Grupo Nós en Galicia: revista, integrantes e legado cultural (1920–1936)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 15,89 KB

Grupo Nós: revista e integrantes (1920–1936)

En 1920 publicouse en Ourense a revista Nós, subtitulada «Revista mensual da cultura galega», na que participaban Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Afonso Castelao. Imprimiuse primeiro en Ourense e logo en Pontevedra, A Coruña e Santiago, até o nº 144, días antes do inicio da Guerra Civil. A portada foi deseñada por Castelao e colaboraron nela, ademais dos propios fundadores, Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Fermín Bouza Brey e Ricardo Carballo Calero, ademais de diversos autores portugueses.

O Grupo Nós foi cualificado polo investigador Francisco Fernández del Riego como «o do Segundo Rexurdimento». Nados ao redor de 1880, os integrantes de Nós procedían de familias acomodadas e tiñan unha sólida formación intelectual, xa que cursaran estudos universitarios. Nese aspecto estaban moi familiarizados coas tendencias europeas que dominaban as artes naqueles tempos. Tamén se definen como individuos inadaptados e inconformistas, interesados polas culturas exóticas e orientais, e polo ocultismo e o esoterismo.

Un dos seus principais logros foi o desenvolvemento e modernización da prosa e do ensaio en lingua galega, cos que acadaron niveis nunca imaxinados até ese momento. Os membros do Grupo Nós tiveron unha formación literaria baseada no simbolismo francés e nas correntes de finais do s. XIX. Evolucionaron desde un esteticismo evasivo, neorromántico e cosmopolita (algo snob), até un galeguismo universal. Tomaron conciencia na época das Irmandades da Fala, viaxaron por Europa e polo mundo, e buscaron as terras exóticas, até que observaron que Galiza era a máis apaixonante aventura intelectual que podían imaxinar.

Dende entón constituíron un equipo para o estudo, a dignificación e o desenvolvemento da realidade galega, conectándoa con Europa, cun afán de modernización da cultura galega a través do atlantismo celtista, como reflicte o seu interese polas culturas irlandesa e bretoa. Como resultado, a prosa colleu un gran pulo e o galego emprégase por vez primeira na ciencia a través do Seminario de Estudos Galegos (SEG, 1923), ao que tamén se vincularon. Os textos que mellor definen esta nova etapa política nacionalista son unha mostra do seu compromiso coa modernidade e coa renovación cultural galega.

Biografía e obra de Vicente Risco

Vicente Risco naceu en Ourense en 1884. Despois de estudar Dereito, ingresou na delegación de Facenda en Ourense e en 1910 pasou a formar parte do xornal El Miño. En Madrid matriculouse en Maxisterio e, de volta a Ourense, deu clases de historia na Escola Normal. Fundou en 1917 a revista La Centuria, na que colaboraron outros membros do coñecido cenáculo ourensán: Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.

Co tempo, ingresou no galeguismo das Irmandades da Fala da man de Antón Losada Diéguez e publicou en A Nosa Terra. Editou Teoría do nacionalismo galego (1920). Coa chegada da ditadura de Primo de Rivera en 1923 triunfou a liña culturalista que lideraba Risco nas Irmandades da Fala. En 1930 viaxou a Centroeuropa para estudar etnografía e folclore, que publicou en Nós e recolleu no seu libro Mitteleuropa, onde reflicte certos cambios ideolóxicos e un interese pola Alemaña de Hitler.

Durante a República fundou con Otero Pedrayo o Partido Nacionalista Republicano, que acabaría confluíndo co Partido Galeguista. Cando este se integrou na Frente Popular, Risco abandouna e fundou outro partido, Dereita Galeguista. Tras a Guerra Civil viviu en Ourense adicado á etnografía, até que volveu empregar o galego na Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo, na tradución de A familia de Pascual Duarte e nalgúns congresos de etnografía en Portugal, así como na Homenaxe a Florentino López Cuevillas. Morreu en Ourense en 1963. Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1981.

A súa produción narrativa ten carácter intelectual, está relacionada coa produción ensaística e representa unha continuación do seu pensamento filosófico: esoterismo e visión cíclica da historia, todo artellado como materia prima dos relatos, que supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou naturalista. Destacan:

  • Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919).
  • O lobo da xente / A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925).
  • A Coutada (1926).
  • Os europeos en Abrantes (1927).
  • O porco de pé (1928).

Producción ensaística e etapas

No que atinxe á súa produción ensaística, que é onde atopa a súa máis natural expresión, distinguimos tres etapas:

  • Etapa anterior a 1920. Publica Nós os inadaptados (Nós, 1933), en que reproduce a evolución ideolóxica do grupo, describindo o decadentismo de finais de século, o cosmopolitismo e as filosofías orientais. Pon de relevo os gustos literarios e artísticos do grupo ourensán.
  • Etapa 1920–1934. Ingreso nas Irmandades da Fala e no galeguismo. Fundación de Nós e publicación da Teoría do nacionalismo galego.
  • Etapa 1934–1963. Crónicas da viaxe por Europa publicadas en Nós e en Mitteleuropa (1934), en que salienta o militarismo e o fascismo: «ideas de Berlín» e certo desencanto co galeguismo. Máis adiante publica tamén Leria (1961), en que se recollen unha serie de textos filosóficos e de crítica literaria.

