A Guerra Fría (1947-1991): Orixe, Bloques e Conflitos do Mundo Bipolar

Historia9,02 KB

A Guerra Fría (1947-1991)

A Guerra Fría foi un longo e complexo período, entre 1947 e 1991, que cambiou a fisionomía de boa parte do planeta. Trátase dun conflito global de carácter económico, ideolóxico e cultural entre dous bloques diferenciados, liderados polos Estados Unidos e a URSS. A Guerra Fría mantivo un estado permanente de tensión internacional: a confrontación leste-oeste non foi directa, senón que se fixo mediante terceiros países.

As Potencias Vencedoras

A Segunda Guerra Mundial deixara o mundo destruído. Emerxeron dúas grandes potencias en canto a modelo político, social e económico: os EE. UU. e a URSS. A igualdade de forzas evitou unha confrontación xeneralizada. Esta tensión tivo unha dimensión militar visíbel no constante incremento e renovación do armamento convencional e nuclear, mais tamén tivo un carácter político e económico; foi un auténtico enfrontamento ideolóxico.

A Formación dos Bloques

A reconstrución política do mundo foi o resultado das decisións tomadas polos dirixentes dos aliados nunha serie de reunións: Teherán, Yalta e Potsdam. Nas dúas últimas decidiuse a ocupación de Alemaña, a súa desmilitarización e a depuración de dirixentes nazis. Con todo, nestas mesmas conferencias xurdiron as primeiras diverxencias.

  • En 1947, o presidente Truman pediulle ao Congreso dos EE. UU. autorización para axudar a Grecia e Turquía, pois cría necesario frear a expansión soviética (os anglosaxóns pensaban que os soviéticos axudaban aos comunistas gregos).
  • Pola súa banda, os dirixentes e ideólogos soviéticos alertaban sobre o perigo do expansionismo estadounidense, que podía conducir a unha dominación universal dos EE. UU.

A URSS contribuiu a impoñer gobernos comunistas en gran parte dos países de Europa oriental, mentres que os occidentais enfrontáronse ás guerrillas comunistas e á presenza electoral e política dos partidos comunistas noutros territorios. Os primeiros puntos de fricción foron Irán e Grecia:

  • Irán: moi rica en petroleo, fora ocupada durante a guerra por tropas soviéticas, mais os EE. UU. forzaron a súa retirada.
  • Grecia: saíu da guerra nunha situación de guerra civil entre comunistas e grupos monárquicos. Os soviéticos e iugoslavos apoiaban aos guerrilleiros, mentres que Gran Bretaña sostiña o proxecto monárquico.

A Consolidación dun Mundo Bipolar

A división do mundo entre un bloque occidental controlado polos EE. UU. e outro oriental controlado pola URSS púxose definitivamente de manifesto en dous acontecementos clave: o Plan Marshall e o Bloqueo de Berlín.

O Plan Marshall

A partir de 1947, os EE. UU. dispuxo unha importante axuda económica que pretendía ao mesmo tempo a recuperación de Europa e frear a expansión soviética. O obxectivo era arredar a ameaza do comunismo do continente europeo e consolidar unhas clases medias que apoiasen sistemas de goberno democráticos. Distribuíu entre 16 países europeos preto de 13 000 millóns de dólares en cinco anos, creando a OECE, xermolo da futura CEE. Como resposta, a URSS e os seus aliados crearon en 1949 un mercado común comunista: o CAME (Consello de Asistencia Mutua Económica).

O Bloqueo de Berlín e a división alemá

O bloqueo de Berlín selou definitivamente a división do mundo en dous bloques opuestos. En 1945, Alemaña e a cidade de Berlín quedaran divididas en catro zonas. Berlín quedaba dentro da área soviética e a 160 km da zona americana. En 1948 prodúcese a unificación das tres zonas nun só estado alemán, ao que se opuxo a URSS radicalmente. Como forma de presión, pechou as comunicacións terrestres coa zona occidental de Alemaña e o sector occidental da cidade.

O bloqueo durou case un ano, e esta parte da cidade sobreviviu grazas á ponte aérea permanente realizada polos estadounidenses, que fixeron unhas usascentas mil viaxes para transportar mil millóns e medio de toneladas de víveres en avións. En 1949 creáronse dous estados alemáns:

  • A República Federal Alemá (RFA), coa agrupación das zonas de EE. UU., Reino Unido e Francia.
  • A República Democrática Alemá (RDA), na zona soviética.

