Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia: principios, orzamentos e execución
Resumen
O texto recolle o Texto Refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia, que regula a Facenda pública autonómica, os principios de eficacia e eficiencia e as competencias da Xunta, da Consellería de Economía e Facenda e dos organismos autónomos. Tamén describe a elaboración, contido e prórroga dos orzamentos xerais, as modificacións de crédito e as fases do gasto e do ingreso.
Puntos clave
- A Facenda pública de Galicia comprende o conxunto de dereitos e obrigas de contido económico e financeiro titularidade da Comunidade Autónoma.
- A distribución e xestión dos recursos públicos deben atender a criterios de eficacia e eficiencia, e a prestación de servizos guiarse por equidade, solidariedade e equilibrio territorial.
- O exercicio orzamentario coincide co ano natural, e os orzamentos xerais deben presentarse de modo que os gastos non superen os recursos previstos.
- Os anteproxectos remítense á Consellería de Economía e Facenda antes do 1 de xullo, e o proxecto de lei de orzamentos ao Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro.
- Se o Parlamento non aprova a lei de orzamentos antes do primeiro día do exercicio, os orzamentos do exercicio anterior prorrógannse automaticamente.
- Os créditos de gasto son limitativos e vinculantes ao nivel de concepto, e os compromisos plurianuais non poden estenderse a máis de catro exercicios.
Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia
TÍTULO PRELIMINAR. PRINCIPIOS XERAIS
Artigo 1. Concepto.
1. A Facenda pública de Galicia está constituída polo conxunto de dereitos e obrigas de contido económico e financeiro dos que a súa titularidade lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Constitúen materias propias da Facenda pública de Galicia, con independencia da normativa que as regule, as seguintes:
- a) O procedemento orzamentario nas súas distintas fases de elaboración, xestión e liquidación.
- b) O sistema de contabilidade a que debe someterse a actuación económica dos órganos competentes do sector público galego.
- c) O réxime do seu patrimonio.
- d) A contratación en réxime de dereito administrativo.
- e) A regulación dos seus ingresos de dereito público e privado.
- f) As normas de asignación e xestión dos recursos públicos e o control de eficacia e eficiencia no seu emprego.
- g) O endebedamento e a concesión de avais e outras garantías.
- h) A organización e regulación da Tesourería.
- i) Os procedementos xerais de funcionamento dos órganos responsables da Facenda pública galega.
- j) As prerrogativas da Facenda pública galega e as responsabilidades derivadas da actuación dos seus órganos e do persoal ó seu servicio.
- k) Calquera outra que tivese relación co contido da Facenda pública galega.
Artigo 2. Criterios e fins.
1. A distribución e xestión dos recursos públicos realizarase tendo en conta criterios de eficacia e eficiencia.
2. A acción do Goberno para a prestación de servizos públicos e a dotación de infraestruturas públicas básicas e sociais da Comunidade farase conforme os principios de equidade, solidariedade e equilibrio territorial.
Artigo 3. Normativa reguladora.
1. Constitúe o obxecto desta lei a regulación da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do que se dispoña noutras leis especiais.
2. A actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase:
- a) Por esta lei e polas demais leis especiais e normas concordantes que sobre a materia dite o Parlamento de Galicia.
- b) Polas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- c) Polas normas regulamentarias que se dicten no desenvolvemento desta lei.
3. Terán carácter supletorio as demais normas do ordenamento xurídico administrativo e, no seu defecto, o dereito privado respectando a prelación de normas do dereito civil galego.
4. As leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán conter normas relacionadas coa súa actividade económico-financeira con vixencia permanente ou con vixencia temporal superior ó período anual ó que estas correspondan.
Cando nas ditas normas legais concorra algunha destas circunstancias deberá terse en conta o seguinte:
- a) De tratarse de normas de vixencia permanente, establecerase así de forma expresa, incluíndo, se é o caso, a táboa de derrogacións motivada pola entrada en vigor da nova norma legal.
- b) De tratarse de normas de vixencia temporal, definirase con precisión o seu prazo de vixencia e as normas de ordenamento xurídico que quedan afectadas, así como os efectos sobre estas á entrada en vigor da nova normativa ó longo do prazo no que esta sexa aplicable.
Artigo 4. Principios orzamentarios e control.
1. A actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia estará sometida ó réxime de orzamento anual e ós principios de control interno, de contabilidade e de unidade de caixa que se determinan nesta lei.
2. Tódalas actividades que dean lugar ó recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico ou ó manexo de fondos públicos deberán estar controladas ou intervidas conforme as normas desta lei e sometidas ó réxime de rendemento de contas ó Consello de Contas e ó Tribunal de Contas, de acordo coas disposicións que os regulan.
3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma será o órgano encargado da execución das funcións de control interno e de contabilidade reguladas nesta lei.
A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos procedementos legais establecidos, poderá esixirlle-las indemnizacións económicas que sexan procedentes ós responsables da custodia e do manexo dos fondos públicos polos prexuízos que puidesen ocasionar, con independencia das demais responsabilidades de carácter civil, penal ou disciplinario en que puidesen incorrer.
Artigo 5. Reserva legal.
Regularanse por lei do Parlamento de Galicia as seguintes materias:
- a) Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e a concesión de créditos extraordinarios e suplementos de créditos da Xunta de Galicia e dos organismos autónomos nos termos recollidos nesta lei.
- b) O establecemento, a modificación ou a supresión dos seus propios tributos e das exencións e bonificacións que os afecten.
- c) O establecemento, a modificación e a supresión das recargas sobre os impostos do Estado.
- d) A emisión e o réxime da débeda pública e demais operacións de crédito.
- e) O réxime de patrimonio da Comunidade Autónoma.
- f) A creación e supresión dos organismos autónomos nos termos que se prevén nesta lei.
- g) Os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas previstos no artigo 35 do Estatuto de autonomía.
- h) O réxime e a concesión de avais e outras garantías pola Comunidade Autónoma.
- i) A coordinación orzamentaria das deputacións provinciais de Galicia, en concordancia coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
- j) As demais materias relativas á Facenda pública galega que, segundo as leis, se deban regular con este rango.
Artigo 6. Competencia do Consello da Xunta.
Será competencia do Consello da Xunta no marco das materias reguladas nesta lei:
- a) A determinación das directrices básicas de política económica e financeira, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia.
- b) A elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- c) A autorización dos gastos que segundo as leis requiran a súa aprobación.
