estilístico. Pode apreciarse a súa calidade de prosista na escolla dos niveis da fala e na habilidade para a descrición.
O teatro
Xurdiu vinculado á loita pola normalización cultural e política de Galicia, levada a cabo polos precursores e escritores do Rexurdimento. Despois da obra A casamenteira de Antonio Bieito, o teatro inicíase en 1882 coa estrea de A fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia. Posúe un bo corpus de referencias ao folclore e costumes galegos.
Características das obras teatrais: composición segundo o patrón romántico, presenza de personaxes de mundos rurais, preferencia do verso en detrimento da prosa, utilización como argumentos de materiais folclóricos, tramas pouco fiadas e demasiado narrativas, falta de personaxes ben definidos, vivacidade dos diálogos e variedade do verso.
Galo Salinas: Creou en 1895 o semanario Revista Gallega, onde se incluían artigos e noticias sobre o teatro. Foi presidente da Escola Rexional de Declamación ata a súa disolución. Entre os obxectivos desta escola estaban a formación de actores e a representación de obras en galego. A súa primeira obra é A torre de Peito Burdelo (1890), acorde coas ideas rexionalistas de dignificación lingüística e reafirmación patriótica. A acción desenvólvese en Betanzos e trata sobre a revolta dos cristiáns contra o tributo das cen doncelas. Tamén temos ¡Filla…! (1892), con esta obra ofrécenos un cadro dramático de costumes galegos, aínda en verso e cunha linguaxe defectuosa.
Lugris Freire: O afán didáctico e propagandístico que caracteriza a prosa de Lugris tamén aparece no teatro. Tanto en A ponte (1903) como en Minia (1904) repite, con lixeiras variantes, un drama arredor dunha historia amorosa en que os personaxes populares se enfrontan ao cacique e que acaba cun final violento. Con Mareiras (1904) inaugura o drama de longa extensión.
Xoán Cuveiro Piñol: Pedro Madruga (1887) desenvólvese no marco das loitas dinásticas entre Isabel e Xoana.
Ramón Armada Teixeiro: ¡Non máis inmigración! (1885) é unha alegación cívica contra a emigración.
Emilio Álvarez Jiménez: Mari-castaña (1884) pon en escena unha coñecida lenda lucense, tinxida dunha crítica contra o poder exercido pola Igrexa.
A hagiografía e o ciclo carolingio
As actas dos mártires constitúen a orixe da hagiografía (a narración dos milagres levados a cabo por santos e beatos). As hagiografías tiveron unha gran importancia para a consolidación da prosa nas linguas románicas. As diversas fazañas do emperador Carlomagno adquiriron tal dimensión durante a Idade Media que un bo número de estudosos fala da existencia dun ciclo carolingio.
Relacionada coa hagiografía e as aventuras carolingias xorde unha obra clave na prosa medieval galega: Os miragres de Santiago, que é unha tradución incompleta do Códice Calixtino. Os Miragres conteñen varios apartados: por un lado, varios milagres realizados polo Apóstolo; tamén as heroicidades de Carlomagno na península e unha Guía de peregrinos que inclúe unha descrición da catedral e cidade de Santiago de Compostela (no s. XII).
A Ilustración
O s. XVIII supuxo para Galicia e España a chegada das ideas ilustradas. Esta etapa está a medio camiño entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento decimonónico. Non aumentou moito o rexistro de textos en galego. O debate da historia e orixes do galego chega coa Ilustración. Cabe destacar como autores en galego a Diego Antonio Cernadas e Castro (cura de Fruime). Tamén destaca o padre Feijoo (figura fundamental da Ilustración en España) e os seus irmáns Anselmo e Plácido (dos cales se conservan algúns textos en galego). Completan esta lista Xosé Andrés Cornide e frei Martín Sarmiento. A súa defensa do ensino do galego e os traballos sobre a orixe do galego convertérono en precursores da nosa pedagoxía.
Os Séculos Escuros
Ao longo dos ss. XV e XVI Galicia viviu unha dislocación e perda de poder por: o sometemento da nobreza, a reforma do clero e a centralización do proceso de colonización de América.
Literatura culta: Hai moi pouca literatura nesta época. Non obstante, arredor de Diego Sarmiento de Acuña (conde de Gondomar) conformouse unha corte que deu como resultado unha morea de textos líricos e teatrais. Desa corte conservamos Canción galega en loor de Don Diego das Mariñas Marragues (autor descoñecido). No s. XVII destacan dous documentos recollidos no volume Exequias da raíña Margarida: o primeiro é obra de Xoán Gómez Tonel e o segundo de Pedro Vázquez de Neira. Tamén se conservan as Décimas ao Apóstolo Santiago, de frei Martín Torrado, que fan referencia á controversia acerca de se Santiago sería o único patrón de España ou compartir o padroado con santa Teresa de Xesús.
No s. XVI, desde o círculo do conde de Gondomar, posuímos o Diálogo de Alberto e Bieito (pertence a unha literatura que se escribe pero non se imprime). No s. XVII, o Entremés do portugués (de corte popular). O documento teatral máis importante é a peza de Gabriel Feixó de Arauxo, Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (a temática son os enfrontamentos entre os habitantes das beiras do río polos dereitos de pesca, con final feliz).
Os Xogos Florais
A celebración destes xogos na Coruña en 1861 supuxo un gran acontecemento para a literatura deste período. O máis importante deste certame foi a publicación do Álbum de la Claridad, coordinado por Antonio María de la Iglesia (neste recóllese unha mostra considerable de poetas galegos contemporáneos).
Cantigas narrativas
Está constituído por aquelas composicións nas cales asistimos a un relato onde o seu protagonista aparece en conflito co pecado ou diante dun perigo inminente. Só a intervención marabillosa da Virxe logra resolver satisfactoriamente a conxuntura, e a narración finaliza con agradecementos á figura de Santa María.
Cantigas líricas
Trátase de composicións que discorren por dúas vías esenciais: unha que segue o modelo das cantigas de amor e outra que procede de inspiración litúrxica. O primeiro conxunto, formado polas cantigas de loor, segue o modelo da canción de amor trobadoresca. O segundo tipo entronca de maneira directa coa pregaria do culto á Virxe na tradición cristiá.
Materia de Bretaña
A definitiva expansión para a narrativa artúrica procede da obra de Chrétien de Troyes. O simbolismo máxico-cristián completouse: o Grial aparece definitivamente contemplado como o cáliz no que Cristo consagrou a Eucaristía durante a Derradeira Cea; Artur e os membros da Mesa Redonda aparecen como espello das virtudes do cabaleiro cristián; e a Demanda do Santo Grial conclúe a mesma procura esforzada da salvación eterna.
Obras en galego-portugués: O libro de José de Arimatea (narra nel as orixes do Grial), Livro de Merlín (arredor da figura do célebre mago e das súas profecías sobre o Grial) e Demanda do Santo Grial (refire as aventuras dos cabaleiros da Mesa Redonda na procura do Grial).
Materia de Troia
A guerra de Troia estaba entre aqueles episodios que Jean Bodel consideraba dignos de tratamento literario. Ephemeris belli troiani e De excidio Troiae historia están nos alicerces do ciclo clásico troiano, que tivo na figura do poeta francés Benoît de Sainte-More o seu verdadeiro propagador. Conservamos dous textos: Crónica troiana e Historia troiana.
Os epígonos trobadorescos
É o período entre 1350 (o punto final do lirismo trobadoresco galego-portugués) e a definitiva substitución das formas medievais polas novidades renacentistas. Ata datas recentes viñase falando da decadencia da escola trobadoresca para referirse a este tempo. Desde unha perspectiva actual enténdese que o que se produce é un verdadeiro tránsito desde a tradición galega no xénero do amor cortés cara a novos modelos que chegan desde alén da península.
Dous conxuntos de epígonos:
- Os epígonos en Castela: posuímos arredor de sesenta textos transmitidos a través de cancioneiros castelás dos ss. XV e XVI, singularmente o Cancioneiro de Baena, que demostran o interese dos poetas por acadar novas fórmulas máis alá dos convencionalismos do amor cortés.
- Os epígonos en Portugal: consideramos neste apartado un certo número de textos que forman parte do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende e que igualmente reflicten a presenza dos modos tradicionais trobadorescos.
Literatura popularizante dos Séculos Escuros
Durante os ss. XVII, XVIII e primeira metade do XIX desenvolveuse a moda do villancico galego (composicións en verso musicadas e que presentan un certo aire popular). As catedrais de Mondoñedo e Santiago de Compostela son dous dos lugares onde máis fortuna tivo este xénero, e o villancico galego triunfou tamén alén das novas fronteiras. Dentro desta literatura popularizante cómpre situar aínda o único texto conservado procedente dun hipotético ciclo de romances e cancións referidos á figura do mariscal Pedro Pardo de Cela, compostos no s. XVI. Trátase do denominado Pranto da Frouseira, de autor anónimo.
Os precursores do Rexurdimento
En 1853 aparece o primeiro libro do s. XIX escrito en galego: A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos Villar. Constitúe un método para ensinar galego a través de poemas, fragmentos en prosa… no medio dun diálogo bilingüe soado por un gaiteiro e un tamborileiro.
Francisco Añón foi o poeta máis importante deste prerrexurdimento galego. A vida atarefada que levou explica que morrese sen velos publicados, a pesar de gozar dunha gran popularidade entre os seus contemporáneos. Participou nos Xogos Florais cun himno dedicado a Galicia. Tamén destacan O desconsolo e Nai chorosa, de Alberto Camino.
Rosalía de Castro
Coa súa obra Cantares gallegos, constitúe o inicio do Rexurdimento. Este publicouse en maio de 1863 e está inspirado no libro Los cantares de Antonio de Trueba. Está composto por 32 cantares nos que busca reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo. Cantares gallegos trata a reivindicación de Galicia, do galego como lingua literaria; tamén trata de axudar ao pobo e desmentir as ofensas ditas sobre el (ten unha marcada afirmación política). O libro ten unha estrutura circular (enmárcase a modo de prólogo e epílogo) e está posto en boca dunha moza aldeá. A súa temática é: costumista (a través dos personaxes populares cobra importancia a vida cotiá), amorosa (expón as queixas dos namorados, os resentimentos, as separacións…), de carga social e patriótica (trata temas como a emigración, a miseria, a marxinación do pobo galego…) e intimista (a visión pesimista do amor, o tema da dor e a saudade). Usa unha lingua popular, abusa das comparacións e utiliza o verso da muiñeira e as formas da arte menor.
Follas novas: listo para ser publicado en 1872, non viu a luz ata 1880. O poemario inclúe cinco libros e 136 poemas breves. Na súa estrutura descóbrense as súas dúas tendencias (intimista e social): a intensa subxectividade e soidade radical do ser humano de Vaguedás e ¡Do íntimo!; a concreción social do final en Da terra e As viúvas dos vivos e dos mortos; e Varia, que é a combinación de ambos os tipos.
Temática: intimista (amorosa, temas como o odio, o resentimento, a vergoña, a morte…) e visión social (aborda a situación da muller escritora, moi precaria no s. XIX; tamén desenvolve o tema da emigración). O estilo é sinxelo, con poucos recursos expresivos, onde manexa con gran mestría o símbolo.