A creación de alianzas militares: OTAN e Pacto de Varsovia

En 1949 créase a OTAN, co obxectivo de organizar a defensa do bloque occidental. En resposta, o bloque oriental constituiu en 1955 o Pacto de Varsovia, alianza militar integrada pola URSS e por todos os países de Europa oriental, ag excepto Iugoslavia.

En 1961, a cidade de Berlín volveu ser escenario da confrontación. Na década dos 50, case catro millóns de alemáns decidiran abandonar a República Democrática Alemá. A madrugada do 13 de agosto dese ano, o goberno comunista de Alemaña oriental ordenou construír un muro de cimento que se converteu no símbolo do "pano de aceiro" que separaba o mundo comunista e o mundo capitalista ata a súa caída en 1989.

Os Conflitos Bélicos

A partir de 1950, a bipolarización provocó que se desencadearan por todo o mundo numerosos conflitos armados.

A Guerra de Corea (1950-1953)

A península de Corea pertencera ao Imperio xaponés e foi invadida polos aliados ao final da guerra: as tropas soviéticas entraron polo norte, mentres que o exército estadounidense o facía polo sur e pola capital, Seúl. En 1945 foi dividida en dúas partes polo paralelo 38 e, en 1949, formáronse dous estados: Corea do Norte e Corea do Sur.

Meses despois, Corea do Norte invadiu o sur. Os estadounidenses reaccionaron enviando tropas a Corea do Sur e lograron que a intervención fose apoiada pola ONU, sendo esta a primeira actuación militar liderada polos EE. UU. En 1953 asinouse a paz que consagrou a división do país.

A Guerra de Vietnam (1946-1975)

Constitúe a última fase dun longo proceso que se iniciou como un conflito de descolonización. Indochina (constituídan por Vietnam, Camboxa e Laos) formaba parte do imperio francés en Asia e fora ocupada polos xaponeses durante a guerra mundial. Ao acabar o conflito, o dirixente comunista Ho Chi Minh proclamou a independencia de Vietnam. Francia non a aceptou e comezou unha guerra contra a guerrilla comunista.

En 1954 o exército francés foi derrotado e o territorio quedou dividido en dúas partes polo paralelo 17: no sur unha república nacionalista e no norte unha de signo comunista. Os EE. UU., seguindo a teoría do dominó para evitar a expansión comunista tras a caída de China, decidiron intervir directamente apoiando a ditadura militar de Vietnam do Sur.

Con todo, non puideron derrotar ás guerrillas comunistas (Viet Cong), o que lles ocasionou un gran descrédito internacional. En 1975 os EE. UU. abandonaron Vietnam do Sur, aceptando a reunificación do país baixo un goberno comunista.

A Coexistencia Pacífica

Denomínase coexistencia pacífica o período no que as dúas grandes potencias chegaron a un acordo de respecto mutuo, aceptando as súas diferenzas ideolóxicas e as súas respectivas áreas de influencia. Foi promovida por Kennedy e Khrushchev. Na distensión influíu o feito de que a URSS fixese estourar a súa primeira bomba atómica en 1949 (anos máis tarde, Francia, Gran Bretaña e China tamén dispoñerían de armamento nuclear). Ambas as potencias eran conscientes da ameaza de destrución mutua segura que supuña esta situación en caso dun conflito global.

A crise dos misiles de Cuba (1962)

Desde 1959 instaurouse en Cuba un réxime prosoviético presidido por Fidel Castro, que os EE. UU. consideraban unha ameaza (especialmente tras a caída do ditador Batista, que contara con apoio estadounidense). En xullo de 1962, os soviéticos comezaron a instalar na illa bases con ramplas de lanzamento de misiles nucleares.

Un avión espía estadounidense descubriu as ramplas e Kennedy decretou o bloqueo naval a calquera barco que se dirixise a Cuba con material estratéxico. A frota americana comezou a deter buques soviéticos ata que Khrushchev ordenou deter a instalación das bases e comprometeuse a retirar as armas, mentres que Kennedy se comprometeu a non invadir a illa e a retirar secretamente misiles nucleares de Turquía.

Os tratados de control de armamento

O perigo vivido reforzou a necesidade de organizar a coexistencia. Abrironse canles de comunicación estables como o coñecido "teléfono vermello" e comezaron a asinarse acordos bilaterais:

  • O Tratado de Moscova (1963), que prohibiu as explosións nucleares na atmosfera.
  • O Tratado de Non Proliferación Nuclear.
  • Conversas para reducir o armamento nuclear (SALT).
  • A celebración da Conferencia sobre Seguridade e Cooperación en Helsinki.

Descargar

PDF Word HTML