- d) A aprobación dos regulamentos para a súa aplicación.
- e) Calquera outra que precise coñecemento ou aprobación da Xunta e a competencia da cal non lle estea reservada ó Parlamento de Galicia.
Artigo 7. Competencia da Consellería de Economía e Facenda.
Será competencia da Consellería de Economía e Facenda:
- a) A administración, xestión e recadación dos dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma.
- b) A ordenación de pagamentos nos termos establecidos na presente lei.
- c) A elaboración do anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- d) O control de eficacia e eficiencia respecto dos obxectivos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade.
- e) O exercicio directo das demais funcións de control interno reguladas nesta lei e a dirección e execución da contabilidade pública.
- f) A execución ou dirección da política económica e financeira aprobada pola Xunta, na forma que esta determine.
- g) O desenvolvemento das actividades inherentes ó exercicio da tutela financeira sobre os entes locais, que ten atribuída a Comunidade no artigo 49 do Estatuto de autonomía.
- h) As funcións executivas en materia de ordenamento e control das institucións de crédito corporativo público e territorial e das caixas de aforro que operen no seu territorio, nos termos previstos no artigo 30 do Estatuto de autonomía.
- i) As demais funcións e competencias que lle asigne a normativa legal vixente.
Artigo 8. Competencia das consellerías.
Será competencia das consellerías:
- a) A elaboración do seu anteproxecto de orzamento.
- b) A administración e xestión dos créditos para gastos incluídos nos orzamentos e que estean adscritos a elas.
- c) A autorización dos gastos propios da consellería, agás que aquela estea reservada ó Consello da Xunta.
- d) A proposta do pagamento de obrigas á Consellería de Economía e Facenda.
- e) As demais que lles confira a normativa legal vixente.
Artigo 9. Competencia dos organismos autónomos.
1. Son funcións dos organismos autónomos da Comunidade Autónoma no ámbito das súas respectivas competencias:
- a) A elaboración do seu anteproxecto de orzamentos de gastos e ingresos.
- b) A administración, xestión e recadación dos seus propios dereitos económicos.
- c) A autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación dos seus pagamentos.
- d) As demais que lles atribúan as normas legais vixentes.
2. O previsto no número 1 anterior enténdese sen prexuízo do que puidese establecerse no uso do disposto no artigo 11.2.
Artigo 10. Prerrogativas.
Á Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias ás que se refire a esta lei, corresponderanlle en todo momento as mesmas prerrogativas e idéntico trato fiscal que a lei teña establecidos para o Estado.
Artigo 11. Organismos autónomos
Artigo 12. Sociedades públicas autonómicas
Artigo 13. Convenios, acordos e transferencias.
1. Nos convenios con outras comunidades autónomas para a xestión e prestación de servizos da súa exclusiva competencia, e nos acordos de cooperación que se subscriban a teor do disposto nos números 1 e 2 do artigo 35º do Estatuto de autonomía, deberán establecerse as cláusulas precisas para asegurar en todo momento a aplicación desta lei no caso de que se proceda a comprometer recursos da Facenda pública galega para o seu desenvolvemento.
2. Nos casos en que, conforme o disposto no artigo 36º do Estatuto de autonomía, se lle transfiran ou deleguen á Comunidade Autónoma facultades e competencias non asumidas nel, que pola súa natureza dean orixe ó manexo e á distribución dos fondos públicos, seranlle aplicables á xestión financeira dos ditos fondos os preceptos desta lei, sen prexuízo das formas de control que reserve o Estado para si.
TÍTULO III. DOS ORZAMENTOS XERAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA
CAPÍTULO I. Contido e aprobación
Artigo 46. Concepto.
1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma constitúen a expresión cifrada, conxunta e sistemática:
- a) Das obrigas que, como máximo, se poderán recoñecer e os dereitos que se prevexan liquidar por parte da Comunidade e dos seus organismos autónomos durante o exercicio orzamentario.
- b) Dos obxectivos que se pretendan conseguir coa utilización dos recursos financeiros consignados neles.
- c) Das estimacións dos fluxos financeiros das sociedades públicas.
- d) Da totalidade dos gastos e ingresos dos demais entes públicos.
- e) Dos beneficios fiscais estimados.
2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma enmarcaranse nun escenario plurianual que conteña as liñas básicas da actuación a medio prazo do sector público galego.
3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma presentaranse e aprobaranse de forma que os estados de gastos non superen os recursos totais previstos nos respectivos estados de ingresos.
4. Logo da autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse como operacións extra orzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das sociedades públicas autonómicas de carácter non mercantil se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión.
En todo caso, terán a consideración de operacións extra orzamentarias aquelas xeradas nos procedementos de liquidación dos patrimonios deferidos a favor da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia de procesos de sucesión legal intestada. Logo de acadar firmeza a resolución de liquidación, procederase a imputar ao orzamento os dereitos e as obrigas que lle correspondan á Comunidade Autónoma.
Artigo 47. O exercicio orzamentario.
O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle:
- a) Os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período ó que correspondan.
- b) As obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servicios ou outro tipo de gastos realizados con cargo ós créditos respectivos dentro do correspondente ano natural, sen prexuízo do disposto no punto 2 do artigo 60º.
Artigo 48. Contido.
1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma estarán integrados:
- a) Polo orzamento da Comunidade.
- b) Polos orzamentos dos organismos autónomos.
- c) Polos orzamentos das axencias públicas autonómicas.
- d) Polos orzamentos de explotación e de capital das sociedades mercantís do artigo 12 desta Lei e daquelas nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.
- e) Polos orzamentos dos entes públicos aos que fai referencia o artigo 12 desta Lei.
- f) Polos orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.
- g) Polos orzamentos dos consorcios nos que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.
- h) En todo caso, polos orzamentos das demais entidades que estean clasificadas como administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas normas do Sistema Europeo de Contas, salvo as universidades públicas.
2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma conterán:
- a) Os estados de gastos, nos que se especificarán na forma establecida os créditos necesarios para darlles cumprimento ás obrigas.
- b) Os estados de ingresos, nos que se detallarán as estimacións dos dereitos económicos que se liquidarán durante o exercicio orzamentario.
- c) Os estados financeiros dos organismos autónomos comerciais, industriais ou financeiros aos que fai referencia o artigo 11 desta Lei.
- d) Os estados financeiros das sociedades públicas autonómicas, entes de dereito público e demais entidades con personalidade xurídica propia que formen parte do sector administracións públicas, segundo o Sistema Europeo de Contas.
