A influencia de Platón na historia da filosofía
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,79 KB
Influencias posteriores de Platón na filosofía
Na Academia platónica estudou Aristóteles, o seu discípulo máis importante, que coincidía con Platón en que a esencia dunha cousa existe, pois fai que sexa iso e non outra cousa; pero para Aristóteles é inaceptable que as ideas estean nun mundo separado, que teñan unha existencia separada dos seres. Opina, en cambio, que as esencias están dentro dos seres sensibles. Tamén en Aristóteles atopamos a importancia do coñecemento para a moral e a política, clara influencia platónica.
Posteriormente, Plotino, fundador da corrente neoplatónica, recollerá de Platón a escisión do ser en dúas esferas: a sensible e a suprasensible. Herdará unha visión mística do platonismo e defenderá que na xerarquía ontolóxica platónica, no máis alto, está Deus, por riba e máis alá do ser, polo que non pode serlle aplicado ningún predicado. Outra doutrina neoplatónica será o emanantismo, segundo o cal todo o universo emana desde o Un (Deus) pasando polo Nous, o Demiurgo, anxos, arcanxos, etc. Esta postura, xunto co dualismo antropolóxico, tamén será defendida por Santo Agostiño.
Santo Agostiño, ademais, revela a influencia platónica ao mostrarse partidario dun exemplarismo que considera a creación do mundo sensible a partir das ideas eternas que existen na mente do Creador. Concibe o mal non como unha realidade positiva, senón como privación ou afastamento do ben, do mesmo xeito que Platón identificaba a virtude co coñecemento e a vileza ou maldade coa ignorancia (ausencia, falta ou privación de coñecemento).
O idealismo platónico influíu poderosamente no racionalismo de René Descartes. Descartes parte, como Platón, da desconfianza respecto dos contidos empíricos e fundamenta o coñecemento nas ideas innatas e non nas cousas percibidas. Tamén comparte co platonismo o dualismo antropolóxico e a supervivencia da alma despois da morte.
Máis recentemente, cómpre destacar a influencia platónica nas filosofías de Husserl e Scheler, xa que ambos admiten a existencia de entidades inmutables, eternas e universais, ademais da posibilidade do coñecemento, en canto ao absoluto, dos obxectos ideais.
Así mesmo, sinalouse a influencia platónica no Mundo 3 de Karl Popper, ao considerar que se trata dun mundo independente do mundo real pero que ten efectos sobre o mundo físico. O Mundo 1 refírese ao conxunto de feitos físicos, o Mundo 2 ao conxunto de estados mentais e no Mundo 3 están as verdades obxectivas e as leis.