Guía Básica de Economía: Renda, Consumo, Aforro e Tipos de Sociedades
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Economía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,89 KB
A Renda: Concepto e Importancia Económica
O concepto de renda fai referencia a cantidades de diñeiro que se perciben cada certo tempo. Tecnicamente, a renda pode ser definida como aquel ingreso que pode ser gastado nun período sen que diminúa a fonte orixinal que o crea. Son rendas todos aqueles ingresos periódicos e predicibles con que contan as familias; como é o caso dos salarios, pensións, xuros bancarios recibidos, etc.
O Consumo: Destino dos Ingresos Familiares
A maior parte dos ingresos obtidos polas familias vai dedicado ao consumo, é dicir, á obtención de todo aquilo que precisan. Nunha sociedade pouco desenvolvida, estes gastos irán dedicados a conseguir fundamental ou exclusivamente bens de primeira necesidade. A medida que as sociedades se van desenvolvendo, a proporción de gastos dedicada a este tipo de bens irá diminuíndo, para deixar paso a outros menos vencellados á supervivencia e máis a gozar dunha vida máis confortable.
O Aforro: Relación con Renda e Consumo
A parte das rendas non consumida é a que se denomina aforro. Pódese dicir que existe unha estrita relación entre renda, consumo e aforro. En xeral, as familias con maiores rendas son as que máis aforran.
Tipos de Sociedades Segundo a Súa Forma de Propiedade
As sociedades poden ser de diversas clases, segundo a súa forma de organización, relacións entre os socios, tipos de responsabilidade que estes manteñen, etc.
Sociedades Anónimas (SA): Capital e Responsabilidade
As Sociedades Anónimas son sociedades cun capital dividido en partes denominadas accións. Os propietarios son os accionistas e o seu nivel de responsabilidade vai dado polo número de accións que posúen e queda limitado a el. As accións pódense comprar e vender na Bolsa, sendo o prototipo de sociedade capitalista. En xeral, os socios participan no goberno da sociedade, nas xuntas xerais, segundo a cantidade de accións que posúan. Tan só os grandes propietarios forman parte do Consello de Administración, que é realmente quen a dirixe.
Sociedades Colectivas: Carácter Personalista e Responsabilidade
As Sociedades Colectivas teñen un carácter máis personalista. Aquí os socios teñen un papel máis importante, pois responden das débedas sociais dun xeito solidario e ilimitado. A participación no goberno da sociedade é máis directa que nas SA, pois, ao ter maior grao de responsabilidade, os socios están máis implicados nas decisións sociais.
Sociedades Cooperativas: Beneficio Mutuo e Actividade Económica
As Sociedades Cooperativas nacen cunha finalidade distinta ás anteriores, pois tratan de beneficiar aos socios cooperativistas mediante a actuación na propia actividade da cooperativa. As cooperativas fórmanse cando un grupo de persoas considera que é máis doado traballar conxuntamente que de xeito individual, e danse en calquera tipo de actividade económica (agricultura, consumo, vivenda, servizos, crédito...).
Clasificación de Empresas Segundo o Propietario
Empresas Privadas: Propiedade e Beneficios
As Empresas Privadas son aquelas nas que os seus propietarios son persoas individuais ou sociedades de carácter privado; polo tanto, son estes quen se apropian dos seus beneficios.
Empresas Públicas: Obxectivos Sociais e Estratéxicos
As Empresas Públicas son aquelas en que o seu propietario é unha entidade pública como o Estado, a Comunidade Autónoma ou o Concello. Os seus obxectivos, en principio, deben ser beneficiar mediante a súa actividade ao conxunto da sociedade, por operar en determinados sectores de carácter estratéxico.