Literatura Galega: Autores, Xéneros, Recursos Literarios e Historia da Lingua Galega
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 9,01 KB
Autores da literatura galega
Xose Neira Vilas naceu en Gres, Vila de Cruces, en 1928. É o autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego, o libro que máis se editou na historia da literatura galega. Emigrante desde os 20 anos, viviu primeiro na Arxentina, onde coñeceu á súa esposa, e despois en Cuba.
Rafael Dieste (Rianxo, 1899 – Santiago de Compostela, 1981) é un escritor pertencente á Xeración do 22, tamén chamada das Vangardas. O libro de contos Dos arquivos do trasno (1926) e a súa obra dramática A fiestra valdeira contribuíron notablemente á renovación da literatura do seu tempo. Desenvolveu tamén diversas actividades culturais, como o xornalismo, o labor editorial e o teatro.
Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) é profesor na Universidade de Vigo, lexicógrafo, especialista en onomástica e membro da Comisión de Toponimia. Escribe poesía, narrativa e outras obras de difícil clasificación, como o seu dicionario paródico Elucidario. Recibiu diversos premios, entre os que destaca o da Crítica Española.
Mario Pereira naceu en Lalín en 1961 e, na mesma vila, exerce de profesor de lingua e literatura galega no Instituto María Aller Ulloa. Vén de aquí o verme co que gañou o Premio Raiña Lupa de novela infantil.
Concepto de literatura
A literatura é unha forma de comunicación lingüística a través da palabra, escrita ou oral, e de expresión artística.
Recursos literarios
Recursos fónicos
Son os sons que afectan aos sons das palabras.
- Aliteración: consiste na repetición de sons.
- Onomatopea: consiste na imitación de sons e ruídos.
Recursos gramaticais
Son os que xogan con alterar a orde das palabras na oración.
- Hiperbaton: consiste na alteración da orde lóxica das palabras na oración.
- Anáfora: repetición dunha palabra ao inicio de varios versos dun poema.
- Paralelismo: repetición dunha estrutura.
Recursos semánticos
Son os que inciden sobre o significado dos vocábulos.
- Antítese: consiste na oposición de elementos contrarios.
- Hipérbole: trátase dunha esaxeración desmesurada.
- Metáfora: identificación entre dous elementos.
- Metonimia: consiste en nomear unha cousa co nome doutra coa que se relaciona por proximidade.
- Personificación: atribuír propiedades propias dos humanos a obxectos inanimados.
- Símil: comparación explícita entre dúas realidades.
Os xéneros literarios
A poesía
O autor expresa os seus sentimentos. A voz poética amosa unha linguaxe subxectiva. A canle habitual adoita ser o verso. A poesía expresouse a través de diferentes formas:
- Cantiga: composición destinada ao canto.
- Égloga: diálogo entre pastores idealizados.
- Elexía: poema que lamenta a morte de alguén.
- Epigrama: poema breve de carácter festivo ou satírico.
- Himno: composición patriótica de carácter solemne.
- Oda: poema extenso feito en linguaxe elevada.
A narrativa
Comprende as obras en prosa nas que un narrador conta uns feitos reais ou inventados. A historia desenvólvese de forma determinada, co discurso protagonizado por uns personaxes, nun espazo e nun tempo.
- O conto: defínese por ter extensión curta, poucos personaxes, espazo e tempo concretos.
- A novela: caracterízase por unha extensión longa, máis personaxes e o cruzamento das historias de diversos personaxes.
O teatro
Obras feitas para seren representadas. Existen diálogos, que poden ser en verso ou en prosa.
- Traxedia: personaxes nobres, que son presa de fortes paixóns que non son quen de controlar. A obra ten sempre un remate catastrófico.
- Comedia: os personaxes son figuras cotiás que desenvolven accións con elementos festivos ou humorísticos; o remate é feliz.
- Drama: personaxes comúns que teñen algún problema que superar; mestúrase o cómico co serio; o final é aberto.
A literatura galega
Idade Media (s. XII ao XV)
Dentro das manifestacións literarias están as chamadas cantigas.
