Hannah Arendt e a Dualidade entre a Vida Pública e a Vida Privada
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,36 KB
Contexto Histórico e Filosófico de Hannah Arendt
Hannah Arendt foi unha filósofa xudía nacida en 1906 e falecida en 1975. A súa obra estivo influída polo existencialismo, corrente filosófica da que tomou a importancia da liberdade, da acción humana e da reflexión sobre a existencia. A súa condición de xudía tamén marcou profundamente o seu pensamento, especialmente pola persecución nazi que a obrigou a exiliarse. Na súa obra Eichmann in Jerusalem analizou o xuízo ao nazi Adolf Eichmann e desenvolveu a idea da “banalidade do mal”, segundo a cal persoas correntes poden cometer grandes atrocidades cando actúan sen pensar criticamente e limitándose a obedecer ordes.
A Dualidade entre a Vida Privada e a Vida Pública
O tema central deste texto é a comparación entre a vida privada e a vida pública:
- A vida privada: É o ámbito no que cada persoa se mostra como é, de maneira singular, única e diferente das demais, predominando así a diferenza e a individualidade.
- A vida pública: É o espazo común no que os individuos conviven como iguais, organizándose colectivamente a través da xustiza e do recoñecemento mutuo de dereitos.
O Concepto de Zoón Politikón
Neste sentido, Arendt recolle a idea clásica do ser humano como zoón politikón, concepto formulado por Aristóteles, segundo o cal o ser humano é un animal político por natureza, é dicir, un ser que necesita vivir en comunidade e participar na vida pública. Así, o texto destaca que é precisamente na esfera pública onde o ser humano desenvolve a súa dimensión política, construíndo un mundo común xunto cos demais a través da igualdade e da acción colectiva.
Estrutura do Discurso
En canto á estrutura, este texto non segue unha organización claramente dividida, xa que as ideas aparecen entrelazadas ao longo de todo o fragmento. A autora vai alternando continuamente referencias á vida privada e á vida pública, comparando ambas esferas de maneira constante. Por iso, non se pode distinguir unha parte dedicada exclusivamente á vida privada e outra á vida pública, senón que as dúas ideas vanse entreverando, o que reforza a comparación que Arendt quere establecer entre ambas.
Perspectiva Crítica e Contrastes Filosóficos
Relación con Aristóteles
Por unha banda, en relación con Aristóteles, o texto encaixa coa idea do ser humano como zoón politikón, é dicir, un ser social por natureza. Porén, poderíase criticar que o texto non destaca tanto esa naturalidade da vida política, senón que insiste máis na construción artificial da igualdade, o que se afasta da visión aristotélica máis naturalista da comunidade política.
Crítica desde a Óptica de John Locke
Por outra banda, desde John Locke, pódese criticar a idea de que a igualdade se “concede mutuamente”, xa que isto lembra ao contrato social. Locke defendía que a sociedade se basea nun pacto para garantir dereitos naturais, pero na práctica esa igualdade non sempre é real, senón máis ben formal, polo que pode existir unha distancia entre o acordo teórico e a realidade social.