Artigo 49. Estructura.
Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustaranse, en canto á súa estructura, ás seguintes regras:
Primeira.
- a) Os estados de gastos confeccionaranse aplicando unha clasificación funcional por programas. Así mesmo, as clasificacións orgánica e económica informarán, respectivamente, sobre o axente que realiza o gasto e a súa natureza.
- b) Para cada programa de gasto estableceranse os obxectivos que se pretenden conseguir cos recursos que se lle asignen, así como sempre que sexa posible os indicadores de seguimento que se consideren adecuados para analiza-lo grao de consecución dos destes.
- c) Presentaranse con separación os gastos correntes e os gastos de capital, e a súa clasificación económica rexerá polos seguintes criterios:
- 1. Nos créditos para gastos correntes distinguiranse os de funcionamento dos servicios, os gastos financeiros e as transferencias correntes.
- 2. Nos créditos para gastos de capital distinguiranse os de investimentos reais, as transferencias de capital e as variacións de activos e pasivos financeiros.
Segunda.
Os estados de ingresos presentarán unha clasificación económica distinguindo os correspondentes a operacións correntes e a operacións de capital.
Artigo 50. Competencias das consellerías.
1. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda determinar con carácter xeral as estructuras básicas dos orzamentos e os demais estados financeiros correspondentes á Comunidade, ós seus organismos autónomos e ós demais entes e sociedades públicas.
2. As distintas consellerías adoptarán as ditas estructuras básicas e desenvolveranas en función das súas propias necesidades de xestión e das dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas a elas adscritas.
3. Os obxectivos e indicadores de seguimento aos que fai referencia o artigo 49º. Primeira.b) estableceranos as consellerías, os organismos autónomos e demais entes públicos, de acordo coa Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 51. Elaboración dos orzamentos xerais.
O procedemento para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustarase ás seguintes normas:
1. Os órganos estatutarios da Comunidade Autónoma e as consellerías remitiranlle á de Economía e Facenda antes do 1 de xullo os seus respectivos estados de gastos debidamente documentados e axustados ás normas que lles sexan aplicables e ás directrices establecidas pola Xunta.
2. Dentro do mesmo prazo e coas mesmas formalidades indicadas no punto anterior, cada unha das consellerías remitirá:
- a) Os anteproxectos de orzamentos de gastos e ingresos dos organismos autónomos que teñan adscritos, formando un só orzamento para cada organismo, incluíndo nos que teñan carácter comercial, industrial ou financeiro os estados financeiros a que fai referencia o artigo 82º da presente lei.
- b) Os anteproxectos de orzamentos de ingresos e gastos dos entes públicos aos que fai referencia o artigo 12º desta lei que lle estean adscritos.
- c) Os anteproxectos de orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas que teñan adscritas.
3. O anteproxecto de orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma no que se recolla a estimación dos recursos derivados das súas fontes xerais de financiamento elaborarao a Consellería de Economía e Facenda.
4. Tendo en conta os estados de ingresos e gastos mencionados e o marco macroeconómico no que se conteña a previsible actividade económica do exercicio orzamentario seguinte, a Consellería de Economía e Facenda formulará o anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e someterao a acordo da Xunta.
5. Xunto co anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma remitiráselle ao Consello da Xunta a seguinte documentación:
- a) A conta consolidada dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- b) Unha memoria explicativa do seu contido e das principais diferencias existentes neles en relación co orzamento en vigor.
- c) A liquidación dos orzamentos do ano anterior e un avance dos do exercicio corrente.
- d) Un informe económico e financeiro.
- e) Un anexo de investimentos reais, que conterá a valoración dos proxectos de investimento público que se van realizar e a súa distribución territorial. No caso de investimentos plurianuais, indicarase o investimento de cada ano.
- f) Un anexo de transferencias.
- g) Un anexo de persoal.
Artigo 52. Remisión ao Parlamento.
O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, xunto coa documentación establecida no número 5 do artigo anterior, remitiráselle ao Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro, para os efectos do artigo 53º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Artigo 53. Orzamentos das deputacións provinciais.
A Xunta remitiralle igualmente ao Parlamento de Galicia os orzamentos das deputacións provinciais, para os efectos previstos na disposición adicional terceira do Estatuto de autonomía e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Artigo 54. Prórroga dos orzamentos xerais.
Se a lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico no que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.
1. A Consellería de Economía e Facenda poderá elaborar, se é o caso, os correspondentes estados de gastos nos que se detallarán os importes dos créditos prorrogados. Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado as operacións seguintes:
- a) Excluiranse aqueles gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ao finaliza-lo exercicio os orzamentos do cal se prorrogan, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.
- b) Nos indicados estados de gastos incluiranse aqueles créditos que correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado na alínea a) anterior.
- c) O conselleiro de Economía e Facenda determinará que modificacións orzamentarias das realizadas durante o exercicio os orzamentos do cal se prorrogan se consolidarán nos estados de gastos a que fai referencia a alínea a).
2. Durante o período de prórroga seralles aplicable aos estados de gastos resultantes do disposto no número anterior o contido no capítulo II deste título III.
3. Unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade procederase a imputarlles a estes as operacións realizadas durante o período de prórroga, de acordo coas instrucións que para o efecto dite a Consellería de Economía e Facenda.
No caso de non existir nos orzamentos aprobados créditos aos que lles imputar expedientes de gasto tramitados durante o período de prórroga, a consellería ou o organismo autónomo afectado propoñeralle á Consellería de Economía e Facenda aqueles créditos do orzamento aprobado co cargo aos cales deberá efectuarse a imputación.
4. A Consellería de Economía e Facenda confeccionará así mesmo os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que poidan derivarse ben da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado ou de calquera outro dato válido para sustenta-las ditas previsións, sempre que non supoña a introdución de ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio do cal se prorroga o orzamento.
5. O texto da Lei de orzamentos correspondente aos que se prorrogan tamén se prorrogará nos seus propios termos, excepto aquelas disposicións que polas súas propias características só puidesen ter exclusiva vixencia durante o respectivo ano natural.
Artigo 55. Dereitos e obrigas recoñecidas.
1. Os dereitos liquidados e as obrigas recoñecidas aplicaranse aos orzamentos polo seu importe íntegro, quedando prohibido atender obrigas mediante minoración dos dereitos que se van liquidar ou xa ingresados, a non ser por autorización expresa dunha lei.
