O Galego Bajo el Franquismo (1936-1975): Resistencia y Recuperación Lingüística

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,03 KB

O Galego de 1936 a 1975: Contexto Histórico y Sociolingüístico

O inicio da Guerra Civil Española supón a parálise de todo o proceso galeguizador precedente. Galicia fica sometida polo medo e o terror. Axiña comezaron os xuízos sumarísimos, os “paseos”, as depuracións dunha poboación que pouco antes votara o Estatuto de Autonomía.

Esta parálise acentúase coa vitoria do fascismo e do ditador Franco, que ostentaría a xefatura do goberno do Estado Español durante corenta anos (morreu o 20 de novembro de 1975).

Instáurase unha Ditadura que reprime, ás veces moi violentamente, a expresión noutra lingua que non sexa “a lingua do imperio”, é dicir, o castelán.

Arrúase todo o esforzo anterior: institucións, revistas, editoriais, e destrúense, tamén, vidas de persoas entregadas á súa defensa: Alexandre Bóveda, Xoán Xesús González, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla... O labor galeguista só pode continuar no exilio. En Galicia impera o silencio e o medo. O centro da cultura galega desprázase a Bos Aires e a literatura galega fica amordazada.

A ditadura franquista persegue con dureza o uso consciente do galego, converténdoo, na práctica, nunha lingua clandestina de uso familiar e coloquial que era tachada de dialecto do castelán, ignorando os máis elementais estudos de lingüística románica. Máis información no libro de Alonso Montero, “Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado)” e a revista A Nosa Terra nª 643, do 10-1994.

Arredor de 1950 comezan a aparecer algúns síntomas de recuperación para a lingua e a cultura de noso:

  • Aparece a colección de poesía Benito Soto en Pontevedra e Xistral en Lugo.
  • Fúndase a editorial Bibliófilos Gallegos en Santiago e Monterrey en Vigo.
  • O xornal de Santiago La Noche dálle cabida a un suplemento literario en que se publican textos en galego. Véxase o libro de Franco Grande, “Os anos escuros I” e “Os anos escuros II”.
  • Créase a editorial Galaxia que actúa coma unha fronte cultural ao franquismo e, alén da publicación de obras literarias, edita as revistas Grial e Revista de Economía de Galicia. Léase o libro de Fernández del Riego, “A xeración Galaxia”.

Polos anos sesenta van xurdir:

  • Diferentes asociacións culturais: O Facho na Coruña, O Galo en Santiago, Abrente en Rivadavia, que serán focos de galeguización e de resistencia ao franquismo.
  • A Unión do Pobo Galego (UPG, 1964) e O Partido Socialista Galego (PSG, 1965), dentro da clandestinidade, de ideoloxía nacionalista de esquerdas, que teñen entre os seus obxectivos irrenunciábeis a defensa do galego coma lingua oficial.
  • Á publicación de grandes obras da nosa literatura, xa comezada con Galaxia, hai que engadir a publicación de “Longa noite de pedra” (1962) e “Memorias dun neno labrego” (1962).
  • Polos anos 60 e parte dos 70 a reivindicación da lingua foi constante entre poetas e cantautores. Entre estes últimos merece especial mención Suso Vaamonde.
  • En 1963 a Real Academia Galega institúe a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada cada 17 de maio a unha figura literaria, comezando por Rosalía de Castro nese ano en que se conmemoraba o centenario da publicación de Cantares Gallegos.
  • En 1965 a lingua e a literatura galegas incorpóranse aos estudos de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. En 1971 crearíase nesa Universidade o Instituto da Lingua Galega.
  • En 1965 celebrouse a primeira misa no noso idioma (a Igrexa galega viviu e vive de costas á lingua galega).
  • En 1973 iníciase a celebración das Mostras de Teatro de Rivadavia.

Nos últimos anos da ditadura vanse dando pasos para que, a pesar do descenso de falantes e da perda de prestixio social, o idioma de Galicia vaia recuperando ámbitos de uso.

Mais a pesar de todas estas intencións, o certo é que o galego perde falantes e a diglosia continúa avanzando. Tanto que Alonso Montero publica en 1973 o “Informe –dramático- sobre la lengua gallega”, onde alerta sobre o perigo da morte do noso idioma, tese combatida en 1976 por Francisco Rodríguez en “Conflito lingüístico e ideoloxía en Galicia”.

Características Lingüísticas Fundamentais (1936-1975)

O galego escrito na posguerra non responde a ningunha norma sistemática; eis que encontramos abonda variedade de solucións. Os escritores de Galaxia reducen o uso do apóstrofo e do guión. En xeral, todos os axentes galeguistas escribían de acordo a criterios propios. Foi o primeiro profesor encargado da docencia de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago, Ricardo Carvalho Calero, o que elaborou a gramática máis coñecida “Gramática Gallega”. A comezos dos setenta a RAG asumirá o labor na codificación do idioma ao publicar os primeiros códigos normativos minimamente completos e sistemáticos en 1970 e 1971.

Entradas relacionadas: