Indispoñibilidade da lexítima e sucesión intestada en Galicia

Derecho17,31 KB

Lección 20. Indispoñibilidade da lexítima

T20.1. Indispoñibilidade da lexítima futura. Ha que advertir, a priori, que a lexítima é unha institución de dereito necesario, polo tanto as disposicións legais que a regulan son normas imperativas de ius cogens. De xeito que prevalecen sempre fronte á vontade do causante. A defensa ou inviolabilidade da lexítima técnicamente denominase intanxibilidade da lexítima, e ten unha dobre proxección: 1. intanxibilidade cualitativa, que defende o chamado qual; 2. intanxibilidade cuantitativa, que defende a cantidade (quantum).

En canto á indispoñibilidade da lexítima, refírese o art. 816 do Código civil, que prohibe a renuncia á lexítima futura; esta renuncia será nula de pleno dereito. Polo tanto, non impedirá a reclamación polo lexitimario renunciante no momento da morte do causante. Advírtase que a prohibición de renuncia á lexítima futura afecta en exclusiva á renuncia previa ao nacemento deste dereito; polo tanto, é válida toda renuncia posterior.

2. Intanxibilidade cualitativa

A intanxibilidade cualitativa da lexítima entende o dereito irrenunciable dos lexitimarios a recibir a lexítima in natura, isto é, con bens hereditarios e libre de toda carga ou gravame. Isto é así porque se considera que a lexítima no ámbito do dereito civil común do Código civil é a pars bonorum (parte de bens). Así, dise que debe ser satisfeita cos mesmos bens hereditarios; non obstante, esta regra xeral admite supostos en que excepcionalmente se permite a satisfacción da lexítima en metálico extrahereditario. Serían casos de excepción á pars bonorum, entre os que cabe salientar o suposto da conmutación da lexítima do cónxuxe viúvo (cfr. arts. 839 e 840 do Código civil). Outro exemplo sería o pagamento en metálico da lexítima ou a chamada mellora en cousa determinada, á que se refire o art. 829 do Código civil.

Advírtase que no dereito civil de Galicia, en concreto na Lei 2/2006, do 14 de xuño, o art. 249 considera que a lexítima é a pars valoris (un valor da herdanza), así o citado artigo sinala que o lexitimario é considerado a todos os efectos como un acredor.

3. O pagamento en metálico

En canto ao pagamento en metálico, é a posibilidade introducida no Código civil pola Lei 11/1981 e está regulada polos arts. 841 a 847. Estes artigos permiten que o testador, o contador-partidor ou comisario, ou tamén o chamado contador-partidor dativo, poidan adxudicar todos os bens hereditarios ou parte deles a algún ou algúns fillos ou descendentes, ordenando que se pague en metálico a cota hereditaria aos demais lexitimarios.

4. Prohibición de gravames

O Código civil, segundo o art. 813.2, prohibe impoñer sobre a lexítima gravame, condición nin substitución de ningunha especie, salvo o disposto respecto do usufruto do cónxuxe viúvo. Hai que advertir que existe alguna excepción á parte do usufruto do cónxuxe viúvo a esta prohibición de gravames, e esta excepción leva o nome de cautela socini, tamén denominada gualdns ou cautela de opción compensatoria da lexítima, que exceptúa a prohibición de establecer gravames sobre a lexítima. Na práctica encóntrase sumamente xeneralizada a institución do usufruto universal a favor do cónxuxe viúvo mediante disposicións ou cláusulas testamentarias nas que, de forma expresa, o testador nomea herdeiro universal en usufruto ao seu viúvo ou viúva, precisando que si calquera dos seus fillos ou descendentes impugnasen tal institución deberán recibir unicamente o que en lexítima estricta lles corresponda.

O nome de cautela socini débese a Mario Socino, xurista italiano que a mediados do século XVI emitiu unha opinión favorable á validez da cautela. Este suposto da cautela socini pode subsumirse no apartado 3º do art. 820.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na sentenza do 5 de febreiro de 2001, sinala que se coloca aos fillos ante a alternativa de percibir en nuda propiedade a cota superior que en lexítima lles corresponde, pero coa carga que implica o usufruto universal, ou ben recibir exclusivamente a súa lexítima estricta ou corta, libre de usufruto. Advírtase que no dereito civil de Galicia non é necesario acudir a esta cautela, xa que a Lei 2/2006, do 14 de xuño, admite o usufruto voluntario sobre a totalidade da herdanza; así, o art. 228 desta lei dispón que os cónxuxes poderán pactar en escritura pública ou dispoñer en testamento a atribución unilateral ou recíproca do usufruto sobre a totalidade ou parte da herdanza.

