Historia e Cultura de Galicia: Da Guerra Civil á Realidade Lingüística Actual
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,73 KB
A Guerra Civil en Galicia (1936-1975)
A Guerra Civil foi provocada por un golpe de Estado contra a legalidade republicana, promovido polo exército ao mando de Franco. Este conflito tivo graves consecuencias en diversos ámbitos:
- Políticas: Instauración dunha ditadura ata 1975, caracterizada pola represión das persoas defensoras da liberdade, a prohibición de linguas que non sexan o castelán e a vulneración dos dereitos humanos.
- Sociais: Supresión dos dereitos fundamentais conseguidos por traballadores, mulleres e outros colectivos.
- Económicas: Crise e evolución económica marcada pola escaseza de produtos básicos para as clases desfavorecidas.
En Galicia, o conflito armado durou poucos días, pero deu paso a unha represión cruel e longa.
A Posguerra e a Ideoloxía Franquista
A ideoloxía do franquismo era contraria á democracia e mantiña puntos en común con Hitler e Mussolini. As consecuencias inmediatas foron:
- Prohibición de partidos políticos e sindicatos.
- Peche de xornais e revistas.
- Instalación da censura e limitación das liberdades individuais.
- Afectación directa á expresión cultural en linguas que non fosen o castelán.
Consecuencias para a vida cultural en galego
A cultura galega sufriu un forte impacto: clausura de editoriais, revistas e xornais; persoas fusiladas relacionadas coa cultura (como Ánxel Casal ou Alexandre Bóveda); persoas exiliadas (Castelao, Luís Seoane); persoas apartadas do seu traballo (Otero Pedrayo); e persoas que apoiaron o réxime (Risco, Cunqueiro).
Oposición ao Franquismo
Oposición no Exterior
Os exiliados levaron a cabo un intenso traballo cultural e político. Destaca a creación de editoriais, xornais, revistas e programas de radio que mantiveron viva a identidade galega.
Oposición no Interior
Despois dunha década de silencio na posguerra máis dura, podemos diferenciar entre:
- Resistencia cultural: Artellada a partir dos anos 50 arredor da Editorial Galaxia, que retomou a publicación de libros en galego.
- Resistencia política: Aproveitando un certo aperturismo da ditadura, xorden partidos nacionais galegos de esquerdas nos anos 60.
Cronoloxía de Feitos Históricos
Galicia
- 1941: Fundación de Astano.
- 1944: Formación do Consello de Galiza en Bos Aires.
- 1947: Creación de Sargadelos.
- 1950: Morte de Castelao e fundación da Editorial Galaxia.
- 1958: Apertura de Citroën en Vigo.
- 1960: Fundación de Pescanova.
- 1962: Fundación de Coren.
- 1963: Fundación do Partido Socialista Galego e primeira celebración do Día das Letras Galegas.
- 1964: Fundación da Unión do Pobo Galego.
- 1965: Morte de "O Piloto".
- 1968: Protestas estudantís en Compostela.
- 1972: Folgas en Ferrol.
España e o Mundo
- 1939: Inicio da Segunda Guerra Mundial.
- 1948: Creación do Estado de Israel.
- 1955: Ingreso de España na ONU.
- 1959: Revolución Cubana.
- 1961: Construción do Muro de Berlín.
- 1968: Movementos estudantís en París.
- 1969: O home chega á Lúa.
- 1973: Golpe de Estado de Pinochet en Chile.
- 1975: Morte de Franco.
O Traballo Cultural dos Exiliados
Entre os exiliados destacan figuras como Luís Seoane, Blanco Amor, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Emilio Pita e Ramón de Valenzuela. Todos eles puxeron en marcha iniciativas fundamentais:
- Edición de revistas culturais e literarias (Galicia, Galicia Emigrante).
- Creación de canles para publicar libros galegos (coleccións Hórreo e Dorna).
- Consolidación do teatro galego.
- Extenso labor de divulgación da cultura galega entre os emigrantes.
Luís Seoane
Exiliouse en Bos Aires debido á Guerra Civil. Alí desenvolveu un labor de axitación política e cultural (fundou editoriais, dirixiu revistas, ilustrou libros) e medrou como pintor. Entre as súas publicacións destacan:
- (1952) Fardel de eisiliado.
- (1956) Na brétema Sant-Iago.
- (1959) As cicatrices.
- Obras de teatro: A soldadeira e O irlandés astrólogo.
A súa poesía ten como temas fundamentais a emigración e o exilio, intentando dar voz aos que deixaron Galicia. É unha poesía de denuncia social onde a mensaxe prima sobre a preocupación formal.
A Obra Narrativa de Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor trouxo á literatura galega novos temas e formas de narrar. As súas obras principais en galego son:
- A esmorga (1959): Ambientada nos arrabaldes de Ourense, narra a declaración ante un xuíz de Cibrán sobre a morte dos seus compañeiros, o Bocas e o Milhomes. Emprega unha linguaxe dura e realista que crea unha atmosfera tráxica.
- Xente ao lonxe (1972): Narra, a través do neno Suso, a historia dunha familia obreira e de esquerdas no Ourense do século XX. É unha novela fragmentaria e moi emotiva.
- Os biosbardos (1962): Recolle sete contos onde explora diversas facetas da infancia e a adolescencia.
Situación Sociolingüística Actual en Galicia
Segundo os últimos datos cuantitativos do Instituto Galego de Estatística (2018), o galego segue a ser a lingua maioritaria en Galicia, pero a moi pouca distancia do castelán. Esta situación agocha unha realidade complexa:
- O galego non está plenamente normalizado.
- Existe unha fenda territorial: hai máis de 50 puntos de diferenza entre o hábitat rural e as cidades.
- O uso do galego descende a medida que baixa a idade dos falantes.
- Mantense a práctica de cambiar ao castelán en certos ámbitos.
- A influencia dos medios de comunicación favorece maioritariamente ao castelán.