En relación coa produción teatral cómpre destacar o drama O bufón de El-Rei (1928), que se desenvolve na época medieval. Narra os celos do bufón Galehaut de Kerganor polo capitán Guindanor polos seus amores coa raíña Iolanda. Guindanor identifícase cos coñecidos personaxes da materia de Bretaña e da corte do Rei Artur: Tristán, Amadís ou Lancelot.

Contexto político e cultural: Irmandades da Fala e o nacionalismo

En 1840 naceu o provincialismo e a finais do s. XIX o rexionalismo, que herdarán as Irmandades da Fala, fundadas en 1916 e que constitúen un auténtico revulsivo para a sociedade galega, que vai avanzar cara ao nacionalismo co Partido Galeguista (1931). Os líderes deste movemento nacionalista foron os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte que, xunto con Lois Porteiro Garea, X. Vicente Viqueira, Lois Peña Novo, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas, espallaron as súas ideas a través do voceiro A Nosa Terra.

Coas Irmandades da Fala creouse un novo discurso reivindicador e dignificador do idioma, ademais do avance no proceso de estandarización e conformación dun rexistro culto do galego. Promovéronse creaciones de novela, ensaio científico, artigos xornalísticos, relatos breves, etc. Asemade, romperon coas pautas diglósicas e a lingua galega comezou a súa andaina en novos eidos: Igrexa, propaganda comercial, radio, Universidade...

Tamén houbo un intento por recuperar a auténtica toponimia galega e foron creando novos selos editoriais como Lar e Nós. Fúndanse tamén compañías teatrais e corais (Toxos e Froles, Coral de Ruada...) e ponse en marcha o Seminario de Estudos Galegos (1923). Nestes anos xorden tamén as coleccións de libros de pequeno formato, «Terra a Nosa», «Céltiga» e «Lar», así como a revista Nós (1920) e a primeira revista infantil, As Roladas.

No ámbito educativo, o editor Ánxel Casal impulsou as Escolas de Insiño Galego e a mestra Xosefina Iglesias Vilarelle un método de lectura (1932) para escolares. Tamén Vicente Risco e Xoán V. Viqueira elaboraron plans para a galeguización das escolas. No ámbito da Igrexa, o arcebispo Lago González e os sacerdotes Xesús Carro e Paulino Pedret comezaron a escribir en galego. En 1931 saíu do prelo a revista eclesiástica Logos, en Pontevedra, e comezou a súa andaina galeguista o colectivo relixioso Deus Fratesque Gallaeciae.

En 1931 xurdiu o Partido Galeguista (PG), que recuperou o papel das Irmandades na procura da autodeterminación e dun Estatuto de Autonomía, que foi aprobado en plebiscito polo pobo galego o 28 de xuño de 1936. O golpe de estado militar de 1936 impediu a súa aprobación até 1938, aínda que de pouco serviu pois a ditadura franquista rematou con toda a esperanza.

Biografía e obra de Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas naceu en Cambados en 1876, estudou no Seminario de Compostela e regresou á vila natal como oficial do Concello. Lector dos clásicos, escribiu artigos para a prensa local. Emigrou á Habana en 1910, onde foi administrador do Teatro Nacional, no Centro Galego. Publicou o poemario No desterro (1913), con prólogo de Basilio Álvarez, e Vento mareiro (1915), en que aparece o Himno de Acción Gallega. Ao seu regreso mantivo contactos coas Irmandades da Fala a través de Antón Vilar Ponte e colaborou en A Nosa Terra e publicou Da terra asoballada (1917).

En 1920 ingresou na RAG co discurso «A saudade nos poetas galegos». Cabanillas publicou a comedia amorosa A man da santiña, para o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, da Irmandade da Coruña. Tamén escribiu o drama O mariscal (1926), baseado na figura do Mariscal Pardo de Cela; e o poema narrativo Na noite estrelecida (1926), ademais de A rosa de cen follas (1927).

En 1929 ingresou na RAE cun discurso sobre «Eduardo Pondal». Tras a Guerra Civil publicou a recompilación da súa poesía narrativa en Camiños no tempo (1949). En 1951 saíu do prelo Antífona da cantiga, o primeiro libro da Editorial Galaxia, e en 1954 máis poesía lírica en Da miña zanfona, con referencias machadianas. Traduciu poetas universais en Versos de alleas terras e de tempos idos (1955), ademais de Samos (1958), que glosa o mosteiro e a vida monacal. Faleceu ao ano seguinte en Cambados e os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

No conxunto da súa obra observamos: a) elementos procedentes da tradición clásica greco-latina (Horacio, Virgilio, Ovidio), do romanticismo serodio (Heine) e do folclore popular galego (Rosalía, Curros e Pondal); b) outros elementos anovadores que proceden do modernismo hispanoamericano (Rubén Darío), do saudosismo portugués (Teixeira de Pascoaes) e do simbolismo e postsimbolismo (Baudelaire, Verlaine...).

