Glosario de termos históricos: da Antigüidade á Idade Moderna
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,98 KB
Aula Regia
Aula Regia: Institución consultiva das monarquías xermánicas na Alta Idade Media, particularmente importante no reino visigodo, onde tamén recibe o nome de consilium. Participan nel os principais dignatarios que axudaban nas decisións que os reis tomaban e elixían ao propio monarca, xa que a monarquía era electiva. Herdeiras da Aula Regia foron as Cortes e parlamentos. Pode facer referencia asemade ao propio espazo físico do Salón do Trono.
Bárbaros
Bárbaros: Termo peiorativo que procede do grego e significa “balbucear”. Pobos en xeral que non falaban grego ou latín. Estranxeiros que foron penetrando no Imperio Romano a través de desprazamentos de poboación (migracións), ás veces violentamente e enfrontándose cos romanos e axudando á caída do imperio no século V d. C. (por exemplo: hunos, visigodos, xermanos...).
Castro
Castro: Poboado fortificado celta, de orixe prerromana e de notoria importancia no noroeste peninsular (cultura castrexa). Son lugares de poboamento, os máis antigos da Idade do Bronce, que perviviron á ocupación romana ata a Idade Media, onde foron abandonados. Normalmente, non sempre, situados en cumios rochosos, tiñan murallas e vivendas circulares ou elípticas.
Conventus
Conventus: Asemblea ou reunión conxunta de romanos e indíxenas que aconsellaban ao gobernador na administración de xustiza na Península Ibérica. Fan referencia tamén ás divisións administrativas e territoriais (non fixas), cunha capital e onde o gobernador exerce xustiza, recada impostos e recluta tropas. Son territorios máis pequenos que as provincias e maiores que unha civitas. Gallaecia estaba formada polos conventi de:
- Lucus Augusti
- Bracara Augusta
- Asturica Augusta
Economía depredadora
Economía depredadora: Tipo de actividade económica de subsistencia característica do Paleolítico que utiliza o que a natureza ofrece, sen repoñer o que toma. Comprende actividades como a recolleita, a caza e a pesca. Está en contraposición da economía produtiva típica a partir do Neolítico (agricultura e gandeiría).
Guerras cántabras
Guerras cántabras: Tamén chamadas astur-cántabras, desenvolvéronse entre o 29 a. C. e o 19 a. C. e enfrontaron aos romanos (vencedores) e diferentes pobos astures e cántabros. Supuxeron a culminación da conquista da Península Ibérica polos romanos e tiveron unha motivación maiormente política e de prestixio para a glorificación de Augusto, primeiro emperador.
Megalitismo
Megalitismo: Palabra procedente do grego mega (grande) e de lithos (pedra). Fenómeno cultural que se refire fundamentalmente a un período concreto que vai dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce e que se caracteriza pola realización de construcións arquitectónicas feitas con grandes bloques de pedra no ámbito espacial do Mediterráneo occidental e toda a fachada atlántica. Os tipos máis salientables son:
- Dólmenes (enterramentos colectivos)
- Menhires (pedras fincadas no chan)
- Aliñamentos e formas circulares (henge)
Agrarismo
Agrarismo: Movemento político e social que agrupa aos labradores en sociedades agrarias ou sindicatos para defender os seus intereses (maiormente o acceso á terra en propiedade). Especialmente importante en Galicia a fins do XIX e principios do XX cando apareceu Solidariedade Galega. Defendíase a eliminación dos foros e a loita contra o caciquismo. Destacou Basilio Álvarez.
Desastre de Annual
Desastre de Annual: Derrota española no Rif en 1921 cando o xeneral Silvestre despregou as tropas no Protectorado sendo atacados polas kabilas rifeñas ao mando de Abd el-Krim e retirándose en desbandada ata o forte do Monte Arruit. En total foron masacrados máis de 10.000 españois e proclamouse a República do Rif. As consecuencias afectaban aos militares (desorganización e falta de recursos, accións temerarias) e ao propio rei, acusado de animar ao xeneral Silvestre no seu propósito.
Directorio Militar
Directorio Militar: Primeira etapa da ditadura de Primo de Rivera que vai dende 1923 ata 1925 (Directorio Civil). O goberno estaba dirixido por militares e tratou de desmantelar o sistema da Restauración, restablecer a orde pública (Somatén), crear un partido único (Unión Patriótica), defender a unidade da patria e poñer fin á guerra de Marrocos (desembarco de Alhucemas). Foi o momento de maior prestixio da ditadura.
Expediente Picasso
Expediente Picasso: Investigación de 1921-1922 que tratou de depurar responsabilidades tras o desastre de Annual e dirixida polo xeneral Juan Picasso. Foi obxecto de debate nas Cortes e cualifica de neglixente a acción de Berenguer e de temeraria a de Silvestre. Politicamente difundiuse a sospeita de que o rei andaba detrás da acción deste último. Quedou en nada logo do golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera.
FAI
FAI: Federación Anarquista Ibérica. Fundada en 1927, na ditadura de Primo de Rivera, foi unha organización anarquista de tendencia revolucionaria e máis radical que o sindicato CNT. Tivo protagonismo na II República dominando ao sindicato, opoñéndose á República e participando na Guerra Civil Española no bando republicano pero defendendo a idea de que facer a guerra e a revolución eran inseparables.
Pacto de San Sebastián
Pacto de San Sebastián: Reunión de personalidades opositoras á monarquía durante a Ditabranda de Berenguer (republicanos, nacionalistas, socialistas) en agosto de 1930 que establecen un acordo verbal comprometéndose a derrubar á monarquía, establecer a república parlamentaria e as liberdades, e convocar Cortes Constituíntes. Formaron un Comité revolucionario colaborando cos militares republicanos para sublevarse. Os seus membros formarán o Goberno Provisional cando se proclame a II República (Azaña, Alcalá Zamora, Casares Quiroga...).
Semana Tráxica
Semana Tráxica: Sucesos violentos ocorridos en 1909 en Barcelona e outras cidades provocados polo impopular embarque de tropas de reservistas para ir á guerra de Marrocos. Convocada unha folga xeral por socialistas e anarquistas, a protesta obreira radicalizouse, levantándose barricadas e incendiándose igrexas (anticlericalismo). Foron reprimidos violentamente polo goberno de Maura, sendo executado Ferrer i Guardia como promotor (sen probas). Isto provocou a caída de Maura (“Maura non!”).
Unión Patriótica
Unión Patriótica: “Partido” político español (1924) fundado por Miguel Primo de Rivera como unha asociación de cidadáns que substituiría aos vellos partidos da Restauración para dar soporte ao novo réxime ditatorial. O seu ideario era máis que fascista, tradicionalista católico, monárquico e corporativista. Segundo palabras do ditador era un partido político pero que no fondo é apolítico. Partido organizado dende o poder e para o poder en palabras de Calvo Sotelo, non tivo arraigo trala caída da ditadura.