2. Exceptúanse do disposto no punto anterior as devolucións de ingresos que se declaren indebidos por tribunal ou autoridade competentes e o reembolso do custo das garantías achegadas polos contribuíntes para obter a suspensión cautelar do pagamento de débedas tributarias impugnadas, en canto estas sexan declaradas improcedentes e a dita declaración adquira firmeza.
3. Para os efectos deste artigo entenderase por importe íntegro o que resulte despois de aplica-los beneficios fiscais que sexan procedentes, os que deberán ser obxecto de contabilización independente. O importe dos beneficios fiscais que afecten aos tributos propios da Comunidade Autónoma incluiranse na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
Artigo 55 bis. Fondo de Continxencia de Execución Orzamentaria.
1. Nas seccións 50.01 e 23 do orzamento da Xunta de Galicia recollerase un fondo para atender as necesidades que poidan xurdir no exercicio corrente e sexan inaprazables, de carácter non discrecional e que non tivesen en todo ou en parte a axeitada dotación orzamentaria.
2. Este fondo dotarase por importe conxunto do 2 % do total dos recursos propios para operacións non financeiras, e será dedicado unicamente a financiar, cando proceda, as seguintes modificacións:
- a) As ampliacións de crédito reguladas no artigo 64 e mais no correspondente da Lei de orzamentos de cada exercicio.
- b) Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito que se instrumenten mediante norma de rango legal, de conformidade co previsto no artigo 62.
- c) As incorporacións de crédito recollidas no artigo 71, agás as que se financien con fondos que deban ingresarse durante o exercicio corrente.
Non poderá aplicarse en ningún caso o fondo para financiar modificacións que teñan por fin dar cobertura a gastos ou actuacións que deriven de decisións discrecionais da Administración e carezan de cobertura orzamentaria.
3. No expediente de aplicación do fondo a sección solicitante deberá acreditar que non conta con dispoñibilidade no seu orzamento para financiar a necesidade sobrevida.
4. A aplicación do Fondo de Continxencia aprobarase, por proposta do conselleiro de Facenda, mediante acordo do Consello da Xunta previamente á autorización das respectivas modificacións de crédito.
5. A Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, a través do conselleiro de Facenda, un informe trimestral acerca do emprego do fondo regulado neste artigo.
CAPÍTULO II. Dos créditos e das súas modificacións
Artigo 56. Autorización de créditos.
1. Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ás finalidades específicas para as que foron autorizados pola lei de orzamentos ou polas modificacións aprobadas conforme esta lei.
2. Os créditos autorizados nos programas de gastos teñen carácter limitativo e vinculante no nivel de concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal, excepto os que se refiren a incentivos ao rendemento, e os gastos en bens correntes e servizos terán carácter vinculante no nivel de artigo.
3. No orzamento correspondente aos servizos transferidos do Insalud a vinculación anterior entenderase referida aos seus grupos de programas, atendidos o alcance e grao de pormenor da súa estructura na citada clasificación, en tanto en canto a dita estructura difira da establecida con carácter xeral para a Comunidade Autónoma.
4. En todo caso terán carácter vinculante, co nivel de desagregación económica co que aparezan nos estados de gastos, os créditos destinados a atencións protocolarias e representativas e os declarados ampliables conforme o artigo 64º desta lei.
Artigo 57. Nulidade de obrigas.
1. Non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos figurados nos estados de gastos, sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais con rango inferior a lei que infrinxan a expresada norma, sen prexuízo das responsabilidades a que haxa lugar.
2. Exceptúanse do disposto no número 1 anterior aqueles compromisos de gastos que regulamentariamente se determinen, cando a imputación corresponda a créditos ampliables ou que se adquiran como consecuencia das necesidades propias do normal funcionamento dos servizos e o seu importe exacto sexa de difícil previsión por corresponder a obrigas de tracto sucesivo.
Artigo 58. Gastos plurianuais.
1. Poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a seguir se especifican:
- a) Investimentos e transferencias de capital.
- b) Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei, ou que se concedan a través de convocatorias ou do asinamento de convenios, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.
- c) Gastos en bens e servizos cuxa contratación baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos do sector público non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo que comprenda un só exercicio orzamentario.
- d) Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servizos da comunidade autónoma.
- e) Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.
- f) Activos financeiros.
- g) Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios.
2. A autorización ou realización dos gastos de carácter plurianual subordinarase aos créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
3. O número de exercicios aos que se poden aplicar os gastos incluídos nas letras a), b), c), f) e g) do número 1 non poderá ser superior a catro.
O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder o resultado de lle aplicar ao crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ao 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos aos que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.
O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá superar as porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos.
Nos contratos de obra de carácter plurianual, con excepción dos realizados baixo a modalidade de aboamento total do prezo, efectuarase unha retención adicional de crédito do 10 % do importe de adxudicación, no momento en que esta se realice. Esta retención aplicarase ao exercicio en que finalice o prazo fixado no contrato para a terminación da obra ou ao seguinte, segundo o momento en que se prevexa realizar o pagamento da certificación final. Estas retencións computarán dentro das porcentaxes establecidas neste artigo.
4. Tamén poderá ser diferido o pagamento do prezo de compra das adquisicións de bens inmobles cando o importe exceda de 350 millóns de pesetas, sen que en ningún caso o desembolso inicial no momento de asina-la da escritura poida ser inferior ao 30% do prezo, podendo distribuírse libremente o resto ata en catro anualidades sucesivas aos respectivos vencementos dentro das limitacións do punto anterior.
5. Con independencia do establecido nos números anteriores para os programas e proxectos de gastos de capital que se especifiquen nas leis de orzamentos, poderán adquirirse compromisos de gastos que teñan que estenderse a exercicios futuros ata o importe que para cada unha das anualidades se determine.
Para estes efectos, cando nos créditos orzamentarios se encontren incluídos proxectos das características sinaladas anteriormente, as porcentaxes a que se refire o número 3 deste artigo aplicaranse sobre os ditos créditos, unha vez deducida a anualidade correspondente a estes proxectos.
6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da correspondente consellería e logo dos informes que se xulguen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
Este procedemento será igualmente de aplicación no caso dos contratos de obras que se efectúen baixo a modalidade de aboamento total deles, segundo o previsto no artigo 99.2 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, ben se pacte o aboamento total do prezo dunha soa vez ou se fraccione en distintas anualidades, que non poderán ser superiores a dez desde a data fixada para a conclusión das obras.
