Liberalismo: Principios, Institucións e Historia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,53 KB
Principios ideolóxicos e institucións do sistema liberal
O liberalismo é unha ideoloxía que defende a liberdade como principio básico de todas as actividades humanas.
Principios ideolóxicos
- O individuo e o interese individual están por riba de calquera grupo ou clase.
- A existencia de dereitos e liberdades individuais, destacando a liberdade de opinión e de relixión.
- A liberdade de mercado, empresa e traballo sen intervención do Estado.
- A propiedade individual, garantida e protexida pola lei.
- A igualdade xurídica de todas as persoas ante a lei, eliminando calquera privilexio.
- A participación política dos cidadáns no goberno (dereito de voto ou sufraxio).
- A soberanía reside na nación (soberanía nacional).
- O estado de dereito ou supeditación de todas as institucións ás leis.
Institucións
- A separación de poderes de acordo coa función que desempeñan: executivo (Goberno), lexislativo (Parlamento) e xudicial (tribunais).
- A existencia dunha constitución ou lei suprema na que se recollan por escrito os dereitos, as liberdades e as bases políticas.
A primeira constitución liberal: Estados Unidos
Paralelamente á guerra, cada colonia converteuse nun estado con goberno, leis e constitucións propias e diferentes. En 1787 os 13 estados pactaron a creación dunha república federal na que cada estado conservaba gran parte da súa soberanía, pero cedía competencias a un goberno central ou federal dirixido por un presidente. Os principios sobre os que se debía sustentar a nova república foron recollidos na Constitución dos Estados Unidos. En 1789, a Constitución norteamericana sufriu diversas emendas relacionadas coa protección dos dereitos liberais fundamentais; esas emendas foron engadidas como complemento e teñen o carácter de Declaración de Dereitos. Nese mesmo ano foi elixido como primeiro presidente George Washington. Os Estados Unidos, primeiro país do mundo onde se estableceu un novo réxime baseado nos principios liberais, converteuse nun modelo a imitar.
O inicio da Revolución Francesa
- A quebra financeira da monarquía.
- A tensión social.
- A negativa dos privilexiados a pagar impostos.
- A reunión dos Estados Xerais en París, na que os representantes do Terceiro Estado esixiron que se votase por individuos e non por estamentos.
- A creación da Asemblea Nacional: ante a negativa dos privilexiados, os representantes do Terceiro Estado decidiron formar unha Asemblea Nacional, considerándoa como a única representación lexítima da nación francesa e a única que podería lexislar. Esta decisión era revolucionaria, e o rei tentou resolvela.
- Actuación das masas populares de París: debido á escaseza e carestía dos alimentos de primeira necesidade e ao incremento do desemprego, as protestas aumentaban e o 14 de xullo de 1789 os habitantes de París asaltaron a Bastilla e fixéronse co control do poder da cidade.
Co triunfo popular desapareceu o poder absoluto do rei. A Asemblea Nacional comezou a gobernar e a aprobar novas leis, entre as que destacan:
- A abolición do réxime feudal.
- A declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán.
- A primeira Constitución francesa (1791) establecía como forma de goberno a monarquía constitucional baseada na soberanía nacional e na separación de poderes.
O rei opúxose e, cando intentaba fuxir de Francia, foi descuberto e encarcerado. Realizáronse entón eleccións xerais por sufraxio universal masculino; a nova asemblea aboliu a monarquía e proclamou a república. Conseguiuse a abolición do réxime feudal e o establecemento dunha forma de goberno baseada nos principios liberais.
Ideas fundamentais da Declaración de Dereitos
Liberdade, igualdade ante a lei, a propiedade individual, seguridade e a resistencia á opresión. O principio de toda soberanía reside esencialmente na nación. A lei ha de ser a mesma para todos, tanto se protexe como se castiga. Esta declaración foi ditada polos representantes do pobo francés, constituídos en Asemblea Nacional.
A primeira Constitución española: 1812
Como Xosé I non foi aceptado como novo rei pola maioría da poboación, formáronse unhas novas e revolucionarias institucións que asumiron a soberanía e exerceron o goberno no seu territorio. Para coordinalas creouse a Xunta Suprema Central Gobernativa de España e Indias. Mentres se desenvolvía a guerra, convocáronse unhas Cortes extraordinarias que elaborasen novas leis. Reunidas en Cádiz, elaboraron diversos decretos e redactaron a Constitución de 1812 (a Pepa, por ser aprobada o 19 de marzo), que recollía os principios básicos do liberalismo: a soberanía da nación, a división de poderes, dereitos e liberdades individuais, a existencia de Cortes, o sufraxio; a administración do Estado era central.
Trazos básicos do capitalismo
É o sistema económico xurídico en Europa occidental a finais do século XVIII, froito do desenvolvemento da revolución industrial e do establecemento dos sistemas políticos e xurídicos liberais. Seguintes trazos básicos:
- O capital é o factor básico e necesario para o investimento continuo, o aumento da produción e a obtención de beneficios.
- A liberdade económica debe ser total, liberdade de prezos e salarios, o mercado debe regularse pola lei da oferta e da demanda; todos os produtos, a súa produción e os seus prezos estarán marcados pola demanda que fagan os consumidores.
- A propiedade privada dos medios de produción e dos bens producidos debe estar garantida e protexida pola lei.
- Man de obra formada por traballadores asalariados.
- A división de tarefas no traballo permite aumentar a produción dado que os obreiros se especializan nunha determinada función.
- Conseguir o máximo beneficio é o principal factor.
- A riqueza individual como criterio de organización social.
- Desigualdade, dependencia e explotación dos que non posúen bens ou medios de produción.
Características da sociedade de clases
Os cambios orixinados polas revolucións liberais, agraria e industrial modificaron completamente a sociedade estamental. A nova sociedade da época liberal e industrial organizouse en clases sociais, grupos diferenciados pola súa riqueza. Entre as características desta nova sociedade destacan:
- A riqueza como criterio de diferenciación social, o que dá lugar ás diferentes clases sociais.
- A desigualdade económica orixinada pola acumulación de riqueza.
- O dinamismo social, con posibilidades de ascenso e descenso na escala social froito da capacidade e o talento individual para conseguir fortuna ou perdela.
- O protagonismo de novos grupos, burguesía e proletariado (novas clases xurídicas ca nova organización social). A nobreza tiña privilexios herdados e o clero tiña privilexios adquiridos, mentres que os elementos privilexiados do Antigo Réxime, nobreza e clero, perden a súa influencia e poder.
A burguesía non era un grupo compacto, diferenciándose entre a alta ou gran burguesía (banqueiros e comerciantes) e baixa ou pequena (propietarios de pequenos negocios). Consecuencia da industrialización e das reformas agrarias xurdiu unha nova clase social: o proletariado. Dela formaban parte os traballadores e os xornaleiros do campo que, para poder vivir, vendían a súa forza de traballo a cambio dun salario.