Hai que advertir, por último, que o Código civil permite outra excepción á prohibición de gravames sobre a lexítima, que é a prevista no párrafo 3º do art. 808, que permite a posibilidade de gravar a lexítima mediante a imposición polo testador dunha substitución fideicomisaria que pode recaer sobre a lexítima estricta en caso de que existan descendentes incapacitados, sendo fiduciario o incapacitado e fideicomisarios os coherdeiros forzosos.

5. Intanxibilidade cuantitativa

O dereito de lexítima pode verse lesionado cando o causante realiza a favor de lexítimarios atribucións patrimoniais cuantitativamente insuficientes. Neste caso, o art. 815 permite que o lexitimario poida pedir un complemento da súa lexítima, tratándose da denominada acción de suplemento, que pode exercitarse contra o herdeiro ou herdeiros instituídos polo causante nunha cota superior á da que podía dispoñer. Así, a tenor do art. 815 do Código civil, o herdeiro forzoso a quen o testador lle deixara por calquera título (a título de herdanza, legado ou doazón) do que en lexítima lle corresponda poderá pedir o complemento da mesma aos herdeiros que recibiron máis do que lles correspondía.

Pero pode ocorrer que a acción de suplemento do art. 815 sexa insuficiente para cubrir a lexítima, por exemplo porque o causante realizou moitas atribucións gratuítas. En tal caso, estas disposicións gratuítas denomínanse técnicamente inoficiosas por lesionar a lexítima e, polo tanto, poden ser reducidas a iniciativa do lexitimario, tal e como establece o art. 819 apartado 3º.

Segundo o art. 820 do Código civil, en primeiro lugar redúcense os legados (a prorrata), e se a redución dos legados fose insuficiente, redúcense as doazóns comezando polas de data máis recente, como sinala o art. 856, e a prorrata entre as doazóns de igual data.

8. Preterición

A preterición prodúcese polo feito de non mencionar a un lexitimario no testamento. E para que exista preterición basta que o herdeiro forzoso exista como nacido ou concibido ao morrer o causante, aínda que non existise ao tempo de outorgar o testamento. Por preterición debe entenderse a omisión do lexitimario no testamento, omisión que non se produce, segundo a maioría da doutrina, cando un herdeiro forzoso xa recibiu anticipadamente a lexítima, por exemplo por vía de doazóns imputables á lexítima.

Os efectos da preterición varían segundo se trate de preterición intencional, non intencional ou errónea.

A preterición é intencional cando é querida polo causante, por exemplo movido polo odio ou tamén polo seu desexo de non publicar unha relación de paternidade extramatrimonial.

A preterición non intencional ou errónea é cando o lexitimario é omitido porque non existía no momento de outorgar o testamento, pero si existe no momento da apertura da sucesión, no momento da morte do testador, quen descoñecía o outorgamento dun novo testamento.

Os efectos da preterición intencional, conforme ao párrafo 1º do art. 814, reducirán sucesivamente a institución de herdeiro, os legados e as mellores ata completar o dereito do preterido, que, se é fillo ou descendente, limítase, segundo opinión maioritaria, á lexítima estricta. Non obstante, Picazo opina que a lexítima a protexer é a corta ou estricta, cando o testador destinou o outro terzo de mellora a favor doutros fillos, pero si o causante non utilizou o terzo de mellora non hai ningunha base legal para entender que o dereito do preterido ou omitido se reduza á lexítima estricta.

Os efectos da preterición non intencional ou errónea, hai que distinguir, como fai o art. 814 do Código civil, entre: 1. se resultan preteridos todos os lexitimarios; 2. se resultan preteridos só algún ou algúns dos lexitimarios.

Así, se resultan preteridos todos, anúlase todo o testamento salvo as disposicións de carácter non patrimonial e ábrese a sucesión intestada. O testamento, nese caso, é papel mollado, abríndose en consecuencia a sucesión intestada (ou legal), que implica que toda a herdanza pasará ao fillo ou ao conxunto de descendentes preteridos. Un exemplo desta preterición total é a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo do 25 de setembro de 2003, que cualificou o feito de autos de preterición errónea, ou non intencional. O suposto de feito era o seguinte: un señor, sen modificar o testamento que outorgara en 1980, crendo que ao adoptar ao seu fillo en 1983 xa tiña por iso dereito á herdanza. O suposto cualificouse de preterición errónea e procedeuse á apertura da sucesión intestada.

No caso de que resulte preterido algún ou algúns dos lexitimarios, os efectos desta preterición non intencional ou errónea, segundo o art. 814 do Código civil, aplícanse os efectos previstos xa para a preterición intencional.

Hai que advertir da importancia, en materia de preterición, do art. 814 apartado 3º, cando sinala que os descendentes doutro descendente non preterido representan a este na herdanza do ascendente e non se consideran preteridos. Dende a promulgación do Código civil e ata o ano 1981, a regulación da preterición suscitaba importantes problemas nos supostos nos que, sendo instituído no testamento un fillo lexitimario, este premorría ao testador deixando fillos, que a súa vez netos do testador, producíndose a preterición non intencional que determinaba a nulidade total do testamento. Hoxe en día, despois da reforma do Código civil, soluciona o problema o apartado 3º do art. 814. Este xa está pensado para o suposto de que o causante institúa sucesor a un descendente lexitimario seu, por exemplo a un fillo que morre antes ca el. Entón, se a disposición a favor do premorto non serve a favor dos seus fillos, como representantes producirían unha preterición.

9. Desheredación

A desheredación inxusta ten lugar cando un lexitimario é excluído expresamente da herdanza polo causante sen que exista causa que xustifique a súa exclusión. Albaladejo sinala como requisitos da desheredación: que se faga en testamento; expresando a causa pola que se deshereda; que se trate dalgunha das causas expresamente previstas pola lei, neste caso polo Código civil; que, si o desheredado nega a certeza da causa, a proben os herdeiros; e que non obrase mediado reconciliación entre ofensor e ofendido.

A tenor do art. 848 do Código civil, a desheredación só poderá ter lugar por algunha das causas expresamente establecidas pola lei (Código civil). Trátase das causas previstas polos arts. 852 a 855 do Código civil, que se refiren todas a comportamentos reprobables (abandono, agresión á vida ou honra, negación de alimentos, inxurias, etc.) do lexitimario, en relación coa persoa do causante ou dos parentes máis próximos do causante.

Para que sexa válida a desheredación debe facerse en testamento e corresponde a proba da certeza da causa de desheredación aos herdeiros do testador cando o desheredado a negue. Advírtase que a desheredación ha de ser total, non sendo admisible a desheredación parcial.

En canto aos efectos da desheredación, de cumprirse os requisitos legais, considérase que o lexitimario foi xustamente desheredado, no caso de que quede excluído da sucesión, pero se teñe fillos ou descendentes estes representan ao desheredado. Neste sentido, o art. 857 do Código civil dispón que os fillos e descendentes do desheredado (xustamente desheredado) ocupan o seu lugar e conservan o seu dereito de herdeiros forzosos respecto da lexítima.

Coa mesma ratio legis, o art. 238 da Lei de dereito civil de Galicia considera que son lexitimarios os fillos e descendentes dos xustamente desheredados.

Si a desheredación non reúne os requisitos legais, perde a súa validez, sendo técnicamente inxusta, e os lexitimarios percibirán o que en lexítima lles corresponda. Advírtase que a desheredación queda sen efecto pola reconciliación entre ofensor e ofendido.

Lección 21. Sucesión intestada ou ab intestato

Advírtase que o art. 609 do Código civil considera a sucesión intestada como un modo de adquirir o dominio. Ademais, o art. 658 do Código civil entre os modos de deferir a herdanza cita expresamente a disposición da lei. Advírtase ademais que é posible, tal e como establece o párrafo 3º, que a sucesión poida deferirse en parte por vontade do home e en parte por disposición da lei.