Do modernismo bota man da versatilidade de metros e ritmos, con versos alexandrinos, o gusto polo sensual, a musicalidade e os efectos coloristas, que se combinan cun marcado ideal ético e unha finalidade conscienciadora. Na súa poesía lírica destaca unha poesía social ou combativa, agrarista e anticaciquil; foi considerado por Basilio Álvarez como o sucesor de Curros, e polos integrantes das Irmandades da Fala como o «poeta da raza».

Tamén escribiu poesía intimista, do estilo de Rosalía de Castro; e poesía costumista, con novidades formais propias do modernismo. No apartado da poesía narrativa cómpre salientar Na noite estrelecida (1926), con temas da materia de Bretaña e dividido en tres sagas: «A espada Escalibur», «O cabaleiro do santo Graal» e «O soño do Rei Artur». Trátase dunha obra épica, onde a narración non é o elemento principal, senón a estrutura, onde domina o descritivo e requintado esteticismo, en forma de exaltación da beleza. Emprega na composición dos versos tiradas de pareados alexandrinos e o romance.

Amais, podemos advertir catro etapas na súa obra:

  • Etapa pregaleguista (1910–1915). Sitúanse os seus dous primeiros poemarios, publicados en terras cubanas, onde amosa a nostalxia do emigrado e a defensa do campesiñado galego, en poemas coma «A un cacique» ou «Lume no pazo», na liña de Curros Enríquez.
  • Etapa galeguista (1916–1920). Corresponde cos poemas de Da terra asoballada (1917), en que adopta o discurso político das Irmandades da Fala, o celtismo, o galeguismo e a oposición ao caciquismo. Desta etapa tamén é A man da Santiña.
  • Etapa mítico-saudosista (1921–1930). Correspondente con Na noite estrelecida (1926), en que mestura a época celta, a medieval e a crise do século XV. O poemario está cargado dunha mensaxe patriótica e cristiá, cunha linguaxe fortemente simbólica e chea de misticismo. Insire referencias eruditas e mestura versos alexandrinos, romances e estrofas populares. Desta etapa son O bendito San Amaro (1925), ilustrado por Castelao; O Mariscal (1926), escrita en colaboración con Antón Vilar Ponte; e A rosa de cen follas (1927), nunha liña intimista e amorosa, en clave modernista. A espada Escalibur é un dos principais elementos simbólicos de Na noite estrelecida (1926).
  • Etapa de posguerra (1939–1959). Recupera parte da súa madurez creadora en pleno proceso de reactivación cultural da lingua galega. Amais da recompilación da literatura popular que realiza en Antífona da cantiga (1950), publica Da miña zanfona (1954), onde trata a tristeza, a mocidade perdida e a morte; e Samos (1958), poemas clásicos de tipo descritivo en que procura unha comuñón coa natureza, resaltando o tópico do locus amoenus.

Editoras, coleccións e tendencias literarias das Irmandades

As Irmandades da Fala fomentaron a creación de editoras e publicacións periódicas en lingua galega, así coma coleccións literarias con novelas curtas na nosa lingua a prezos moi económicos, cuxo obxectivo era conformar un novo modelo de narrativa galega moderno, máis urbano e de temas amenos, onde publicaron por vez primeira autores que logo destacarían nas nosas letras. Delas cómpre salientar:

  • «¡Terra a Nosa!», subtitulada «Biblioteca Popular Galega», saíu na Coruña en 1919 como suplemento do xornal El Noroeste e publicou, entre outros, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, de Vicente Risco.
  • Céltiga, publicada pola Irmandade de Ferrol, na que destaca Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), de Castelao. Esta colección contou coa colaboración de moitos artistas plásticos.
  • Lar. Revista quincenal, quizais a máis salientábel, nacida na Coruña en 1924 da man de Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal; publicou entre 1924 e 1927 máis de corenta títulos de autores tan destacados como Pedrayo, Francisca Herrera ou X. Lesta Meis.
  • Outras coleccións máis efémeras foron Alborada (Pontevedra, 1922), Libredón (Santiago, 1924) e Ronsel (Lugo, 1924).

Nesta época podemos sinalar as seguintes tendencias:

  • Interese polo humor e o macabro, que aparece en Memorias dun esquelete (1922), de Castelao.
  • Neoceltismo.
  • Narrativa etnográfica e popular, en O lobo da xente (1925), de Vicente Risco.
  • Narrativa naturalista, como Manecho o da rúa (1926), de Lesta Meis, que trata un tema novidoso: a vida nun enxeño azucreiro cubano.
  • Narrativa política, crítica co caciquismo, como O deputado por Beiramar (1919), de Gonzalo López Abente.
  • Narrativa sentimental e de amor, ás veces envolta en traxedia, como A modelo de Paco Asorey (1933), de Xoán X. González.
  • Tendencia simbolista en novelas líricas, como Os probes de Deus (1925), de Luís Amado Carballo.

Entradas relacionadas: