Glosario de Termos Demográficos e Urbanos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,28 KB

Conceptos Clave de Demografía e Urbanismo

  • Poboación activa: conxunto de persoas de 16 anos e máis que subministran man de obra á produción de bens e servizos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse á produción. Comprende a poboación ocupada (a que traballa efectivamente) e a poboación desocupada (a que busca emprego e se atopa no paro). En España considérase a franxa de idade entre os 16 e os 67 anos.
  • Esperanza de vida: cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir, ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose no 2013 para España en 85,6 anos para as mulleres e 79,9 para os homes. Na actualidade tende a acurtarse esta diferenza.
  • Réxime demográfico: período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características en canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense:
    • Réxime demográfico antigo: con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso.
    • Réxime demográfico moderno: con taxas de natalidade e mortalidade baixas, que favoreceron o aumento do crecemento demográfico. Hoxe as taxas son moi baixas, o que ralentizou de novo o crecemento natural.
  • Crecemento vexetativo: diferenza entre a taxa de natalidade e a taxa de mortalidade dun grupo humano, expresada en porcentaxe (‰). A taxa é alta se supera o 20‰, media entre 20‰ e 10‰, baixa entre 10‰ e 0‰ e negativa se é inferior a 0‰.
  • Padrón municipal de habitantes: rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Recolle datos demográficos, económicos e sociais da poboación, aínda que en menor número que o censo. Actualízase cada 1 de xaneiro, polo que é un documento dinámico, actualizado anualmente coas altas e baixas residenciais e cos nacementos e defuncións dos veciños.
  • Inverno demográfico: situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade que están por debaixo da taxa de reposición (2,1 fillos por muller), o que provoca un avellentamento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración de cara a cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE e Xapón, así como tamén en Rusia.
  • Área metropolitana: rexión urbana que engloba unha cidade central (metrópole) que dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar coma cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos, pero todo organizado dun xeito centralizado. Entre a metrópole e as cidades satélites prodúcense de xeito cotián os movementos pendulares da poboación. Coñécese tamén coma rede urbana.
  • PXOM: o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un instrumento definido na normativa urbanística de España coma un instrumento básico de ordenación integral do territorio dun ou varios municipios, a través do cal se clasifica o solo, se determina o réxime aplicable a cada tipo de solo e se definen os elementos fundamentais do sistema de equipamentos do municipio en cuestión.
  • Xentrificación: ou aburguesamento é un proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo, á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés gentrification. A xentrificación comeza cando un grupo de persoas de certo nivel económico descobre un barrio que, a pesar de estar degradado e descapitalizado, ofrece unha boa relación entre a calidade e o prezo e decide instalarse nel. Estes barrios adoitan estar situados preto do centro da cidade ou contar con determinadas vantaxes, coma estar preto dos polos de emprego, etc.
  • Cidade difusa: modelo de desenvolvemento urbano de inspiración anglosaxoa que se caracteriza por unha expansión do tecido urbano, con menor densidade de edificación, ao longo das áreas metropolitanas e das contornas rururbanas. Na súa superficie configúranse áreas segregadas, especializadas en funcións residenciais, comerciais e industriais. A ideoloxía clorofila, dominante a finais do século XX, expandiu este modelo en España, que se adaptaba tradicionalmente ao modelo de cidade compacta mediterránea.
  • Cidade de 15 minutos: modelo de planificación urbanística sustentable, lanzado na COP21 de París (2015), caracterizado por promover un deseño urbano que facilite o acceso ás necesidades básicas (traballo, vivenda, alimentación, saúde, educación, cultura e lecer) baseado na proximidade e nos desprazamentos a pé ou en bicicleta, menos contaminantes. Outro modelo sustentable é o das supermazás, postas en práctica na cidade de Barcelona.

Entradas relacionadas: