Guillerme de Ockham: Razón, Fe e Coñecemento

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 6 KB

A Abstracción e a Intuición en Ockham

Santo Tomás pensaba que a abstracción era prioritaria sobre a intuición. O entendemento atende só en principio aos conceptos e, unha vez captados estes e desde eles, pode atender aos entes particulares.

O proceso de abstracción en Ockham non podería ser un proceso de extracción das esencias coma en Santo Tomás (porque non hai esencias que extraer). Como se produce entón?

Ockham diría que formamos os conceptos universais a partir das semellanzas que podemos percibir entre os entes particulares (semellanzas que nos dá a intuición). Os individuos teñen propiedades que só lles pertencen a eles e a partir desas propiedades (que non son ningunha natureza común que compartan) xeramos na nosa mente o concepto universal.

Para Ockham o proceso polo que nace o concepto universal non é algo que decidamos ao noso capricho; o concepto nace de xeito natural a partir da intuición dos individuos. Todos formamos conceptos de “home” similares ante a percepción de homes concretos. Ockham cre que, incluso ante un só individuo, podemos formar un concepto, e non explica como; di que é un proceso escuro.

Actualmente tendemos a entender a formación de conceptos non de xeito natural, senón dun xeito convencional. Decidimos como formar os nosos conceptos.

Ockham tamén denomina abstracción a todo proceso mental que non inclúe o coñecemento inmediato da existencia. Podemos especular sobre cousas que non temos actualmente presentes ante nós (esquimós, por exemplo).

Ockham cre que o coñecemento que se logra por abstracción, aínda que é o único que constitúe a ciencia, nunca ten unha seguridade absoluta. Non é evidente. Por tanto, é secundario a respecto do intuitivo (nace del) e dependente del; á fin e ao cabo, só o coñecemento intuitivo nos dá a seguridade da existencia de algo.

O Problema de Razón e Fe en Ockham

A primeira ruptura do pensamento de Ockham respecto de toda a filosofía medieval é a súa defensa da separación absoluta entre razón e fe. Ambas son, para Ockham, facultades distintas, e carece de sentido pretender que existan verdades comúns ou que poidan coñecer un mesmo ámbito da realidade.

Esta tese distánciase, xa que logo, da proposta de Santo Tomás das verdades comúns a razón e fe, ou tamén do punto de vista agustiniano, que non atopaba a necesidade de separar razón e fe.

O pensamento de Ockham caracterizouse, a este respecto, como agnosticismo fideísta. Agnosticismo, en tanto que nega a capacidade da razón para alcanzar as verdades de fe; e fideísta, na medida en que só un acto de fe permite acceder a este tipo de verdades. Só a fe pode levarnos a admitir a existencia de Deus ou a inmortalidade da alma.

Como consecuencia, a existencia de Deus será, a xuízo de Ockham, indemostrable. Nin as vías tomistas nin o argumento ontolóxico son demostrativos. A existencia de Deus (do mesmo xeito que a inmortalidade da alma) non son verdades ás que a razón poida acceder por si soa. No fondo, o que está propondo Ockham é que a razón humana é moito máis limitada do que nun principio cabería esperar.

Consecuencias da Separación entre Razón e Fe

Como consecuencia da separación entre razón e fe, rompe tamén a subordinación da filosofía á teoloxía. Ambas son ciencias distintas, e non hai por que condicionar os resultados dunha á outra. A filosofía comeza así a independizarse do dogma relixioso, que ata agora viñera fixando o marco teórico no que podía desenvolverse a súa tarefa, e tampouco vai ter como misión a defensa dos dogmas relixiosos, ou a crítica das herexías. Isto, evidentemente, é a condición necesaria para que no Renacemento a filosofía desenvolva dun modo específico (e non subordinado á teoloxía) outros temas como a teoría do coñecemento, o pensamento político ou a metodoloxía da ciencia.

Precisamente, o que está facendo Ockham, en certo xeito, é liberar á razón humana do que poderiamos chamar un imperativo teolóxico: a razón pode xa esquecerse de cuestións teolóxicas que nunca poderá resolver, para empezar a ocuparse do mundo e os seus problemas, de todo o que nos rodea. Así, no fondo, estamos permitindo que a razón estude o mundo, a natureza, primeiro paso que é indispensable para o desenvolvemento da ciencia.

Considerando á razón como unha facultade de coñecemento moi limitada, Ockham estaba facéndolle un gran favor, pois abría a posibilidade de que comezase a enfrontarse a problemas nos que si se pode avanzar grazas á razón, como a estrutura do Universo (Copérnico-Kepler-Galileo) ou o movemento dos corpos (Descartes-Newton), ou o mesmo funcionamento do corpo humano.

A partir da separación entre razón e fe proposta por Ockham, xa non será Deus nin os dogmas relixiosos o primeiro obxecto de estudo da razón, senón que esta poderá centrar a súa mirada na natureza, e no ser humano mesmo, o que será unha característica esencial no Renacemento e a modernidade.

Separación da Igrexa e o Estado

Outro dos efectos da separación de razón e fe será tamén a consideración da separación da Igrexa respecto ao Estado. Ata o século XIV, o poder político estaba directamente relacionado co poder relixioso: revestíase dun carácter divino a aquel que ostentaba o poder, e por iso as autoridades políticas e as relixiosas estaban intimamente unidas. De feito, a separación do poder político respecto ao poder relixioso será un dos acontecementos que marquen o cisma do cristianismo.

Ockham será un dos primeiros filósofos que defenderán a necesidade da separación da Igrexa respecto ao Estado. A súa comprometida defensa da pobreza (un dos valores centrais da orde franciscana) levarao a criticar tamén o privilexio e a posición de poder que a Igrexa viñera ocupando ao longo de toda a Idade Media. Este proceso, iniciado no século XIV, culminará no Renacemento coa concepción da política como unha disciplina autónoma (Maquiavelo).

Entradas relacionadas: