Historia e evolución da narrativa galega contemporánea desde 1975 ata a actualidade

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,68 KB

Coa morte de Franco en 1975 e a volta á democracia, iníciase un período de apertura lingüística e de auxe cultural en Galicia. A presenza da lingua e literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as editoriais, os premios e revistas, e proliferan as obras literarias na nosa lingua.

Todo isto provoca un espectacular desenvolvemento da narrativa galega, medrando en cantidade, calidade e prestixio, na que podemos salientar as seguintes características:

  • Pluralidade de estilos e temáticas: co desenvolvemento de subxéneros de todo tipo, como o relato policial, a ciencia ficción, o relato de aventura, de viaxes, erótico, humorístico, entre outros.
  • Definitiva incorporación da narrativa galega aos modelos e técnicas universais.
  • Creación de editoriais de referencia como Xerais, Galaxia, etc. Os escritores poden optar a premios por primeira vez.
  • Espectacular desenvolvemento da narrativa infantil e xuvenil pola introdución do galego no ensino.
  • Consolidación da narrativa das mulleres, que se incorporan plenamente ao panorama literario.

Etapas da narrativa galega contemporánea

Na historia da narrativa galega das últimas décadas podemos diferenciar as seguintes etapas:

Etapa de tránsito e renovación (1975-1980)

Caracterízase precisamente pola persistencia de modelos antigos de autores que continúan en activo como Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé Neira Vilas ou os escritores da Nova Narrativa Galega (Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares...), os cales se consolidan na súa etapa de madurez.

A renovación vén da man de Xosé Fernández Ferreiro, quen destaca polas súas obras de contido social sobre a guerra civil e, ademais, será o pioneiro da literatura de masas ou de consumo coa novela de vaqueiros en galego.

Etapa dos anos 80

Autores destacados deste período son Víctor Freixanes, Alfredo Conde ou Xavier Alcalá, gañadores de distintos premios literarios.

Unha das novidades deste período é a aparición de toda unha serie de voces femininas que lle dan unha nova interpretación ao feito literario. É o caso de voces como María Xosé Queizán, quen tratará o tema da homosexualidade, e Margarita Ledo Andión coa obra Mamá-Fé, baseada no mundo do audiovisual.

Espazo á parte merece a literatura experimental e a ruptura cos xéneros literarios tradicionais de Suso de Toro con obras como Land Rover. Así mesmo, aparece por primeira vez a novela negra en galego con Carlos G. Reigosa, que terá moita aceptación entre o público galego.

Etapa dos anos 90 e comezos do século XXI

Quizais o trazo máis destacado sexa a multiplicación dos xéneros narrativos e a apertura de novos camiños para a narrativa galega. Destacan as seguintes tendencias e autores:

  • Literatura de masas: coa temática policial de Domingo Villar e a súa recoñecida obra A praia dos afogados.
  • Auxe da narrativa infantil e xuvenil: con autores de referencia como Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey.
  • Continuación da narrativa memorialista: centrada na guerra civil e na posguerra, destacando obras como O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas.
  • Narrativa do conflito rural-urbano: que afonda no choque entre a vida rural e urbana, onde salientan os relatos de Manuel Rivas.
  • Innovación temática: coa consolidación da literatura futurista, a novela de terror e o relato erótico.
  • Narrativa Bravú: transgresora e irreverente cos canons literarios tradicionais, con autores como Santiago Jaureguizar.

Nos últimos anos xorden novas voces como Sechu Sende, quen introduce o tema do conflito lingüístico na súa exitosa obra Made in Galiza.

Especial importancia ten na actualidade a chamada "literatura de muller" con figuras como María Reimóndez e Rosa Aneiros, as cales denuncian nas súas obras os roles patriarcais e afondan nas relacións entre mulleres.

Entradas relacionadas: