Lingua galega: séculos escuros e rexurdimento
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,33 KB
A lingua galega na Idade Moderna
No século XIV, os Reis Católicos chegaron ao trono de Castela e unificaron o goberno de toda a península. Isto provocou que Galicia entrase nun longo proceso de decadencia política, económica e cultural, que tamén afectou ao idioma. Entre os séculos XVI e XIX, o galego abandonou case totalmente o ámbito da lingua escrita e quedou convertido nunha lingua só apta para a expresión oral. Ademais, as persoas galegas das clases máis altas, influídas polos gobernantes chegados de fóra, comezaron o proceso de abandono da lingua propia e aceptaron como lingua de expresión o castelán.
Séculos Escuros e precursores
Desde o século XV ata o XVIII deixou de haber unha práctica literaria significativa en galego. Esta etapa coñécese como os Séculos Escuros. Veu motivada porque Galicia pasou a depender da coroa de Castela, que implantou unha acusada política centralista. A nobreza galega perdeu o seu poder e os cargos políticos, administrativos e eclesiásticos foron ocupados por persoas de fóra de Galicia. Esta elite dominante impuxo o castelán como lingua da Administración, da Igrexa e do feble sistema educativo.
A lingua galega: a resistencia
Desde o século XV, coa derrota e expulsión da nobreza autóctona, o galego quedou afastado dos centros de poder administrativo e eclesiástico, de maneira que o castelán foi ocupando o seu lugar como lingua de cultura. O galego, aínda que seguía a ser a lingua da inmensa maioría da poboación, quedou reducido a usos orais, xa que a nova situación motivou o abandono do seu uso na escritura. Houbo dous factores que tamén influíron grandemente neste proceso de castelanización:
- A imprenta, que chegou a Galicia a finais do século XV e que só empregaba o castelán e o latín para as publicacións.
- A Universidade, onde só se empregaban o castelán e o latín.
Esta marxinación foi denunciada por primeira vez no século XVIII por algúns intelectuais da Ilustración. O padre Feijoo e frei Martín Sarmiento foron as figuras máis destacadas.
Séculos Escuros: mostras literarias
Ao longo dos Séculos Escuros, a práctica literaria en lingua galega foi moi escasa, aínda que se desenvolveu unha rica literatura oral de carácter popular. Desta poesía popular e tradicional consérvanse diversas mostras que recollen feitos como a condena do mariscal Pardo de Cela ou o saqueo de Cangas polos turcos. Tamén existiu unha importante tradición de vilancicos de Nadal. No que se refire á literatura culta, cómpre salientar algúns poemas renacentistas e varios sonetos da época barroca, da autoría de Xoán Gómez Tonel e de Pedro Vázquez de Neira. Desta época é a primeira obra dramática en galego, que data de 1671: o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, de Gabriel Feixó de Araúxo. Os textos literarios máis relevantes, escritos coa vontade de reivindicar o galego como lingua de cultura, atopámolos sobre todo a partir de 1833, ligados á aparición do provincialismo, que se opoñía á partición de Galicia en provincias e pedía que fose considerada unha unidade.
O Prerrexurdimento
Esta etapa abrangue dende o ano 1808, cando comeza a guerra de Independencia, ata 1863, ano en que Rosalía de Castro publica Cantares Gallegos.