7. Os compromisos de gastos de carácter plurianual a que fai referencia o presente artigo serán adecuadamente contabilizados de forma independente.
8. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda, poderá establecer unhas porcentaxes de límite de compromiso de gasto a exercicios futuros inferiores, logo da xustificación da súa necesidade, para garantir a senda de estabilidade orzamentaria comprometida no marco orzamentario plurianual.
Artigo 59. Anulación de créditos.
1. Os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean afectados ao cumprimento de obrigas recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, salvo as excepcións recollidas no artigo 71º da presente lei.
2. Malia o indicado no número anterior, a anulación de créditos que por disposición legal teñan o carácter de incorporables non impedirá a continuación da tramitación en forma provisional de expedientes de gastos con base nos mesmos, condicionados a que ao dictarse o acordo de autorización do compromiso de gasto exista crédito adecuado e suficiente.
En ningún caso esta tramitación provisional poderá xerar dereitos a favor de terceiros.
Artigo 60. Regulación de obrigas.
1. Con cargo aos créditos consignados nos estados de gastos só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, prestacións de servizos e demais gastos en xeral que fosen realizados no ano natural do correspondente exercicio orzamentario.
2. Sen embargo, aplicaranse aos créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:
- a) As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- b) As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores.
- c) As que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.
Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos aos que se lles deba imputar o pagamento destas obrigas.
Artigo 61. Normativa aplicable.
1. As modificacións dos créditos orzamentarios axustaranse ao disposto nesta lei e nas leis anuais de orzamentos.
2. Todo acordo de modificación orzamentaria deberá indicar expresamente, ademais da sección ou ente público á que se refira, o programa, servizo ou organismo autónomo, artigo, concepto e subconcepto, se é o caso, afectados por ela, incluso naqueles casos nos que o crédito se consigne ou sexa vinculante no nivel de artigo.
As limitacións establecidas no artigo 68º desta lei entenderanse referidas no nivel de concepto para aqueles casos nos que a vinculación establecida o sexa no nivel de artigo.
A correspondente proposta de modificación orzamentaria deberá expresar ineludiblemente a súa incidencia na consecución dos obxectivos previstos, así como as razóns que a xustifican.
Artigo 62. Créditos extraordinarios e suplementos.
1. Cando deba realizarse algún gasto con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista crédito nos estados de gastos, ou sexa insuficiente e non ampliable o consignado, o conselleiro de Economía e Facenda, logo de informe da dirección xeral competente en materia de orzamentos, someterá ao acordo da Xunta, para a súa remisión ao Parlamento, un proxecto de lei de concesión dun crédito extraordinario no primeiro caso ou dun suplemento de crédito no segundo, no que se especificarán necesariamente os recursos con que se financiará o gasto que por estas causas se xera, e o detalle do concepto orzamentario que se debe crear ou que é suplementado.
2. Malia o indicado no punto anterior, se a necesidade de crédito extraordinario ou de suplemento de crédito se produce nun organismo autónomo e estes non supoñen aumento nos créditos do orzamento da Comunidade Autónoma, observaranse as seguintes normas:
- a) A súa concesión será facultade do conselleiro de Economía e Facenda se o seu importe non excede do 5% do orzamento de gastos do organismo autónomo correspondente, e da Xunta de Galicia cando, superando a dita porcentaxe, non excede o 10% do citado orzamento de gastos. As ditas porcentaxes aplicaranse de forma conxunta e acumulada para ámbalas dúas clases de modificacións de crédito e ao longo do mesmo exercicio orzamentario.
- b) No expediente de modificación orzamentaria emitirá informe a consellería á que estea adscrito o organismo autónomo que o promova, xustificando debidamente a necesidade e urxencia do gasto e propoñendo os recursos con que se financiará o incremento que se propón.
- c) A Xunta de Galicia dará conta trimestralmente ao Parlamento de Galicia dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito concedidos ao abeiro do previsto na alínea a) deste número.
Artigo 63. Anticipos de Tesourería.
A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá excepcionalmente conceder anticipos de Tesourería para atender gastos inaprazables, ata un límite do 2% dos créditos autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade, nos seguintes casos:
- a) Cando, dentro da tramitación do expediente de crédito extraordinario ou suplemento de crédito, recaese acordo favorable da Xunta para remitirlle ao Parlamento o correspondente proxecto de lei.
- b) Cando se promulgue unha lei na que se establezan obrigas que para o seu cumprimento sexa precisa a concesión dun crédito extraordinario ou dun suplemento de crédito.
- c) Se o Parlamento de Galicia non aprobase o proxecto de lei de concesión de crédito extraordinario ou do suplemento de crédito, o importe do anticipo de Tesourería será cancelado mediante minoración nos créditos que ocasionen menor trastorno nos servizos públicos da respectiva consellería ou organismo autónomo.
Artigo 64. Créditos ampliables.
1. Malia o disposto nos artigos 56º e 57º desta lei, terán excepcionalmente a condición de créditos ampliables:
- a) Aqueles que se especifiquen de maneira singular na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e coas condicións que nela se determinen.
- b) Os que se destinen a cubri-los gastos dos servizos traspasados pola Administración do Estado, cando sexan ampliadas as transferencias nas respectivas materias e polo importe do custo efectivo de tódalas ampliacións, mentres este non se integre na base de cálculo para obter a porcentaxe da participación nos ingresos do Estado.
- c) As cotas de Seguridade Social e a prestación familiar, así como as achegas que, se é o caso, lle corresponda efectuar á Comunidade Autónoma ao réxime de previsión social dos seus funcionarios.
- d) Os que se destinen ao pagamento de xuros, amortizacións do principal e gastos derivados da débeda pública emitida pola Comunidade Autónoma ou a operacións de crédito concertadas por ela.
- e) Os créditos destinados á cobertura de necesidades de toda orde motivadas por sinistros, catástrofes ou outros de recoñecida urxencia, correspondentes a gastos en bens correntes e de servizos.
- f) Os destinados ao pagamento de produtos farmacéuticos procedentes de receitas médicas.
- g) Os créditos dos que a súa execución corresponda a unha consellería e que a súa contía se module pola achega doutras consellerías ou organismos autónomos, logo de retención do crédito correspondente nos estados de gasto afectados. A estes créditos non lles serán aplicables as limitacións a que se refire o artigo 68º desta lei.