Idade Moderna (s. XVI ao XVIII)
Coñécese como os Séculos Escuros, debido á marxinación política á que Castela sometía a Galicia. Eran máis de tradición oral. Empézase a reivindicar a nosa cultura e o uso do galego.
O Reino de Galicia
Galicia constituíu desde o século VIII unha unidade política cos reinos de Asturias e León. Galicia permitiu conformarse como reino independente en determinados momentos dos séculos X, XI e XII.
O poder da nobreza, da igrexa e dos mosteiros, e a burguesía permitiron o desenvolvemento social e cultural dunha comunidade cunha lingua e literatura propias. Tras o descubrimento da tumba de Santiago, a comezos do s. IX, Compostela cobra un gran protagonismo en toda Europa. No s. XII o Papa outorgoulle a Santiago a potestade de conceder o xubileo e, xunto coas obras e a política do bispo Xelmírez, potenciouse as peregrinacións.
O Camiño de Santiago converteuse nunha importantísima vía de comunicacións da cultura estranxeira, con consecuencias económicas e culturais moi beneficiosas.
Os primeiros trobadores provenzais do sur de Francia deixaron a súa pegada na nosa lírica trobadoresca. A arte románica espallouse ao longo do camiño e, logo, por todo o territorio galego, culminando na construción da catedral de Santiago.
O nacemento do galego
Desde o s. IX, a lingua falada no extremo occidental da península Ibérica estaba diferenciada do latín, polo que se pode falar da existencia de dúas linguas distintas: a latina e a galega.
Foi a finais do s. XII cando o galego comezou a rexistrarse por escrito. En verso, o documento literario máis antigo é a cantiga satírica Ora faz ost'o señor de Navarra, de San Xoán de Paiva, escrita arredor do ano 1200. En prosa, a aparición dos textos foi un pouco posterior, de principios do s. XIII: o Foro de Castro Caldelas e o Testamento de Afonso II de Portugal.
A literatura galega medieval
É unha etapa de grande esplendor para a literatura galega. O galego converteuse na lingua lírica de toda a península, excluída Cataluña, e alcanzou nese momento un rango de lingua internacional, pois en galego compuxeron as súas poesías trobadores de distintas nacionalidades, que as levaron polas diversas cortes reais e señoriais.
Xéneros
Na poesía escribíronse as cantigas, conxunto de máis de dous mil textos en verso, destinados ao canto, con acompañamento musical. Hai dous tipos:
- Profanas: son as de amigo, de amor e de escarnio e maldicir.
- Relixiosas: as Cantigas de Santa María.
Na prosa, dentro dos textos narrativos de ficción, hai algunhas obras traducidas ao galego e versións doutras obras. Entre os motivos máis frecuentes están as aventuras cabaleirescas do mundo artúrico, a guerra de Troia e os milagres do apóstolo.
Os intérpretes das cantigas
Existen tres grupos de poetas medievais, dependendo da súa habilidade e clase social:
- Trobadores: tiñan maior rango social, eran nobres e eles compoñían o texto e a música das cantigas. Cítanse polo nome e os apelidos (Martín Codax).
- Xograres: eran artistas ambulantes de clase baixa. Cítanse polo seu lugar de orixe ou por un alcume (Mendiño).
- Segreis: formaban parte da baixa nobreza, escribían composicións e adoitaban ser remunerados polas súas interpretacións.
Os menestréis eran os instrumentos que acompañaban musicalmente as cantigas. As soldadeiras eran as mulleres que bailaban no transcurso do espectáculo.
Os cancioneiros
Son documentos que recollen as letras e, nalgún caso, a música das cantigas. Os máis importantes son: o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana.
Características da lingua galega medieval
Diferenzas gráfico-fonéticas, diferenzas morfosintácticas e diferenzas léxicas.
A orixe do galego
É unha lingua románica, é dicir, ten a súa orixe nos dialectos en que se fragmentou o latín como consecuencia das invasións bárbaras e da caída do Imperio Romano.