Na Lei de dereito civil de Galicia, o art. 181 tamén permite que a sucesión se defira en todo ou en parte por testamento, por pacto e por disposición da lei.

A sucesión intestada no dereito civil de Galicia regúlase nos arts. 267 a 269 e caracterízase por unha remisión ao Código civil e pola posibilidade de suceder que ten a Comunidade Autónoma Galega, que é a chamada pola lei en último lugar. Ademais, en virtude da disposición adicional 3ª da Lei de dereito civil de Galicia, é posible que a parella de feito que reúna os requisitos da devandita disposición sexa herdeira ab intestato no mesmo lugar que o cónxuxe viúvo.

O Código civil determina en que casos procede a apertura da sucesión intestada no art. 912. Hai que advertir que non é unha enumeración exhaustiva senón exemplificativa.

Segundo o art. 913, á falta de herdeiros testamentarios, a lei defire a herdanza aos parentes do defunto, ao viúvo ou viúva e ao Estado. En primeiro lugar, a lei chama a liña recta descendente; á falta de fillos ou descendentes, chama, en segundo lugar, a liña recta ascendente. E, por último, chama ao cónxuxe viúvo e aos colaterais.

O art. 944 sinala que, en defecto de descendentes e ascendentes, e antes que os colaterais, sucederán en todos os bens do defunto o cónxuxe sobrevivinte, salvo como di o art. 945, que estivese separado xudicialmente ou separado de feito.

Segundo o art. 954 do Código civil, non habendo cónxuxe superstite, nin irmáns, nin fillos de irmáns, sucederán na herdanza do defunto os demais parentes do mesmo en liña colateral ata o 4º grao, máis aló do cal non ten lugar o dereito a suceder ab intestato. Na sucesión intestada sénlles chamados antes os tíos que os sobriños, con fundamento no art. 954 do Código civil, e tamén no art. 946 cando sinala que os irmáns e os fillos de irmáns sucederán con preferencia aos demais colaterais.

En canto ao modo, hai que advertir das vías para a declaración de herdeiros ab intestato: xudicial ou notarial. Cando se chama na intestada ao cónxuxe, aos descendentes ou ascendentes, rexistrase acta de notoriedade. Cando se trata de colaterais, do Estado ou das Comunidades Autónomas, a declaración faise por vía xudicial, así o art. 14.1º da Lei hipotecaria sinala que o título da sucesión hereditaria é, aos efectos do rexistro da propiedade: o testamento, o contrato sucesorio, a declaración xudicial de herdeiros ab intestato ou a acta de notoriedade.

O viúvo na sucesión intestada herda sempre, unhas veces en propiedade á falta de descendentes ou ascendentes e non estando separado xudicialmente ou de feito (arts. 944 e 945 do Código civil), outras veces herda en usufruto, xa que o viúvo segue sendo lexitimario: se concorre con descendentes ten dereito ao usufruto dun terzo, e se concorre con ascendentes ten dereito ao usufruto da metade da herdanza.

Pactos sucesorios: o art. 1271 prohibe os pactos sucesorios. Nas comunidades autónomas si existe esa posibilidade. A característica máis relevante é a súa irrevogabilidade. En Galicia hai o pacto de mellora e o pacto de apartación. O pacto de mellora realízase a favor de descendentes. Hai un pacto especial de mellora que é o pacto de labrar e posuír, que significa que o ascendente que quera conservar indivisa a explotación agrícola, industrial ou un lugar con casa pode pactar con calquera dos seus descendentes a súa adxudicación íntegra. O adxudicatario poderá compensar en metálico aos demais herdeiros. O pacto de apartación, polo que a persoa que ten a condición de lexitimario queda excluída xa si e os seus descendentes da condición de herdeiro forzoso, na herdanza do apartante a cambio de bens concretos que lles sexan adxudicados.

Usufruto voluntario do cónxuxe viúvo: previsto na Lei galega, pode ser usufruto universal de toda a herdanza. Así, establece que os cónxuxes poderán pactar en escritura pública ou dispoñer en testamento a atribución unilateral ou recíproca do usufruto sobre a totalidade ou parte da herdanza.

Descargar

PDF Word HTML