2. O expediente de ampliación de créditos deberá establece-la fonte de financiamento da dita ampliación, distinguindo se este se financia con retencións noutros créditos, con maiores recursos que se vaian obter, con remanente de Tesourería, con endebedamento dentro dos límites autorizados ou con outras formas de financiamento que non entrañen déficit orzamentario.
Artigo 65. Competencias do Consello da Xunta.
1. Correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e por iniciativa das consellerías correspondentes:
- a) Autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos ou organismos autónomos dunha mesma consellería.
- b) Autorizar transferencias de créditos entre un ou varios programas incluídos na mesma función, correspondentes a servizos ou organismos autónomos de diferentes consellerías.
- c) Autorizar transferencias de crédito entre programas incluídos en distintas funcións, correspondentes a servizos ou organismos autónomos de diferentes consellerías, sempre que se trate de reorganizacións administrativas ou que se produzan como consecuencia da aplicación dos recursos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou do Fondo Social Europeo.
- d) Autorizar transferencias de créditos por proposta do conselleiro de Economía e Facenda das dotacións non utilizadas nos programas das distintas seccións do orzamento aos distintos conceptos do programa de imprevistos e funcións non clasificadas, habilitando os créditos que sexan necesarios para a súa posterior reasignación.
2. De cada modificación acordada en virtude do disposto neste artigo daráselle conta de modo singular, no prazo máximo de trinta días, á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, con remisión de copia do correspondente expediente.
Artigo 66. Facultades da Consellería de Economía e Facenda.
Correspóndenlle ao conselleiro de Economía e Facenda, ademais das competencias xenéricas atribuídas aos titulares das consellerías, as seguintes de carácter específico:
- a) Resolve-los expedientes de modificacións orzamentarias, nos supostos nos que estes estean atribuídos aos titulares das distintas consellerías e exista discrepancia na consellería respectiva co informe da Intervención Delegada.
- b) Autorizar transferencias de crédito entre un ou varios programas incluídos na mesma ou distinta función, dentro do mesmo grupo de funcións, correspondentes a servizos ou organismos autónomos dunha mesma consellería, coa creación de novos conceptos orzamentarios, se isto fose preciso.
- c) Autorizar transferencias de créditos desde o programa de imprevistos e funcións non clasificadas aos conceptos e artigos dos demais programas de gasto, calquera que sexa a función ou sección á que corresponda.
- d) Introducir, logo de informe da consellería correspondente, as variacións que sexan precisas nos orzamentos de servizos transferidos do Inserso e do Insalud, co obxecto de adaptalos aos resultantes da aprobación polas Cortes Xerais dos orzamentos xerais da Seguridade Social.
- e) Autoriza-las incorporacións de crédito previstas no artigo 71º desta lei.
- f) Autoriza-las xeracións de crédito previstas nos artigos 69º e 70º desta lei.
- g) Autoriza-las ampliacións de crédito cando estes teñan tal carácter por disposición de lei.
- h) Introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecua-los créditos afectados por transferencias finalistas procedentes dos orzamentos xerais da Administración do Estado e das comunidades europeas, e os demais recursos de igual carácter e procedencia. Esta autorización implicará o aumento ou a diminución das consignacións previstas, así como a incorporación ou creación dos correspondentes conceptos orzamentarios se así procede.
Artigo 67. Facultades dos conselleiros.
1. Os titulares das consellerías poderán autorizar, logo de informe da Intervención Delegada correspondente, as transferencias de créditos entre diferentes conceptos do capítulo II, dun mesmo programa, correspondentes a un mesmo ou diferente servizo ou organismo autónomo dependente da consellería, sempre que non afecten a créditos de atencións protocolarias ou representativas, nin supoñan desviación na consecución dos obxectivos previstos para o programa respectivo.
En tanto o capítulo II teña carácter limitativo e vinculante no nivel de artigo, esta autorización comporta a creación, se é o caso, de novos conceptos orzamentarios dos previstos na clasificación económica.
2. En caso de discrepancia co informe emitido pola intervención delegada sobre a modificación orzamentaria proposta, remitiráselle o expediente á Consellería de Economía e Facenda para os efectos previstos no artigo 66º a) da presente lei.
3. Os presidentes dos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma terán as mesmas competencias establecidas neste artigo en relación coas modificacións orzamentarias do seu respectivo orzamento, sen prexuízo do principio de autonomía orzamentaria do Parlamento de Galicia.
4. En todo caso, unha vez autorizadas as modificacións orzamentarias incluídas nos números 1 e 3, remitiráselle á dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Economía e Facenda, para instrumentar a súa execución.
Artigo 68. Limitacións.
1. As transferencias de crédito de calquera clase estarán suxeitas ás seguintes limitacións:
- a) Non afectarán aos créditos ampliables nin aos extraordinarios concedidos durante o exercicio.
- b) Non poderán minorarse os créditos incorporados como consecuencia de remanentes de exercicios anteriores nin os que fosen incrementados con suplementos ou transferencias, agás cando afecten a créditos de persoal.
- c) Non poderán incrementarse créditos que como consecuencia doutras transferencias fosen obxecto de minoración, agás cando afecten a créditos de persoal.
2. Respecto do orzamento dos servizos transferidos do Insalud as limitacións contidas nas alíneas b) e c) anteriores entenderanse referidas aos orzamentos totais da entidade xestora, aínda que estes se desenvolvan de modo descentralizado a través dos distintos centros de gastos.
3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ao programa de imprevistos e funcións non clasificadas ou realizadas ao amparo do artigo 60.2 desta lei, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servizos ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.
4. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado estarán suxeitos ás limitacións específicas que lles sexan aplicables; de non existir estas seralles aplicable o determinado no número 1 deste artigo.
Artigo 69. Xeración de crédito.
1. Poderán xerar crédito nos estados de gastos dos orzamentos os ingresos efectivos, os dereitos liquidados e os compromisos firmes de ingresos derivados das seguintes operacións:
- a) Achegas doutras administracións públicas ou de persoas físicas ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos encomendados á Comunidade Autónoma ou aos seus organismos autónomos.
- b) Alleamento de bens da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.
- c) Prestación de servizos.
- d) Reembolso dos préstamos destinados a atencións sociais e á promoción e ao fomento da actividade económica e cultural de Galicia.
- e) Créditos do exterior para financiar investimentos públicos.
2. As xeracións de crédito a que se fai referencia no número anterior unicamente poderán realizarse polo exceso de ingresos sobre as cifras inicialmente orzadas, e cando deriven de operacións incluídas na alínea c) destinaranse unicamente a cubrir gastos da mesma natureza que os que se orixinaron pola prestación do servizo.
3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ao que se refire o punto anterior entenderase referido ao orzamento de orixe.
Artigo 70. Reposición.
Os ingresos derivados do reintegro de pagamentos indebidos con cargo a créditos orzamentarios poderán repoñer estes últimos nas condicións que se establezan regulamentariamente.
Artigo 71. Incorporacións.
1. Malia o disposto no artigo 59º desta lei, poderán incorporarse aos estados de gastos do orzamento correspondente ao exercicio inmediato seguinte:
- a) Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito, así como as transferencias de crédito, que se concedesen ou autorizasen, respectivamente, no último mes do exercicio orzamentario e que, por causas xustificadas, non puidesen ser utilizados durante este.
- b) Os créditos que recollan compromisos de gastos anteriores ao último mes do exercicio orzamentario e que non puidesen executarse á fin do exercicio económico por causas xustificadas.
- c) Os créditos destinados a operacións de capital.
- d) Os créditos autorizados en función da efectiva recadación de dereitos afectados a estes.
- e) Os créditos xerados polas operacións enumeradas no artigo 69º desta lei.
2. Os remanentes incorporados segundo o previsto no número anterior unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio orzamentario no que a incorporación se acorde, á excepción dos que correspondan a créditos financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial ou por fondos ou subvencións finalistas procedentes da Unión Europea ou doutras administracións públicas, que poderán ser incorporados en canto persista o dereito á percepción do ingreso que os financia.
Nos supostos a) e b) do dito número a incorporación farase para os mesmos gastos que motivaron en cada caso a concesión, a autorización e o compromiso.
3. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado serán incorporables de acordo coa normativa que lles sexa aplicable en cada caso. De non existir esta, rexeranse polas normas desta lei.
4. O conselleiro de Economía e Facenda poderá acordar, con carácter xeral, a incorporación automática ao exercicio seguinte dos créditos a que se refire a alínea d) do número 1 anterior.
5. Das incorporacións a que se refiren os números 1 e 3 daráselle conta ao Parlamento.
CAPÍTULO III. Execución e liquidación
Artigo 72. Autorización de gasto.
1. Correspóndelles aos órganos estatutarios, agás o que establezan outras leis aplicables, aos conselleiros e demais órganos da Comunidade Autónoma que tivesen dotacións diferenciadas nos seus estados de gastos autoriza-los gastos referentes aos servizos ao seu cargo, excepto nos casos reservados polas leis á competencia da Xunta de Galicia, así como autoriza-los actos de disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, e propoñerlle ao conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.
2. Coa mesma reserva legal correspóndelles aos presidentes ou directores dos organismos autónomos da Comunidade a autorización e disposición de gastos e créditos, respectivamente, o recoñecemento de obrigas e o ordenamento dos pagamentos que lles correspondan a estes.
3. Regulamentariamente, o Consello da Xunta de Galicia poderá establece-las competencias e os trámites que debe realizar directamente a Consellería de Economía e Facenda, respecto da contabilidade e da tesourería para os organismos autónomos e entes que polas súas características se estime oportuno sen prexuízo da normativa que lles sexa aplicable.
4. As facultades ás que se fai referencia neste artigo poderán ser obxecto de delegación ou desconcentración nos termos que regulamentariamente se estableza.
Artigo 73. Fases do gasto.
A xestión económica e financeira dos dereitos e créditos incluídos nos orzamentos da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos estructurarase de acordo coas seguintes fases:
a) Orzamento de gastos.
- 1. A autorización do gasto, que é o acto en virtude do cal a autoridade competente acorda a realización dun gasto, calculado en forma certa ou aproximada, reservando para tal fin a totalidade ou unha parte do crédito orzamentario legalmente destinado a garanti-lo cumprimento das obrigas que poidan ser consecuencia daquel, tida en conta a súa natureza económica.
- 2. A disposición, que é o acto en virtude do que se acorda, concerta ou determina, segundo os casos, despois de cumpri-los trámites que de acordo co dereito procedan, a contía concreta que debe alcanza-lo compromiso económico para a realización de todo tipo de prestacións.
- 3. O recoñecemento da obriga, que é a operación de contraer en contas os créditos esixibles contra a Comunidade de Galicia que deban acreditarse como contraprestación económica derivada dos acordos, dos concertos ou das normas resolutorias que determinen a disposición dun crédito, unha vez realizada e xustificada adecuadamente a correspondente prestación e efectuada a pertinente liquidación.
- 4. O ordenamento do pagamento, que é a operación en virtude da cal o ordenador competente, logo de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, expide a orde de pagamento contra a Tesourería da Comunidade a favor do respectivo acredor.
b) Orzamento de ingresos.
- 1. O compromiso de ingresos, que é o acto con base no que se recoñece en contas o dereito a liquidar un determinado recurso por unha contía certa se se cumpren aquelas condicións e trámites que se prevexan nas normas legais aplicables.
- 2. O contraído do recurso, que é o acto polo que se liquida este e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción pola súa exacta contía.
- 3. A recadación do recurso, que constitúe o proceso polo que a Tesourería da Comunidade fai líquido e ingresa nas súas caixas o importe deste.
Artigo 74. Ordenación xeral de pagamentos.
1. A ordenación xeral de pagamentos da Comunidade correspóndelle ao conselleiro de Economía e Facenda, podendo delegar a dita competencia de acordo cos procedementos legais aplicables.
2. Co obxecto de facilita-lo servizo de ordenamento de pagamentos, poderanse establecer ordenamentos secundarios baixo a dependencia do conselleiro de Economía e Facenda ou da autoridade na que delegue as súas competencias sobre a materia.
3. Os servizos e as funcións dos ordenamentos de pagamentos dispoñeranse regulamentariamente por proposta do conselleiro de Economía e Facenda.
Artigo 75. Plan de disposición.
A expedición de ordes de pagamento con cargo ao orzamento da Comunidade e dos seus organismos autónomos deberá axustarse ao plan que sobre disposición de fondos da Tesourería estableza anualmente a Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 76. Tramitación.
1. As ordes de pagamento expediranse unha vez que se xustificase documentalmente ante o órgano competente para recoñece-la respectiva obriga a realización da prestación ou o dereito do acredor, conforme os acordos polos que no seu día se autorizaron e comprometeron os correspondentes gastos.
2. Os ordenadores de pagamentos poderán recibi-las propostas e libra-las correspondentes ordes de pagamento mediante a utilización de procesos informáticos.
Neste suposto a documentación xustificativa do gasto realizado poderá quedar naqueles centros nos que se recoñeceron as correspondentes obrigas, para a súa posterior inclusión, se é o caso, na Conta Xeral da Comunidade Autónoma ou para a súa posta á disposición dos órganos de control competentes.
3. Nos casos establecidos no número anterior, aos ordenadores de pagamentos non lles serán exixibles responsabilidades que procedan de trámites anteriores á súa participación no proceso de xestión orzamentaria, considerándose nestes casos que a referencia que no artigo 122º e seguintes desta lei se fai ás responsabilidades dos ordenadores de pagamento entenderase referida aos órganos que recoñezan as obrigas ou propoñan o ordenamento do pagamento.
Artigo 77. Pagamentos para xustificar.
1. Terán o carácter de pagamentos para xustificar os fondos librados para atender gastos que non poidan ir acompañados da documentación xustificativa a que se fai referencia no artigo anterior.
2. Poderán expedirse ordes de pagamento para xustificar nos supostos seguintes:
- a) Cando os documentos xustificativos non poidan achegarse antes de efectua-la proposta de pagamento.
- b) Cando se considere conveniente a utilización deste sistema para axilizar significativamente a xestión dos créditos.
- c) Cando as ordes de pagamento teñan por obxecto satisfacer gastos en localidades onde non existan dependencias do organismo autónomo de que se trate.
3. A Consellería de Economía e Facenda, oídas as consellerías, logo de informe da Intervención Xeral, establecerá as normas xerais que regulen a expedición de ordes de pagamento para xustificar, así como os seus límites cuantitativos e os conceptos orzamentarios aos que son aplicables.
4. As ordes de pagamento cursadas co carácter de para xustificar aplicaranse aos créditos orzamentarios que correspondan e os seus perceptores quedarán obrigados a xustifica-la aplicación das cantidades recibidas no prazo de tres meses, estando suxeitos ao réxime de responsabilidades previsto nesta lei. Nos casos excepcionais poderá concederse unha prórroga adicional por outro período igual para formalizar en todo ou en parte a citada xustificación.
5. No curso dos dous meses seguintes á data de recepción da documentación xustificativa a que se refiren os números anteriores, o órgano competente procederá á aprobación ou ao reparo da conta rendida.
6. Non terán a condición de pagamentos para xustificar as provisións de fondos de carácter permanente que se realicen a pagadorías, caixas e habilitacións para a atención de gastos periódicos ou repetitivos. Estes anticipos de caixa fixa terán a consideración de operacións extraorzamentarias e a súa contía global non poderá exceder do 10% do capítulo destinado a gastos correntes en bens e servizos do orzamento vixente en cada momento. Regulamentariamente, ordenarase o procedemento de concesión de anticipos de caixa fixa, a súa xustificación e imputación ao orzamento e demais aspectos relacionados con eles.
Artigo 78. Axudas e subvencións
Artigo 79. Xustificantes
Artigo 80. Liquidación.
1. O orzamento de cada exercicio liquidarase en canto á recadación de dereitos liquidados e ao pagamento de obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do ano natural correspondente, e quedarán a cargo da Tesourería da Comunidade Autónoma os dereitos pendentes de cobro e as obrigas pendentes de pagamento segundo as súas respectivas contraccións.
2. Non obstante, aplicaranse ao exercicio corrente os ingresos procedentes de dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do peche do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, dos fraccionamentos e das moratorias legalmente concedidos, así como os que se encontren dentro do prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario. Neste suposto, deberase proceder a dar de baixa os indicados dereitos nas contas xustificativas da xestión de recursos imputables ao exercicio que se cerra, antes da súa inclusión nas contas do exercicio seguinte.
3. Os demais ingresos que se realicen unha vez cerrado o exercicio orzamentario respectivo quedarán desafectados do destino específico que, se é o caso, lles correspundese, sen prexuízo do seu recoñecemento e nova afectación con cargo ao orzamento do exercicio en curso, naqueloutros supostos que así se determinen.
Artigo 81. Remanentes de Tesourería.
1. O remanente de Tesourería da Comunidade ou de cada un dos seus organismos autónomos administrativos con referencia a un exercicio orzamentario determinado estará formado pola suma das dispoñibilidades líquidas e mailos dereitos recoñecidos pendentes de cobro, menos as obrigas recoñecidas pendentes de pagamento, segundo a situación que os mesmos presenten ata o 31 de decembro do exercicio anterior.
2. Entenderase por remanente de Tesourería dispoñible aquel que non estea afectado ao financiamento específico de determinados gastos.
O remanente de Tesourería dispoñible poderá afectarse na súa totalidade ou en parte ao financiamento do orzamento inicial de gastos ou ao financiamento de modificacións orzamentarias, unha vez que sexa suficientemente comprobada a súa dispoñibilidade.
3. A diferenza que en cada momento exista entre o remanente dispoñible e o afectado ao financiamento do orzamento inicial ou de modificacións orzamentarias ao longo do exercicio constituirá o remanente líquido.
4. No caso de resultar un remanente de Tesourería negativo ao longo do exercicio, o organismo autónomo afectado instruirá o oportuno expediente de modificación orzamentaria ante a Consellería de Economía e Facenda, no que se propoñerá a baixa naqueles créditos que considere adecuados para o financiamento daquel.
No orzamento que non sexa de organismos autónomos, o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, dará de baixa créditos das distintas consellerías.
De non ser posible, no orzamento seguinte compensaranse con menores gastos.
Descargar
PDF Word HTMLPreguntas frecuentes
Cal é o exercicio orzamentario en Galicia?
O exercicio orzamentario coincide co ano natural. A el imputaranse os dereitos liquidados e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro.
Que ocorre se o Parlamento de Galicia non aproba os orzamentos a tempo?
Consideranse automaticamente prorrogados os orzamentos do exercicio inmediato anterior, e a Consellería de Economía e Facenda pode elaborar os estados de gastos correspondentes.
Que é un crédito extraordinario?
É un crédito que se concede cando debe realizarse un gasto que non pode demorarse ata o exercicio seguinte e non existe crédito suficiente nos estados de gastos, mediante proxecto de lei.
Ponte a prueba
Tarjetas de repaso
Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.
Test
Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.