Literatura Galega do Exilio e Posguerra: Autores e Obras Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 12,79 KB
O Exilio na Literatura Galega (1936-1950s)
A partir de 1936, e durante as décadas de 1940 e 1950, a literatura galega non estivo morta, senón que foi continuada polos autores galegos que, ou ben se viron na obriga de exiliarense, ou ben estaban emigrados en América no momento no que estalou a guerra. A súa obra estará fortemente marcada polo drama da desfeita de xullo de 1936. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita...) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada.
Así, condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais e a carencia de público lector fixeron adquirir á literatura galega do exilio características especiais:
- Compromiso político galeguista e republicano.
- Poesía narrativa dun forte compoñente autobiográfico.
- Introdución da temática cívico-social na poesía.
- Mestizaxe cultural que engade elementos temáticos e estilísticos novidosos.
Poesía do Exilio
Na poesía, sobresae o labor literario de Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela. Emilio Pita poderíase dicir que é o primeiro autor galego que traballou na corrente do socialrealismo, co seu poemario Jacobusland (1942), pese a que hai quen considera que o verdadeiro pai da poesía social galega contemporánea foi, precisamente, Seoane, a través do seu libro Fardel d'Exiliado (1952).
Canto a Lorenzo Varela, este posúe unha cativa obra en lingua galega no que se refire á cantidade, mais de moi alto nivel. En Catro Poemas para Catro Gravados (1944), tamén titulado María Pita e Tres Gravados Medievais, o poeta evoca o pasado glorioso de Galiza, conxuntamente con Luís Seoane, autor dos gravados que ilustran estas composicións. Tamén se pode achar en Lonxe (1954) a problemática social.
Narrativa do Exilio
Na narrativa, podemos resaltar as novelas de Silvio Santiago e Ramón de Valenzuela.
Teatro do Exilio
Canto ao teatro, existe un público galego que busca obras evocadoras do país que abandonara. Os temas sobre os que era imposible escribir na Galiza do interior (a represión sexual, a crítica ao franquismo...) serán tratados no exterior. Destacados autores teatrais galegos desta época foron Manuel Daniel Varela Buxán e Eduardo Blanco Amor (pese a que este último non publicou a súa obra dramática ata a década de 1970).
A peza A Soldadeira (1956), de Seoane, merece ser nomeada con distinción dentro da dramática galega producida en América do Sur (concretamente en Bos Aires) debido (entre outras virtudes) á súa innovación estética. No teatro, sobresae a figura de Manuel Varela Buxán (obras: A taberna sen dono, Salaios dun vello labrego), quen fundou en Bos Aires a compañía Aires da Terra. Castelao asistiu a unha función da obra de Varela Buxán Pola nosa culpa, e quedou impresionado pola acollida do público, o que motivou que lle confiase a estrea d'Os vellos non deben de namorarse.
Tendencias da Narrativa Galega de Posguerra
Autores e Obras Clave
No caso da prosa non se publicara ningún libro ata 1951 co título A xente da Barreira de Carballo Calero. Entre os anos 50 e 60 tres autores manteñen individualmente un universo literario propio e peculiar e deron á luz as páxinas da nosa mellor prosa. Estes autores son: Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole.
Álvaro Cunqueiro
No seu primeiro libro, Merlín e familia, rastrexamos algunhas das claves que definen a súa narrativa:
- Gran capacidade para a imaxinación e a fantasía.
- Gusto pola creación do mito.
- Fino sentido do humor, asociado co marabilloso.
- Sintaxe moi complexa que se corresponde coa súa facilidade para a invención.
En As crónicas do Sochantre, na Bretaña do século XVIII, aparece o tema mítico en títulos como Se o vello Simbad volvese ás illas. Escribiu libros de relatos nos que caracteriza a grande variedade de personaxes humanos ou imaxinarios; son instantáneas que ía tirando da realidade con moito de real e moito máis inventado.
Eduardo Blanco Amor
A publicación da súa obra A Esmorga leva a nosa novelística ao proceso de renovación no que estaba a literatura mundial. Na obra Os Biosbardos inclúense sete narracións breves situadas en Auria (Ourense) e tendo como protagonistas a nenos. Son narracións en primeira persoa e reflicten un mundo infantil onde predomina o negativismo, os medos, as angustias e as pequenas amarguras.
Xente ao lonxe (obra quizais máis importante ca A Esmorga), retrata os duros indicios do movemento obreiro en Ourense. O contido organízase en tres niveis: individual, familiar e social. A protagonista é unha familia obreira.
Ánxel Fole
A súa narrativa céntrase no relato breve. Iníciase con Á lus do candil, composto por 15 contos, narrados polas noites, en que 4 fidalgos e os seus criados quedan illados pola neve. A súa obra Terra brava, recorre de novo o recurso de incluír os contos dentro do conto principal. Outros títulos: Contos de néboa, Historias que ninguén cre, nos que continúa cos esquemas anteriores.
Parte da tradición oral popular do sur de Lugo. En canto á técnica, é partidario de conservar ao máximo a aparencia oral do relato escrito; coa lingua fai o mesmo, xa que procura transcribir o galego propio da zona.
Neira Vilas
A súa experiencia vital e o seu achegamento formal á narrativa tradicional e aos temas da infancia, o mundo rural e a emigración, fano encadrar nesta corrente. O mundo narrativo de Neira Vilas encádrase na liña do socialrealismo, e ten como protagonista o infantil ou o adulto, e a súa obra xira arredor do mundo rural e a emigración. Domina varias técnicas narrativas, como diferentes puntos de vista e diversas presentacións formais. A súa linguaxe é case coloquial, léxico rico, depurado e vivo, sintaxe sinxela e próxima á lingua falada.
Tendencias da Lírica na Segunda Metade do Século XX
A censura da ditadura trouxo como consecuencia que tres xeracións de poetas se desen a coñecer no mesmo período (Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Cestas Minervais). Para a recuperación nos anos 50 foi vital a creación de varias editoriais dedicadas ás obras en galego, entre elas Galaxia como a máis significativa. Antes de analizar algúns grupos de poetas debemos deternos nun poeta anterior, pero que polas circunstancias non publicou ata despois da guerra, este é Luís Pimentel (Lugo, 1895-1958). En vida só publicou unha obra, Triscos; despois da súa morte aparece a súa obra fundamental, Sombra do aire na herba. Inicialmente ten un gusto polo léxico relixioso, recargado, repintado... Fala da realidade triste, gris, pobre, as vivencias da paisaxe cotiá, a dor solidaria cos que sofren inxustizas; é unha poesía tenra, recollida, pouco dada aos excesos. Na técnica é significativo a utilización do verso libre.
A Xeración do 36
Os autores deste grupo eran mozos cando estalou a guerra e algúns xa tiñan publicado antes. Son poetas nacidos entre 1910-1920. Inicialmente sitúanse próximos á xeración "Nós" pero non tardan en extremar as súas posturas e distanciarse ideoloxicamente deles. A maior parte son poetas que veñen da pequena burguesía progresista, e vincúlanse ao esquerdismo galeguista. Continúan algúns dos movementos de vangarda xa vistos (surrealismo, neotrobadorismo, hilozoísmo) e ademais aparecen tendencias novas como o Ruralismo (a paisaxe é a protagonista duns versos cultos e equilibrados), Clasicismo (entendido como adaptación aos métodos tradicionais e a expresión seria e mesurada), Social-Realismo.
Autores da Xeración do 36
Aquilino Iglesia Alvariño (Lugo)
A súa primeira obra titulada Señardá, son arredor de 50 sonetos con influencias modernistas. En Corazón o vento, depura o modernismo, ensaia co verso libre e composicións próximas ao Surrealismo e ao Hilozoísmo. A súa obra máis coñecida, Cómaros verdes, é un poemario dispar; nel atoparemos neotrobadorismo, Hilozoísmo e influxo da Xeración do 27 española. A paisaxe rural convértese no centro da temática, ademais da riqueza do galego falado na Terra Chá.
Celso Emilio Ferreiro
O soño sulagado é a súa primeira obra, e nela xa comeza coa denuncia dos problemas colectivos. Aquí céntrase na angustia polo paso do tempo, o medo á soidade e á morte. A súa obra máis importante, Longa noite de pedra; a denuncia crítica do sistema pasa a ocupar o centro do poemario. Foi a obra con que se iniciou o chamado Social-Realismo na poesía galega. Foi un dos maiores éxitos na nosa literatura no momento e a obra sálvase do panfletismo doutros autores grazas á súa autenticidade. Séntese solidario cos que neste mundo atúran inxustizas e aldraxes; séntese antirracista, antibelicista. En moitos poemas reflicte o medo a un estado represivo, a violencia institucionalizada. Céntrase tamén na situación de Galicia, na defensa da lingua, etc. En canto á forma utiliza: imaxes surrealistas; amoreamento, repetición de palabras; variedade métrica, etc.
Viaxe ao país dos ananos, é feito da súa experiencia en Venezuela e critica os dirixentes dos centros galegos; ofrécese unha visión da emigración moi negativa. En Cantigas de escarnio e maldicir: Cimeterio pisado, son os epitafios sobre distintas persoas...
A Promoción de Enlace
Son poetas nacidos no ano 20, experimentan os efectos inmediatos da pobreza económica e cultural. Os únicos modelos literarios aos que poden acceder son os da poesía española. Non gardan coherencia como grupo. Autores: Antón Tovar, Luz Pozo, Tomás Barros...
A Xeración das Cestas Minervais
Son os nados entre 1930 e 1940.
Manuel María
Inaugura e consolida a chamada Escola da Tebra con obras como Muiñeiro de Brétemas. Os escritores da Escola da Tebra caracterízanse pola exteriorización dun mundo atormentado de sufrimento no que o ser humano non ten saída. A partir dos anos 60 o ton social irá en aumento, utilízase a sátira, a denuncia, mesturado tamén co tratamento da paisaxe da súa Terra Chá natal. Obras: Poemas de outono, A primavera de Venus, O Miño, canle de luz e néboa.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Inicia a súa obra poética con Voce na néboa, un mundo íntimo, denso, simbólico. Aos poucos vaise situando na poesía máis social sobre Galicia. Por exemplo o título Poesía enteira de Heriberto Bens. O seu poemario máis importante é Con pólvora e Magnolias, poemas que van do persoal ao colectivo, densos, cheos de referencias culturais, imaxes moi elaboradas, obra de grande influencia nos poetas actuais. Coa obra O fin dun conto continúa a renovación da obra anterior.
Uxío Novoneyra
A súa poesía é unha poesía sobre a natureza, pero cun tratamento orixinal ata ese momento, que non imita precedentes. O seu cosmos poético é a Serra do Courel; a vivencia neste entorno das distintas épocas do ano constitúe o núcleo temático de Os eidos. En Elexías do Courel e outros poemas, empeza a fundirse e identificarse coa natureza; ás veces séntese desamparado e pequeniño diante dela, fóra da experiencia paisaxística. Poemas caligráficos e Poemas da doada certeza teñen un estilo directo, desarmado, sinxelo, con moita forza interna e con utilización de recursos fónicos e gráficos.